
Foto: Antonio Hernández / El Correo Gallego
O pasado 10 de marzo o concello de Santiago homenaxeou, como todos os anos, a oito mulleres da cidade, de profesións e carreiras diferentes, polo seu traballo de liderazgo en profesións con forte presenza masculina, nas que elas tiveron que abrirse paso. Unha delas, sen dúbida, foi Dona Concha Valladares, empresaria e propietaria de Ultramarinos Valladares, na zona nova de Compostela. Unha currante nata que se fixo un nome no mundo do viño en Galicia , décadas -si, décadas- antes de que se puxera de moda. E iso sendo moi honesta cos clientes, loitando por conseguir os mellores viños e ofrecelos, comprendendo e coñecendo a todos os que aparecían pola porta, intuíndolles o viño. Mulleres como Conchita son responsables de algo moi sinxelo e grande: polas súas mans pasaron as botellas que marcaron os fitos importantes da vida dos veciños dunha cidade; os grandes rituais simbólicos que seguen a marcar a nosa vida, pero tamén os informais, os encontros ou os reencontros. Conchita foi das primeiras en moverse con axilidade nun mundo aínda demasiado masculino como é o do viño.
No acto (aquí podes ler a crónica de El Correo Gallego) leuse este perfil desta gran muller que é Dona Concha Valladares, escrito por min con moito agarimo. Podes lelo no interior do post.
Concha Valladares: unha vida cos clientes
Dona Concha Valladares naceu na Estrada, de pai dentista e nai mestra. A súa vocación sempre foron os negocios de cara o público. Coñeceu o sector do comercio da man do seu home, quen tiña un almacén de coloniais na vila pontevedresa, pero axiña ela emprendeu a súa propia historia como empresaria no nacente Ensanche compostelán. Xa desde o principio, Dona Concha tiña claro que quería abrir unha tenda especializada en produtos de calidade e en viños, o que hoxe chamariamos unha tenda gourmet. Sería a primeira da cidade. A nosa sociedade, apoiada nunha crecente prosperidade económica, pero tamén nunha mellor formación cultural, comezaba a prestar máis atención á gastronomía. Dona Concha foi a primeira en crear un espazo para un público que esixía, que sabía ou que quería aprender sobre os praceres da vida.
“Despois da familia, o mellor que me pasou na miña vida foron os meus clientes”, asegura Concha. A moitos -a ese abundante sector de profesionais liberais e da educación que caracterizaron á nosa cidade no século pasado- atendeunos ao longo da súa vida profesional. Aos fillos dos clientes viunos medrar entre os estreitos andeis da tenda Valladares, ata que eles mesmos mercaron o seu primeiro Ribeiro, ou o seu primeiro monllo de boas nabizas, e logo, máis tarde, colleron nas mans un primeiro viño do Porto. Os emigrantes americanos, cando retornan polo verán, asómbranse de vela: “Segue aquí, Dona Concha!”. “Sigo, sigo”, contesta ela ríndose.
Concha Valladares destacou nun sector ata hai ben pouco tan masculino coma o mundo do viño. A súa non só foi a primeira tenda en Compostela en ofrecer unha ampla oferta de viños de toda a Península, senón que sempre se caracterizou por combinar na súa oferta modernidade e clasicismo, as dúas grandes tensións na elaboración do viño actual, e por ter un catálogo moi amplo de referencias. Concha Valladares lía, viaxaba a feiras, cataba, preguntaba. Co seu criterio, foi durante moitos anos a prescritora -ese termo hoxe tan de moda- de numerosas familias compostelanas, que confiaban nela para os viños que marcarían a súa vida: nas vodas, nos aniversarios, nos reencontros.
Nese pequeno micromundo que é o sector do viño en Galicia, Concha Valladares é respectadísima e admirada entre adegueiros, distribuidores, críticos e consumidores, como a máis veterana coñecedora do viño de calidade en Galicia, singularizándose, aínda hoxe, como única muller en eventos só concorridos por homes. Ultimamente continúa exercendo o seu traballo a través de Internet, onde explora as últimas tendencias vinícolas nas comunidades, blogs e revistas online de viño. Mentres, desde a súa tenda do Ensanche remite grandes envíos de caixas de viño a galegos que viven en cidades como Miami ou Amsterdam, algo inusual nas tendas de viños en Galicia.
“Hai un viño axeitado para cada persoa”, asegura Concha Valladares, que afirma saber cal é o caldo que te vai gustar con só mirarte, “e tamén un viño para cada idade”. Dona Concha non sabe explicar como consegue viñoanalizar ás persoas; o seu coñecemento pertence ao instinto, ou a unha sorte de sexto sentido derivado da súa dilatada experiencia profesional. Pero a xulgar pola lei, confianza e fidelidade que lle ten esa segunda familia, os seus clientes de toda a vida, leva varias décadas acertando.

En estos diez años,que “trabajamos” juntos,es la mas sincera y nunca te engañara a la hora de asesorar en cualquier duda vinicola y lo que es mejor
la major relacion-calidad-precio de Galicia.Que ya es decir.