O castro e o Porto Exterior da Coruña: unha análise da repercusión

Last updated on 6 / Novembro/ 2010


Escavacións no castro da Punta dos Muros. Foto: Barrio de los Rosales

O de onte foi un día tremendo desde o punto de vista da información. En diferentes redes sociais, blogs e medios de comunicación electrónicos e tradicionais circulou a información de Punta Langosteira de enriba abaixo. O fenómeno é moi sintomático dos novos tempos da información en todo o mundo: un espazo aberto e interrelacionado no que aparecen contribucións desde o os puntos máis insospeitados. É un exemplo dun novo mundo que é imposible non comparar e contrastar con esa estratexia de silencio que denunciamos no anterior post.

O punto de partida foi o retwitteado, ás poucas horas de publicarse o post, levado en cadea a partir dunha iniciativa de @alugris. A partir de aí, a información comezou a circular por todas partes. culturagalega.org ata Xornal de Galicia, que abría a súa edición papel coa noticia da destrución arrase do castro, e no interior unha ampla reportaxe de Héctor Pena ilustraba con infografía a ubicación dos diferentes escenarios. Xosé Manuel Pereiro tamén publicaba en El País hoxe unha ampla noticia ao castro da Punta dos Muros recollendo interesantes declaracións de Xosé María Bello, entre outros. Galicia Confidencial iniciaba unha serie de documentadas reportaxes do asunto, incluíndo novo material non público. Hoxe, este cibermedio tamén incorpora as primeiras declaracións do director da empresa que fixo a escavación.

En paralelo, o mundo da blogosfera e as redes sociais tamén reaccionou rápido, e isto é o importante, complementando a información e estendendo a historia en múltiples direccións. En Chuza, canda outros servizos de difusión social de información, a nova subiu a portada a primeiras horas da mañá e incrementou a circulación e o buzz sobre o tema. O arqueólogo Xurxo Ayán, no blog Arqueoneixón, incidía a través de diferentes posts nos elementos que vimos reiterando aquí e nos posts: a falta dunha cultura de libre circulación de información sobre os xacementos arqueolóxicos en Galicia, que nos acaba levando a isto, e achegando documentación e bibliografía sobre as novas actitudes que deben ter arqueólogos en relación ás comunidades locais e cidadáns. E desde outros puntos tamén se achegou máis información, nestes casos gráfica.

Un exemplo é a foto que ilustra este post. O blog coruñés Barrio de los Rosales obtivo unha interesantísima colección fotográfica que podes consultar completa aquí e publicouna, ofrecéndonos unha ollada sobre os primeiros momentos da escavación. Manuel L. Rodrigues tamén recolle diferentes informacións. Estou convencido de que houbo máis, pero non consigo localizalos agora mesmo, así que prego que me disculpedes por non ser exhaustivo.

No Facebook a información replicouse en cifras difíciles de contabilizar, pero enormes para o que é uha información cultural galega. Na hora de publicación deste post, a noticia acada os 530 votos de recomendación na rede social, e está replicada en innumerables sitios. O post tivo aproximadamente unhas 3.000 lecturas ata o momento, cifra que para un blog en galego é unha barbaridade.

Digo todo isto por un motivo: eu si creo que existe unha conciencia social forte sobre o patrimonio en Galicia. Claro que falta moita xente, pero á vista dos case 100 comentarios no blog aos que chegaremos hoxe á noite, e á circulación da información que vimos nestes dous días de vertixe (para min) está claro que o patrimonio é un asunto moi serio neste país, co que a xente se vincula de xeito emocional e racional. E así debérano tratar políticos, xestores e arqueólogos. ¿Que acontecería se isto se soubera antes da destrución do castro?

Póñovos dous exemplos próximos. O que aconteceu co castro da Atalaia, en Cervo. Tería sobrevivido ese castro se non fose polo intensísimo labor divulgador da asociación Mariña Patrimonio? Tería a Xunta ditaminado a paralización irreversible das obras? Permítanme dubidalo. E poño outro caso: os castros de Bendoiro, en Lalín, sobre os que ía pasar o túnel do AVE a saco. As obras detivéronse a tempo porque no control arqueolóxico da área detectouse que as vías do tren ían pasar por riba dos dous castros. Decidiuse finalmente facer un túnel por embaixo dos recintos trala prospección arqueolóxica dos castros, que permitiron exhumar a primeira tumba localizada da Idade do Ferro en Galicia. Pero miren, estou convencido tamén de que na decisión de construír un túnel por debaixo do castro influíu tamén a forte contestación social da zona, con algúns meritorios exemplos en valedores do Patrimonio na zona.

Estou convencido de que se tiveramos chegado a tempo no castro da Punta de Muros, igual que pasou neses dous casos anteriores, tería habido un debate serio sobre esta cuestión, e non unha decisión tomada de costas, e ás agachadas, da cidadanía. E, se cadra, hoxe disporiamos dun sitio arqueolóxico único do que enorgullecernos, fascinarnos, soñar e imaxinar. A ciencia, a razón e a emoción terían vencido ás neuronas de cemento.

Moitas grazas a todos e todas.

8 Comments

  1. 4 / Novembro/ 2010

    Ei, se me olvido de alguén que tamén escribiu sobre o tema (xa sabedes que Google pasa bastante das páxinas en galego), deixade as ligazóns nos comentarios.

  2. 4 / Novembro/ 2010

    Á marxe da gravidade do asunto, que xa quedou sobradamente demostrada, a noticia ten outra cara. E é o cambio no xeito de concebirmos a información neste país. Ía sendo hora de que as principais cabeceiras de prensa -algunhas- entendesen que xa non poden pretender monopolizar a investigación xornalística e de que é preciso mudar o chip á hora de publicar determinados contidos, como este que nos atinxe.

    Neste senso, honra tanto ao Xornal de Galicia como a El País o feito de, en primeiro lugar, adiantárense á hora de dar a coñecer o caso, e en segundo lugar, citaren tanto o blog polo que tiveron acceso á nova como ao seu autor. Por fin parece que os medios tradicionais comezan a comprender como se deben facer as cousas neste novo contexto xornalístico que nos tocou vivir e no que xa estamos, velaí a proba, metidos de cheo. Parabéns.

  3. 4 / Novembro/ 2010

    Parabéns pola repercusión mediática. Como ben dis, a comunicación entre a xente ten cambiado moito, para millor. E si, ainda, a comunicación faise por profesionais coma ti, que adican o seu tempo libre a preparar asuntos tan relevantes como este…, pois velahí temos os resultados.
    Noraboa. Mañá seguirá coleando o asunto, segundo teño entendido. Veremos ata onde chega, ojalá chegue a producirse ese cambio na lexislación que ansiades.
    Apertas e grazas polas ligazóns.

  4. Antón
    5 / Novembro/ 2010

    Aleluia, aleluia… aleluiaaa..!
    (parabéns e grazas eternas!!)

  5. Pizcueto
    5 / Novembro/ 2010

    Parabéns Manuel.

    Sigo dende tempo o teu blog. Unha delicia.

    Tan saboroso é contemplar algúns temas culinarios coma o serial República dos Homes Libres. A repercusión é resultado dun traballo xornalístico profesional que tí lideras e que consigue manter no leitor unha atención constante, algo bastante difícil de atopar nos grandes medios.

    Saúdos

  6. Pancho-lapatianco
    5 / Novembro/ 2010

    E saíndome un pouco do tema concreto, pero non tanto do xeral, aquí temos noticias (supoño que como sempre acontece, parciais, e cos problemas habituais de espacio físico para desenvolver a mesma)sobre resultados de defender o noso patrimonio por riba de dubitativos “ben comúns”.

    Normalmente, detras destas iniciativas están persoas individuais ou pequenos colectivos que moven ó resto da xente.

    http://www.lavozdegalicia.es/lugo/2010/11/05/0003_8829222.htm

    E convén darlles tamén a máxima publicidade para compensar as maioritarias que falan de destrucción.

  7. miguel
    5 / Novembro/ 2010

    Moi interesantes, coma sempre, as opinións do Sr. Ayan no seu blog Arqueoneixón sobre este tema, moi recomendables para todo o mundo.

  8. berobreo
    10 / Novembro/ 2010

    Hai que facer un pouco de memoria (histórica!). Se hai que buscar responsables, estarían pringados todos. Goberno municipal, autonómico, estatal. A todos lles pareceu imprescindible para Galiza unha infraestrutura faraónica (e carísima) como o Porto Exterior, cando a uns 15 km estaban a construir outro Porto Exterior en Ferrol (no que, por certo, tampouco se lles ocurriu construir Reganosa, en vez de facelo no corazón da Ría!. Era a solución dos problemas de Galiza despois do desastre do Prestige,que se sacou o Goberno de Aznar da manga, cando fixeron o Consejo de Ministros na Torre da Autoridade Portuaria da Coruña. Ninguén se atreveu a ir contra o Porto Exterior. Só os mariscadores e a Asociación de veciños, que xa daquela denunciou a destrución dun castro. Pero predicaron do deserto… Fai uns días, un veciño desta asociación, viña a dicir algo como: “Que vaian todos á merda. Agora, 5 anos máis tarde veñen a denunciar que había un castro importante”…
    E dende o punto de vista da arqueoloxía, a Dirección General de Bellas Artes ten a responsabilidade. Nas escavacións de urxencia, derivadas das obras públicas, o arqueólogo fai a escavación para que poidan facer a obra. Vén a “limpar” o terreo para que as máquinas poidan pasar. É triste, pero isto non é novo. Non sei por que se escandalizan os propios arquólogos. Fanno todos. E os maiores expertos son os do grupo de Felipe Criado, que fixeron autopistas, parques eólicos e gasoductos por toda Galiza. O Corredor do Morrazo é un exemplo. O QUE PASOU CO PETROGLIFO DA DEVESA DO REI NON TEN DESPERDICIO:
    http://www.youtube.com/watch?v=EKe7

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará