Os novos e escuros mediadores

Last updated on 13 / Decembro/ 2010

Gustaríame que vos fixarades nesta gráfica. É a audiencia web de Capítulo Cero. Observade o que acontece ao inicio da secuencia que vedes, en xuño de 2008. Nese mes, Capítulo Cero perde un 60% da audiencia con respecto ao mes anterior. Non era unha coña. Dun día para outro, as webs en galego desaparecimos -case literalmente- de Google. Tardei dous anos en volver ter o nivel de audiencia de xuño de 2008, ata xuño de 2010. A nova audiencia está construída, esencialmente, a partir de público local de Galicia. Google estame a furtar a posibilidade de que alguén non galego, ou non galegofalante, chegue a coñecer Capítulo Cero.

No 2008 o buscador cambiara o algoritmo aplicando unha nova norma: Google aplicaba máis puntuación a aquelas webs que estaban na mesma lingua na que o usuario tiña definido o navegador. Como a maior parte dos usuarios descoñecen a posibilidade de poder cambiar a lingua de Google, e a lingua por defecto que aparece na propia Galicia é o castelán, o resultado é que boa parte dos usuarios de Google en Galicia, mesmo moitísimos galego falantes, empregan por defecto o Google en castelán. Ademáis, a interface de Google en castelán é máis completa que en galego.

En termos prácticos, o eficiente buscador americano prefería colocar en primeira páxina contido de robots automáticos, de páxinas automatizadas que se xeneran a partir de negocios e localidades -pero que carecen de contido real-, baleiras de contido, canda outro tipo de merda cibernética como as content-farms antes que páxinas con contido máis relevante e Page Rank superior. Como son algo malpensado, sospeito o motivo: toda esa basura irrelevante adoita conter moita máis superficie de anuncios de Google AdWords, o programa publicitario de Google, que esoutro contido.

Google, ofendendo a intelixencia dos usuarios galegos e as evidencias, sempre negou este cambio que fixo desaparecer os contidos en galego do buscador en España: tede en conta que ata xuño de 2008 o principal criterio de representación de Google era a relevancia do contido, e non a súa lingua. As webs galegas perderon un 30-40% da audiencia que tiñan nese momento e que procedían das procuras circunstancias, moitas veces foráneas. A oportunidade de responder con contidos galegos e de calidade ás demandas de usuarios galegos e de fóra de Galicia desaparecera. Con ela, algo que eu experimentara e que era enormemente positivo: por primeira vez, os contidos da nosa lingua conseguían superar séculos de intransixencia, de barreiras políticas e culturais. A xente de fóra podía ver grandes contidos en galego. A nosa lingua, por primeira vez, gañaba un horizonte de prestixio profesional. En varias conferencias ese ano, repetín a mesma idea: Google era o maior aliado que tivera o galego na súa longa historia.

No 2008 Google, con esta e outras decisións, emprendeu un camiño lamentable: o empobrecemento e a localización excesiva dos resultados das buscas. Unha compañía que afirma promover a excelencia, o multiculturalismo e a intelixencia era incapaz de comprender algo tan básico como a intercomprensión entre as linguas romances do Estado. Por outras decisións que foi tomando o buscador, os resultados cada vez se van embrutecendo, limitando máis: por dicilo doutro xeito, os resultados de busca Google pasaron de ser o telexornal da 1 ao programa da tarde de Telecinco. Considera cada rexión como un espazo cada vez máis constrito e limita, cada vez máis, os resultados a zonas xeográficos próximas á IP do usuario. A miña hipótese é que detrás destas decisións algorítmicas está o de favorecer o mercado da publicidade local.

Obviamente, o asunto é moi importante: Google pasou de ser un aliado a adaptarse ao contexto dun mercado con numerosos erros e problemáticas por defecto ao que se transferían as diglosias, as dinámicas centro-periferia, e as visións culturais limitativas que adoece o contexto ibérico. Aínda que a caída de audiencia foi evidente, e malia algúns movementos e preguntas por parte dalgúns medios, como Código Cero ou Vieiros, e a manifestación pública de entidades empresariais como EGANET (Empresas Galegas adicadas a Internet), en xeral ao propio sector en Galicia a cousa deulle máis ou menos igual. ¿Se Google fora unha empresa de Tres Cantos no canto dunha empresa norteamericana tería habido máis contestación? Sempre me quedará esa dúbida.

O que conto é un exemplo dos perigos aos que se enfronta a rede e os problemas do monopolio dos contidos. Moi poucos usuarios desenvolven, polo momento, unha actitude crítica ante unha rede que numerosas compañías queren coutar nun exercicio sumamente hipócrita: parcelando as funcionalidades e limitándoas a dispositivos, pero beneficiándose de todo o fluxo de datos 2.0. xenerado nun web aberto no que non queren participar.

Na medida en que os medios de comunicación deixan de ser o centro da axenda pública, son estes novos mediadores (os resultados de busca de Google, a páxina de inicio de Facebook) os que exercen o papel de filtro dos contidos. E aí está o problema: operan dun xeito aínda moito máis opaco que os propios medios de comunicación. En calquera das guerras por intereses mediáticos (fútbol, plataformas, novas cadeas), o contido lixo que xeneran os grupos de comunicación é bastante evidente. O apoio a determinados partidos, o silenzo sobre os bancos ou sobre o Corte Inglés, na época de Internet, son relativamente descifrables para un usuario medio. A promoción fenomenal dun autor literario que edita a editorial do grupo tamén é evidente. En certo xeito, acontece porque estes grupos de comunicación operan dentro da axenda social e económica destas sociedades. Outras veces, obviamente, non é tan opaco. Pero o papel dos blogs e as voces independentes axudan a obter unha fotografía moi transparente das motivacións de xornalistas, grupos de comunicación e comunicadores en xeral e as súas relacións cos poderes.

Pero no caso de Google e Facebook, as súas motivacións son considerablemente máis abstractas. Xigantes transnacionais que teñen un contacto mínimo coas ducias de sociedades locais que operan, con intereses en empresas que descoñecemos, sen necesidade de dar explicacións e nin sequera xustificarse diante dos colectivos grandes ou pequenos de usuarios. Operan sen medo: as voces críticas contra eles non reducen o máis mínimo a súa canteira de audiencia. Cando toman a decisión de procesar automaticamente os incesantes fluxos de contido da rede, as súas decisións son cada vez menos técnicas, pero si profundamente arbitrarias. E, cada vez, como podemos ver no caso de Facebook, coquetean máis coas fontes de poder tradicional nos Estados Unidos. Vanse incorporando a unha cadea.

Nós entregámonos a eles sen concesións. Se cadra os acontecementos das últimas semanas deberon facernos revelar como as propias empresas de Internet non son tan transparentes nin operan tan fóra do suxo mundo real. Se cadra deberan facernos reflexionar como crear, de novo, unha rede transparente, aberta e realmente útil aos usuarios.

12 Comments

  1. 12 / Decembro/ 2010

    Con todo, o que máis me abraia é a falta de espírito crítico neste ámbito por parte dos usuarios. E poño o caso do Facebook. Calquera que pense un pouquiño decátase de que o facebook non é unha plataforma eficiente de comunicación para contido relevante. Carece dun bo sistema de historial, ten restrinxido o acceso a usuarios, etc., pero sen embargo, hai usuarios que abandonan os seus blogs para compartir contido de interese que só a xente le, durante un tempo moi limitado, nun incensante stream de información que non se pode recuperar e que non é eficiente. Calquera persoa con dous dedos de frente decatarse de que este modelo sirve moito a un señor que é propietario de Facebook pero pouco a ti, como usuario, e á xente coa que ti queres compartir cousas. Pero seguimos facéndoo!

    Iso non quite que valore moito as capacidades de Facebook como espazo conversacional e de comunidade.

  2. 12 / Decembro/ 2010

    Tras varios anos falando e lendo sobre o posicionamento do galego na rede as cousas é de agredecer que por fin alguén o explicara de froma clara e completa. Obrigado polo post Manolo.

    Igual era boa idea ir pensando en facer a concentración parcelaria no mundo do activismo, entre os colectivos para a promoción do galego, tradución e localización, promoción do soft libre… Un softgalego?

    Dáme a impresión de que segue habendo moito esforzo derramado e, como dis ti, moita boa intención sen esforzo nin instrumento para vehiculizalo. Se hai que actuar todos a unha como colectivo de galegofalantes tanto minifundio e tanta carga partidaria na cuestión lingüística non axudan demasiado.

  3. 12 / Decembro/ 2010

    Totalmente de acordo co contido e o sentido do artigo. A nosa colaboradora Susana Moo estaba a preguntarnos todo o tempo como descenderan tanto as súas visitas no blog dende que Google fixo ese cambio e como aumentaran tamén, en cuestión de meses, as entradas directas dende Facebook. Ímoslle pasar este artigo, no que tan claramente o explicas.
    No do contido aberto dos blogs contra o couto pechado que é Facebook -ou aínda máis pechado de Tuenti, no que nós intentamos entrar pero vemos aínda máis complexo que FB- xa quedamos noutra entrada tamén de acordo. É necesario concienciar aos que crean contidos en galego e tamén aos que os difundimos ou rebotamos, destas historias. E coidamos que só conectando as contas -de Facebook, Blogger, WordPress, Twitter e demais- non se amaña.

    Lamentablemente, a tan necesaria rede neutral que se queren cargar os políticos, están pouco a pouco desbotándoa estes monstros multinacionais que dan todo de balde pero con trampa.

  4. 12 / Decembro/ 2010

    Xenial reflexión. Fai un Carbon copy a “google” e ao defensor do pobo.

  5. 12 / Decembro/ 2010

    Non sei se felicitarte polo artigo ou darche as gracias. Creo que as dúas cousas! :)
    A tecnoloxía NON é neutral, moito menos os seus intereses.

  6. 12 / Decembro/ 2010

    Con respecto a isto hai dous problemas moi raros dos que non acabo de saber a causa:

    1) O problema non é doado de explicar. Precisas 10 ou 15 minutos para explicarllo a alguén non familiarizado con estas cuestións da busca. E aínda así non a vas ter todas contigo. A ver, non é a típica ‘aldraxe’ de ‘quítannos algo’, que todo o mundo se alporiza. É máis sofisticado. Non todo o mundo o pilla ou o quere pillar. Imaxinádevos os deputados falando sobre isto no Parlamento: pode ser o festival do humor tecnolóxico. Quero dicir, é necesario facer un considerable esforzo conceptual e de comunicación para que se entenda o alcance do problema.

    2) Por outra banda, hai moitos usuarios galegos que non o consideran “problema”, ou que non consideran problema que alguén foráneo ou non galegofalante non se lle presente contidos en galego. Mesmo lles resulta divertido, como pasou hai pouco, cando en culturagalega.org informamos de que a tradución automática de Google do galego a outros idiomas confundía Galicia con Portugal ou Brasil. Resultaba divertido. E se insistes, hai quen che di que “é unha empresa privada, ti decides se a usas ou non”. Pero mentres, eses usuarios protestan en público por Iberia ou Telefónica. Por algún motivo, Google sigue molando. Indubidablemente, Google cambiou Internet para ben, pero non nos esquenzamos que non nos fixo ningún favor: é unha empresa que obtén un beneficio grande da nosa interacción con ela.

    A cuestión de fondo é que este cambio de Google tivo e ten consecuencias económicas: provoca unha desvaloración económica da lingua e elimina as potencialidades de xeneración de oportunidades a través da rede baseadas na valía do contido. Se algo aprendín nestes case oito anos de Capítulo Cero, é que cando o contido é bo e hai unha comprensibilidade mínima, a lingua non é o relevante. Google elimínamos dun plumazo.

    Calidonia, coincido contigo moito. Son dúas liñas diferentes, malia que en parte complementarias: o software libre por unha banda, e o control da mediación por parte de empresas privadas por outra.

  7. 12 / Decembro/ 2010

    Eu tamén estaba mosqueado: Dende o 2008 o meu modestiño blogue perdera un 80% de audiencia. Eu pensaba que era polo ritmo ao que o actualizo, constante, mais pousón, pero o certo é que antes tiña centos de entrada dende google, e agora son mínimas. Algunhas eran casuais, pero a maioría eran pescudas pertinentes co tema, dende moitos puntos do mundo, sobre todo Sudamérica.
    Non sei cal é a solución. Pero penso que a principal responsabilidade do que suceda co galego é dos galegos, e sobre todo, dos galegos que o falamos. E dentro deste mundo capitalista, a supervivencia pasa por convertirse en mercado, pedindo, esixindo, consumir en galego. Non só a cultura, senón todo o demais. Non fai falla ser unha inmensa maioría, só unha minoría selecta, esixente e fiel a quen nos dá o que queremos. Só cando a industria e o comercio se convenza que ofertar galego é rendíbel, teremos un país normal.

  8. 13 / Decembro/ 2010

    Imprescindível artigo, Manolo. Eu há tempo que vinha observando o mesmo, não apenas no pesquisador geral, também no Google News (p.e., procurando por notícias dos USA, por defeito sai quase tudo informação de jornais ‘hispanos’, tipo ‘La Raza’).

    Aliás, cada dous por três Google está a remexer na sua interface (igual que o Facebook), basicamente na página de resultados das pesquisas (que é onde se pode mudar agora a opção linguística dos resultados, que antes podia ser definida diretamente na interface principal), desconcertando o usuário com tanta mudança… até que farta e se deixa levar pola inércia.

  9. 13 / Decembro/ 2010

    Vou fazer boa a lei de Berto. Mas na verdade o status do galego como língua “de seu” não nos está a favorecer muito na Internet.

    Fazemos muitas campanhas na Internet para que o galego seja considerado como uma língua independente e logo laiamo-nos das consequências lógicas desse facto.

    Se eu procuro em Google com a interface em galego a maioria das páginas que resultam estão em castelhano. Se eu procuro em Google com a interface em castelhano, não aparece quase nenhuma página em galego.

    Não apenas é que agora para Google seja mais importante a língua da interface, senão que também a ortografia é mais relevante (antes, desde o ponto de vista do inglês, “e”, “é”, “è”, “ê”, “ë”, vinham sendo a mesma cousa, mas agora já não).

    Vejo duas soluções:

    1) Quer fazemos campanha para que gl_ES seja considerado uma variante do espanhol no mesmo nível que es_AR. Mália o heterodoxo da solução, acho que o Google aceitaria isto de bom grau, havendo um amplo consenso. Isto, se calhar, devolveria-nos a uma situação semelhante à anterior, que semelha ser o que queredes.

    2) Quer solicitamos uma cousa como pt_ES, o qual nos poria no mapa duma forma completamente diferente. Eu acho que mais produtiva: Por uma parte, é certo, perdemos identidade simbólica, mas por outra ganhamos quota de mercado e efectividade comunicativa. Eu pessoalmente concedo mais valor ao pragmatismo do que ao simbolismo.

    Mantendo gl_ES como dialecto regional, que, lamento que a realidade seja tão dolorosa, mas é o que temos hoje a efeitos práticos, estaremo-nos auto-condenando à insignificância. Eu também não tenho muito problema com isso, mas daquela cumpre aceitarmos a realidade, não se pode estar na missa e mais repicando.

    Apertas,

    Miro

  10. 13 / Decembro/ 2010

    O problema do gl_ES é que não estamos nem num lado nem no outro. E, se estamos, aparecemos discriminados.

    Eu o meu blogue tenho-o como pt_PT. Não sei se é eficiente ou não… por sinal, sabe alguém se Google penalizaria algum site por colocar pt_PT e gl_ES?

  11. Xosé
    13 / Decembro/ 2010

    Moi acertada, e moi necesaria, esta reflexión sobre Internet.

  12. 13 / Decembro/ 2010

    Rapaces, polo que eu teño probado, a Google dálle bastante igual o código co que definades o idioma. Eu creo que nin o mira. Simplemente recoñece o idioma no que están escritos os textos, que é máis preciso e se evita cambalaches. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará