Cuestión de queixo: un menú San Simón no Parador de Vilalba


Fotos: Sole

A intensísima xornada de visita á denominación San Simón tivo un momento especialmente interesante nun xantar gastronómico que tivemos no Parador de Vilalba. Tratábase de coñecer a versatilidade dun queixo tan particular coma o San Simón aplicado ás diferentes partes dun xantar. Antes de nada, unha nota: descoñecía este hotel e gustoume moito: máis pequeno que a media de paradores, combina o estilo clásico cunha atención moi agradable. Un moi bo hotel para visitar esta área de Lugo, ao meu ver. O chef Marcos Domínguez, responsable de cociña do Parador de Vilalba, encargouse de levar a cabo o cometido, e hai que indicar que o Parador ofrece tamén un moi completo menú a base de San Simón no seu restaurante a trinta euros. Vexamos o menú.

O certo é que eu son un apaixoado do uso do queixo na cociña, con independencia do tempo e do momento no que se empregue dentro dun menú longo. No caso de Marcos, o uso do queixo, na maior parte dos pratos, funcionaba como un termómetro. Percibías o queixo con forza nos entrantes e nos postres; na parte intermedia do menú o queixo intervía con máis suavidade, funcionando case como unha especie con personalidade.

Aínda que o menú foi para campións, hai que mencionar o bo nivel de cousiñas como as croquetiñas de caponciño e San Simón, e non poden deixar de probar, se van por aló, as empanadas que fai este home, por riba da media. A empanada ás veces é un prato que se come case por defecto, sen reparar moito nela; cando a empanada é boa, como esta, volves mirar para ela. Isto é diferente, eh? Os pratos sucedéronse a un bo ritmo; non todos estaban resoltos a nivel visual ou de elaboración co mesmo acerto, pero o nivel xeral andivo ben alto. Eu resaltaría ese peixe sapo coa escuma de algas, a excelencia da carne (á altura da terra na que está o restaurante) ou o semifrío de San Simón dos postres, que estaba fantástico.


O xoven chef Marcos Domínguez

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará