Un solpor cara os templos

Last updated on 24 / Novembro/ 2010


Fotos: Sole

No alto dunha cresta montañosa, entre o mar e o interior, no estremo da placa que é a antiga cidade de Akragas, a actual Agrigento, está esta secuencia de marabillas: o Val dos Templos [localización]. É un dos sitios turísticos máis famosos de Sicilia: os tours desprázanse expresamente de Palermo ata aquí para ver o Val e marchar de novo ao seu hotel noutra banda da illa.

Vimos por primeira vez os templos cando xa case era de noite. O sol púñase no Mediterráneo e os templos estaban tinguidos dunha luz laranza intensa que os facía absolutamente ensoñadores.

Esa noite bañámonos nas Dunas de Fiumenaro; a auga, fresca, baixo un enorme céo de estrelas; ao fondo, o porto Empédocles. En silencio, o chapoteo, algunha robaliza chimpando ondas, os templos, aló enriba, iluminados fugazmente, convertidos en cazadores de sombras que os consumían. Os templos ás divinidades erguíanse sobre a cresta para que os viran os navegantes. Partíanse das ctónicas, as misteriosas entidades que nos conectaban coas forzas máis profundas e terribles do mundo, para chegar ata o mundo de Hera, a señora olímpica. Unha secuencia de marabillas arquitectónicas que Atenas envidiaría. Esta é a Magna Grecia: salgada, soñadora, orgullosa, máis que a mesma metrópole.

Hai que subir á cresta para aturar a calor despiadada ben cedo, contra as 8:30 ou 9:00 da mañá. A esa hora, aínda se pode remontar a cresta e admirar os templos dedicados, moitos deles, a deuses ignotos, aínda que comercialmente se lle adxudiquen deidades coma nun sorteo. Durante moitos anos, esta era a estampa romántica:

Carne de canteira durante séculos. Ríanse dos turistas que aquí viñan, ata que se decataron de que os turistas traían diñeiro. Estes sete templos, erguidos entre os séculos VI e V a.C., revelan a perfección da súa factura. Veríao noutro sitio de Sicilia espectacular do que vos falarei. O que me atrae é a perfección destes espazos. A súa perdurabilidade túrbame dun xeito que non sei explicar. Como se estiveran deseñados para xeracións posteriores, non sei. En certo xeito, atopo coincidencias entre eles e os dólmenes, aínda que non o pareza. Na súa custosa construción o factor tempo ten un sentido tan amplo que non acado a comprendelo completamente.

Non podo evitar, con todo, apreciar a ruína máis desfeita. O Olimpieion. Tiñades que ver a enorme cantidade de masas caídas. Dimensións absolutamente colosais, tanto como estas dúas figuras que durmen mirando cara o sol. Os telamóns, sostentes do mundo, fragmentados e reunidos, figuras bipolares, que son columna e estatua, deus e técnica de construción, son parte deste tempo inmemorial. Entendín o enorme poder evocador do mundo grego: fronte á exhuberancia romana, estes espazos parecen ser escritos desde o final da nosa cultura, non desde o principio.

Miro para atrás cando marcho de Agrigento, ao alto desa cresta de fermosas columnas, co templo de Hera coronando a plataforma na que viviu e loitou a vella e orgullosa Akragas. Miro para atrás e non me convirto en sal: iso é porque os templos pervivirán moito máis ca nós.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará