
Blogueiros, editores en liña, xornalistas e críticos na primeira liña da pasarela de Milán. Suzy Menkes, Michael Roberts, Bryan Boy, Sally Singer, Anna Wintour, Hamish Bowles, and Tommy Ton del blog Jak and Jil. Foto: Dennis Valle para The New York Times
Interesantísima unha reportaxe, case etnográfica, que publica hoxe The New York Times: At Fashion Week, It’s Where You Sit That Counts (Na Semana da Moda, o que importa é onde sentas). A historia de Eric Wilson coloca en primeiro plano as disputas internas entre os editores das revistas de moda e as complicacións dos relacións públicas dos deseñadores por adxudicaren prazas na front row, na primeira fila dos desfiles de moda. Por suposto, estar na primeira fila da pasarela non é o relevante para ver mellor o desfile, senón que é unha exhibición de poder e influencia. Os relacións públicas deben interpoñer ‘suízos’ (no seu argot), xornalistas e críticos sen grandes enfrontamentos entre os principais editores de revistas e axencias informativas que compiten entre si. Pero hai máis. Nos últimos anos os publicistas dos deseñadores tamén introducen blogueiros (adiviñen cales son blogueiros e cales non na sintomática foto superior), que non só entran na front row, senón que obviamente, restan sitios. E as antigas editoras tamén contraatacan, tentando colar na primeira fila aos seus columnistas da edición dixital, que están potenciando a todo correr nos últimos dous anos. Así que os conflitos da vella industria e a competencia polo filón da nova representados nunha fila de asentos.
Toda unha metáfora. Nos últimos anos tanto nos Estados como en Europa foron as telecomunicacións, a informática e as diferentes áreas do sector coñecido como estilos de vida (gastronomía, restauración, viaxes, deseño, moda, interiorismo, etc…) onde se produciu con máis intensidade a confluencia entre blogs especializados e industria. O seguinte chanzo parece debuxarse nos Estados Unidos -aínda non sabemos o resultado- e haberá que ver o seu impacto aquí. Aprendidas leccións do crecemento da blogosfera, os cibermedios tentan fortalecer produtos exclusivamente dixitais que aprenderon moitas das cousas boas que ten esta -dinamismo, capacidade de conversa, unha maior independencia- e as boas do vello sector: capacidade editorial e profesional. Ou sexa, a vella receita da guerrilla dentro do exército.

One Comment