Pasquale

Last updated on 14 / Setembro/ 2010

Podería ser unha personaxe de novela. Pasquale, o sacristán da igrexa Cattedrale da viliña calabresa de Morano Calabro. Pasquale guíanos polo interior da igrexa pendente de nós ao máximo. Cando subimos ás bases dos altares, para admirar as estatuas do Settecento que viñan de Nápoles, Pasquale abrázanos para que non nos caiamos ao baixarmos do peldaño. Nun momento determinado, abre un portelo e amósanos o ritual calabrés para o bautismo. E rise, rise moito Pasquale, e abrázanos, e cando nos abraza cheira a humanidade, a cirio e a verán seco con cigarras e arbustos que se desfán nas mans. Sáltase unhas cintas de bloqueo do paso e lévanos ao altar maior, envolto en panos, en plena restauración, para amosarnos unha estatua. Tamén do Settecento, claro. Pasquale míranos ansioso.

-¿Saben quen é?

Pasquale agárrase o pantalón e fai o aceno de subir o perneiro.

La Maddalena!

Efectivamente, a estatua de mármore ten unha saia algo impúdica por riba do xeonllo. E comeza a rirse pícaro a gargalladas e tírame cómplice da camiseta agarrándose a ela como a unha pedra. E as señoras que limpan a igrexa bérranlle entre risos e fregonas desde a nave.

-¡Pasquale, non podes pasar aí!

Mañá veredes fotos e historias desta fermosa vila.

3 Comments

  1. Xacobe
    14 / Setembro/ 2010

    Ola Manuel.
    Son un seguidor infatigable do teu blog dende hai uns meses e penso que os traballos e investigacións nas que traballas son moi interesantes. A única pega que che podo poñer é a ortográfica.
    Sinceiramente, non colocas ben os pronomes átonos. Na entrada de Pasquale hai erros importantes ( Pasquale nos abraza, nos mostra…) Este é un mal xeralizado que cada vez afecta a máis xente e que parece non ter fin mais non por iso debemos deixalo de lado. Dígocho sen acritude e agardo que non te sintas molesto por este comentario.
    Un cordial saúdo.

    Xacobe Varela.

  2. 14 / Setembro/ 2010

    Grazas, Xacobe! Xa están corrixidos. Para nada molesto, todo ao contrario. É unha marabilla que alguén se preocupe tanto polos teus textos como para deixarte un comentario así. Moitas grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará