O Curro da Parra gaña o Santiago (é)tapas

Parece que o Santiago(é)Tapas -o exitoso concurso de tapas de Santiago- ten tendencia a premiar locais e conceptos novos de restauración, pero o certo é que en todos os anos hai locais que sorprenden, recollendo a esencia do concepto tapa -rapidez, impacto, sabor directo e sen complicacións, sorpresivo- e crean ideas interesantísimas. Este ano parece ser que a cousa estivo disputadísima, pero impúxose unha delicia, o Bloody Mary made in Galicia dun minúsculo pero moi xeitoso local aberto no corazón da zona vella, na Rúa Travesa (tictactictac a ver quen sabe onde está). Tratábase dunha fresquísima tapa servida a xeito de cóctel, con pementos do país, berberechos, e os ingredientes do mítico Bloody Mary, o tomate, o vodka, a laranxa…unha delicia. En breve falarémosvos máis deste local, por certo.

O restaurante Acio levou o premio á segunda mellor tapa, un salpicón de polbo, refrescante e divertido, unha reviravolta ao concepto habitual deste prato que entra moi ben xa nas datas nas que estamos. En terceiro lugar, ficou a Pescada sobre emulsión de chícharos, ceboliñas ao tomiño limoeiro e pataca confeitada do Hotel Puerta del Camino. Atención, porque as tres tapas deste local eran de auténtico nivelón, practicamente unha comida de alta cociña por seis euros. O Garum gañou o premio á tapa que mellor marida con Estrella Galicia Artesana, co seu Bocado doce de vieira e o público premiou á Torrada con xeado de crema de augardente, de A Tafona, que para min foi a mellor tapa doce do evento.

Os meus parabéns aos premiados e, en xeral, a todos os bares participantes. Tiven a fortuna de formar parte do xurado en varias das expedicións que realizou polos barrios de Santiago e, canda os meus compañeiros, teño que recoñecer unha cousa: como está subindo, ano tras ano, o nivel das tapas. Non só a súa presentación é mellor, senón que hai unha mellora notoria na selección de ingredientes, no alixeiramento dos procesos de elaboración e na aposta por tapas de calidade. Os clientes, tamén, responden moi ben a este esforzo.

3 Comments

  1. Abasteiro
    2 / Xuño/ 2011

    coido que falta citar ó Abasos 2.0 co recoñecemento do público.

  2. 2 / Xuño/ 2011

    Certo! As presas de saír da casa! Parabéns ao Abastos 2.0 tamén!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *