Un Lago de Garda


Fotos: Sole

O Lago de Garda, o mar interior do norte de Italia e, se cadra, o máis masificado dos lagos italianos, é tamén ben fermoso. Disfrutámolo escoitando unha noite que nacía del, que nos levaba a el. Pola noite, os lagos compórtanse de xeito diferente ao mar. Percorrendo ribeiras cheas de castelos que encerran aldeas aínda poboadas, chegamos a Saló, un lugar de infausta memoria. Aquí se imprantou o efémero estado de Mussolini, cando os alemáns ocuparon o norte de Italia e retornaron a Mussolini ao poder, convertido nun monicreque da Wermacht e de Hitler.

Percibimos en Saló o anoitecer, desde unha privilexiada terraza, nunha praíña sombreada por cipreses enfronte da viliña. Parece mentira que nesa coqueta e deliciosa revolta do Lago de Garda se concentrara o último alento do fascismo no chan italiano. A paz da paisaxe alpina sempre camiñou canda a dor dos tanques nos gobernos fascistas da II Guerra Mundial. Hoxe tomamos aquí un bo viño branco de aquí do Lago -cun punto de acidez ao xeito galego- e aperol, mesturando viño prosecco, soda e este curioso aperitivo. Aquí pasamos as horas, percibindo esta primavera que se pousa sobre as montañas, mentres soa música glam e a mocidade de Saló xúntase a intercambiar sorrisos.

Amañecemos en Desenzano del Garda, mentres o sol pega no lago e poñemos rumbo a Sirmione. Aló, na esquina, un romano adiñeirado ergueu unha fastuosa vila aínda visible hoxendía, que brilla -si, brilla-, sobre as praias de pedra do Lago di Garda. Nós non chegamos a ela -o luns pechan todos os museos en Italia- pero coñecemos a viliña medieval de Sirmione, atrapada no rollo kitsch do turismo pero na que sobrancea o seu castelo. ¿Canto desta estrutura será realmente medieval?

2 Comments

  1. 19 / Abril/ 2011

    Non sei se medieval, pero esas almeas son claramente ghibelinas. Mírase que os da rexíón, xa daquela, tiraban máis polo Reich (aínda que fose o primeiro), que polo Papa.

  2. alvarez
    24 / Abril/ 2011

    Preciosas fotos. Pena que non visitaram os restos da facenda romana coa sua igresia medieval nun outeiro na beira do lago, cos seus graffitis do XVII ate hoxe. Pasaron mais de 30 anos e ainda nos lembramos dela e dise lago de ensoño, para nos o mais belo de Italia, o cal xa é moito dicir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *