XIII Xantanza de Blogastrónomos: queres vir á Illa de Ons?

Last updated on 22 / Outubro/ 2010

As illas da costa galega sempre espertaron unha fascinación especial. Son refuxios de piratas, territorios lendarios, escenas de naufraxios e refuxios. Pero as illas galegas tiveron a súa propia gastronomía: unha versión con algúns toques que fan ao lugar especial. Cando xurdiu a idea de irmos celebrar unha xantanza aló non o dubidamos. Ons é unha illa mítica galega. A única illa galega habitada de xeito constante ata hoxendía. Unha xoia ás portas do Atlántico con dous locais nos que probar a gastronomía illeira. Así que preparamos algo especial, algo que os blogastrónomos queremos compartir con todos vós, reivindicando as nosas illas, pratos e condimentos que están case en perigo de desaparición e que conservan alí.

Copipego a convocatoria que facemos no Facebook dos blogastrónomos:

Queredes pasar unha xornada na Illa de Ons, degustando un menú tradicional e acompañando aos blogastrónomos?

A continuación as repostas a todas as dúbidas que vos asaltan:

Que imos facer:

  • Desprazarnos ata á Illa de Ons (Parque Nacional Illas Atlánticas)
  • Durante o traxecto, degustación de produtos de Finca do Corvo a cargo dun cociñeiro e acompañado dun bo albariño.
  • Visita pola illa.
  • Xantar tradicional
  • Cando: O vindeiro sábado 30 de outubro. Saída ás 10:30 h, retorno ás 18:30 h.
    Como: En barco (pensamos no paracaídas pero igual non caiamos todos dentro da illa :-P).
    Onde: Sairemos do Porto de Bueu
    Por que: Unha xornada coma esta merece ser compartida con máis xente.
    Prezo: 55 € + Viño

    Para acompañarnos, tes que cumplir estes estritos requisitos:

  • Ser amigo da páxina facebook dos blogastrónomos.
  • Responder a esta mensaxe indicando que queres acompañarnos (por favor, só unha resposta por persoa)
  • Levar fame e gañas de pasalo ben :-)
  • No caso de que o número de apuntados supere a nosa capacidade organizativa, verémonos na obriga de realizar un sorteo.
  • O menú tradicional terá o seguinte:

    -Polbo
    -Percebes
    -Empanada de zamburiñas
    -Cocido con bolos do pote (feitos con néveda, ao xeito case desaparecido de elaboración tradicional na costa galega)
    -Empanada de mazá
    -Bandullo

    Quen quere vir?

    Nota: o bandullo é un postre mitiquísimo case desaparecido. De feito, eu creo que a última vez que o tomei debía ter eu 8 anos ou así. É unha xoida da nosa gastronomía tradicional.

    5 Comments

    1. david
      22 / Outubro/ 2010

      bandullo e bolos do pote, os segundos fágoos semana si semana non, cousa rica (un pracer un tanto elemental, pero bueno, xa non ando eu para poñerme tiquismiquis); o bandullo, mira que hai tempo, paréceme ver saír os bandullos anuais do forno; torta de roxóns, bola do lar comer e soplar, bolos do pote comer a fartar, encántame esa contundencia das cousas fariñentas, cocer fariña, fritir fariña, morcillas do sangue, morcillas de arrós, filloas e freixós “esto es lo que tal para tirare del ajuardiente” Picadillo dixit que dixit o seu criado ” a la salú del señor amo que nos vegila”, chulas, trotillas de pan, voume poñer poético, elevarme ata as alturas da parrumeira, ó ceo dos chourizos e das morcillas, dos lacós e dos touciños, oh

      unha cousa que estaría ben é facer un menú rosaliano: patacas asadas/, con sal e vinagre,/ que saben a noces / que ricas que saben; os bolos e bolas referidos, castañas, torrixas con mel, “déronlle aquí morcillas a Vidal? /non?pois adiante co varal” etc, que é unha gastronomía da necesidade, da fame realmente”veu a Páscoa enxoita/choveu no san Xoán/ a Galicia a fame /pronto chegará”, da necesidade mesmo nos aparellos de facela: pedras quentes, follas de verdura, áscuas e borralla, un pote, unha trepia e unha tixola; e despois a cociña burguesa das novelas do XIX da Pardo Bazán, non sei como non arrebentaba; a miña memoria gustativa pertence á primeira; quen sabe hoxe ao que sabe a paxarela (páncreas) do porco, pois eu si, mira ti que cheo de razón me quedo, disimula este “rauto” foi superior a min, o de Proust coa madalena (que non é unha madalena) é david co bandullo

      é tentador o tema

    2. 22 / Outubro/ 2010

      Bonito comentario, David.

    3. 22 / Outubro/ 2010

      Pónseme a boca anegada. Nunca tiven o gosto de probar o bandullo de Ons. E non se debe confundir co que noutras partes chaman bandullo, (un bolo cocido feito de pan reseso, ovos, sucre e uvas pasas). A iso a miña avoa chamáballe “queique”, nun claro exemplo do peculiar galinglish que floreceu na costa galega, e en Marín particularmente coa predicación protestante inglesa de principios do século XX.

    4. 22 / Outubro/ 2010

      Coño, para unha vez que hay oportunidade de ir a una Xantanza e me pilla…COMENDO EN ARZAK!!! JAAJAJAJ. Queda para outra (si é que hay opción)

      Pasadeo moi ben. ¿Vai Antonio? Recordos para él.

      Milu.

    5. Magago
      22 / Outubro/ 2010

      Pero que sobrao! :-) se non coñeces arzak, vaiche encantar. Disfrutao moito. E un festival. Antonio si que ven, saudareino da tua parte.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará