Todo é silencio, de Manuel Rivas: un relato sobre a corrupción

Last updated on 26 / Outubro/ 2010


Detalle de foto de Manuel Rivas (Oskar Montero). Ver en grande.

Cando se avanzou o texto da última novela de Manolo Rivas, Todo é silencio, non tardei nada en ir mercar o libro. As magníficas dotes que ten Rivas para a promoción e venda das súas publicacións obviamente axudan -dá as mellores entrevistas que pode agardar un xornalista-, pero quería coñecer a ficción que o escritor coruñés tecía sobre o narcotráfico sobre a costa.

O xénero dos narcotraficantes non está nada explorado na literatura galega, malia ser un periodo intenso e dramático da nosa Historia. Coincido con Manuel Rivas en que estivemos, nos 80 e principios dos 90, a só un paso de converternos na Sicilia atlántica, pero tralas operacións xudiciais da época os narcotraficantes aprenderon rápido da súa propia cultura. Nada de veleidades políticas, sociais ou económicas, nada de escándalo; a capa de negocio da droga, que segue existindo por baixo das Rías Baixas, xa non amosa Rolls, merca adegas de albariño ou financia equipos de fútbol. Segue a existir, pero xa non fai escándalo, xa non se capilariza socialmente do mesmo xeito, pero seriamos uns incautos se pensaramos que desapareceu. Os mortos axustados de contas que aparecen de cando en vez por aí dan conta de que cambiou o xeito de proceder, pero a podremia segue aí, aínda que xa non dá reportaxes de Informe Semanal.

A novela de Rivas métenos nese mundo, como ben se sabe. O territorio da novela, unha vila chamada Brétema, está confeccionada a partir de múltiples retallos; non é difícil seguirlle a pista a esta construción literaria, con anacos da Costa da Morte, -se cadra Laxe-, outros do Barbanza ou da Arousa -Corrubedo, Rianxo ou a Pobra, Carril ou Cambados- e algúns reais, coma o miradoiro da Curota, da miña vila. O resultado é un escenario moi convincente de representación, no que algúns emprazamentos cobran enfoque, coma o Ultramar -salón de baile, cinema, pensión, centro de gobernanza da rede de narcotraficantes- ou o símbolo máis fermoso e descarnado da novela, a vella escola de emigrantes en ruínas, refuxio de xogos de nenos primeiro e de contrabando e chutes de ionquis despois. Outras localizacións, pola contra, mantéñense nunha borramia evocadora: as dunas desde as que os rapaces esculcan a chegada de novos cargamentos naufragados, ou as praias de desembarco. A personaxe de fondo, o mar, está magníficamente retratada. Si, é o noso mar. Un mar dinamitado polos pescadores desde os 60, pero tamén un espazo de liberdade: auga salgada que se nos mete nas veas e cura as carnes.

Entre as personaxes sobrancea Mariscal, o capo maior desta banda; unha personaxe imposible nos seus latíns, nacida ao meu ver máis para o cinema que para a literatura, unha personaxe potente que ten o oficio por herdanza familiar desde os tempos do wolframio; Rivas vincula na ficción a sucesión de diferentes contrabandos levados a cabo en Galicia desde a posguerra, pero a súa conexión no mundo real se cadra non sexa directa. Ao que eu sei, o tabaco evolucionou en cabalo, pero o wolfram non evolucionou en tabaco nas Rías Baixas. Mariscal cobra forza na primeira parte da novela, pero cando o foco de Rivas presta atención á seguinte xeración -á nacida a mediados ou finais dos 60- o Mariscal desaparece case ata o final: insinúase a súa intervención en moito do que pasa, pero non sabemos como.

Un non sabe que tipo de novela é esta. Polas personaxes (narcos, policías), un pensaría que é novela negra, pero se así fora, adoecería de falta de intriga e ritmo. ¿Será outra cousa? Unha crónica literaria dun momento importante para a costa do país, unha fábula con moralexa na que se reflicte o avance da corrupción moral, a degradación social do narcotráfico que apodrece todo. Unha historia construída a partir de múltiples historias da prensa. Con personaxes que se van enleando ata a desfeita final, como adoita acontecer nestas historias.

A prosa de Rivas é poderosa, é unha sucesión de frases de impacto. Recórdame por veces a un videoclip: todo intenso, todo forte, todo ten que impactar. As personaxes rematan as conversas con sentencias lapidarias, sentencias para recordar, como é o propio diálogo público de Rivas, as súas conferencias e entrevistas. A prosa de Rivas, que non describe exhaustivamente os espazos, senón que esboza trazos de brocha gorda dunha intensa cor, ten para un galego un gran poder evocador. Non precisa máis para levarnos ao lugar da acción. Pero por veces, nesta novela, e é unha impresión persoal, as historias parecen cheas de flecos, como de espazos abandonados a presa coa esperanza de retornar a eles e retocalos. Descoñezo o proceso creativo e produtivo de Manuel Rivas: se cadra retocou mil veces os capítulos, pero a percepción é que as súas elipses son máis cinematográficas que literarias, de que me gustaría ver a historia máis redonda en impreso, e de a sucesión de acontecementos será máis tolerable se a película ve a luz.

Todo é silencio é unha intensa novela, un exemplo da potencia da nosa propia sociedade contemporánea para alimentar relatos de impacto. Ás veces non sabes o que esperar dela, e se cadra por iso, a primeira parte -sen dúbida moito máis poética, chea de imaxes, de pequenas relacións entre personaxes, nese espazo borroso no que se van configurando as historias nunha novela- teña para min un interese maior; o Rivas máis descritivo, máis rápido, de novela negra, da segunda, resulta un pouco máis desconcertante -ao mellor é unha historia sabida, sabida moitas veces; ao mellor é un dossier, máis que un relato, non sei.

Se cadra o desconcerto é porque esteamos a lernos unha parte de nós mesmos. Mirarse no espello sempre é un acto incómodo.

3 Comments

  1. Marcus
    14 / Outubro/ 2012

    ola senhor@s,

    me llamo marcus, soy periodista voluntario de un peqhenho periodico sindical en alemania; disculpa que escribo esas lineas en espanhol, mi galego esta demasiado mal. yo pude hacer una entrevista con manuel rivas este verano, pero me falta un foto adecuado; sería possible de usar este foto de vuestra página web?

    gracias para responder

    marcus

  2. 14 / Outubro/ 2012

    La foto no es nuestra, sino de Oskar Montero. Es a él a quien tienes que pedir permiso. No tengo su contacto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará