Un agradecemento


Foto: Sole

Onte pola tarde, 75 valentes curiosos achegáronse ao Centro Social dos Comuneiros de Noalla para escoitar a este que vos escribe falar das Repúblicas de Homes Libres, dos solitarios castelos que durmen o soño da Historia no alto dos cumios de Galicia. Eu pensaba que iamos ser catro amigos, pero o número de asistentes abrumoume. Non podo menos que dar as grazas a todos os que asististes, ao voso interese e estoicidade por aturar hora e media de relatorio, e pola interesantísima quenda de preguntas posterior. Eu creo que a chicha das charlas está moitas veces no debate posterior. E señores, que preguntas boas me fixestes! Así que moitas grazas por virdes. Non nego que estaba nerviosiño: aínda que falo con moita frecuencia en público, sempre o fago noutros ámbitos temáticos, e tiña medo de que explicar unha historia complexa sobre cumios de montes non funcionara.

Tamén quero agradecer especialmente a Xurxo Ayán e a Martina González, do LaPA-CSIC, e a todo o equipo arqueolóxico da Lanzada pola excelente organización do evento e por convidarme a explicar esta teima tan fermosa. E aos Comuneiros de Noalla por cederen tan xenerosamente o espazo á cultura.

E unha (emocionada) reflexión posterior: a Historia de Galicia engancha, é atractiva, ten connosco un vínculo íntimo. No ámbito da divulgación, en compartila, en contala, teño a percepción que temos aínda un inmenso campo por explorar, levándoa a novos modos de expresión e linguaxes. E as Repúblicas de Homes Libres son unha achega a este traballo.

13 Comments

  1. Pancho-lapatianco
    30 / Xullo/ 2010

    Noraboa a ti, a Sole, Xurxos, e demáis. E noraboa a todos os que puidemos asistir, inda que fora ás presas, polo bon rato que nos fixeches pasar.

    Non dubidabamos un ningún momento que, ademáis de escribindo, tamén es quen de transmitir cousas de palabra e enganchar.

    E o que a min me emocionou, e coido que ese é o camiño máis correcto para transmitir o saber que vai acumulando a arqueoloxía, foi comprobar que a maior parte dos asistentes eran xentes da parroquia, ou arredores, que querían saber. As conferencias non só nos santa sanctorum das universidades e museos, senon tamén nos lugares onde acontecen as cousas. O que xa temos falado moito. As persoas, se coñecen, vanno querer, e queréndoo, vano defender.

    Xa estamos agardando polo seguinte capítulo …..

    Saúdos.

  2. 30 / Xullo/ 2010

    Unha magoa non poder achegarnos ata alí. Non terias a bendita idea de grabar a charla nun video, non?

  3. 30 / Xullo/ 2010

    Parabéns pola lección, Manuel. Moi acaído o “continuará…”. Escoitándote, abráiome da teimosía do pobo galego por manter case intacta a estrutura xeográfico-política primixenia até os nosos días ou, mellor, o xeito en que os invasores romanos ou suevos respectaron esas estruturas. A entrada en escena dos inadvertidos viquingos é todo un revulsivo. Replántexome agora o uso dado na antigüidade ao roqueiro do Castro Grande (ou castelo), no monte do Seixo, pois dende o coto dexérgase a ría de Pontevedra. Apertas.

  4. 30 / Xullo/ 2010

    Estivo moi ben, parabéns polo bo rato que nos fixeches pasar!

  5. Anxel Rial
    30 / Xullo/ 2010

    as minhas felicitacións a charla foi interesante.
    Imposible desconectar desde ese soño da republica dos homes libres en Galiza ata esa incognita de asentamento viquingo.
    Eu como habitante dese neo asentamento da Lanzada que é Noalla, decirche que quedamos encantados, e agradecervos este grupo de charlas en noalla.
    Desexar sorte neses paseos polas cimas dos montes,,, que dende hoxe non verei igual,,, e que voltes a comentarnos os novos coñecementos.
    un saudo.

  6. 30 / Xullo/ 2010

    Só demos gravado o comezo (a batería do móbil non deu para máis). http://www.youtube.com/watch?v=3bZBuwkRqak

    Moitas táboas, señor Gago, deu gusto a charla! E ese ir facéndose preguntas e deixar no aire unha ao final… iso non ten prezo!

    Unha tarde apaixoante (e Delmi Álvarez dixo o mesmo).

  7. 30 / Xullo/ 2010

    Grazas a todos!

    Pancho, coincido contigo: ver alí á xente de Noalla e escoitar as súas certeiras preguntas é basicamente emocionante para calquera. É xusto o que tantas veces desexado, alí realizado.

    Goretoxo, si, gravamos un vídeo. Codificarémolo estes días e xa o publicarei antes de marcharmonos de viaxe. Certo, grazas polo trailer!!! :-)

    Grazas ao resto tb!

  8. Xosé
    31 / Xullo/ 2010

    E cantos quedamos coas ganas de poder asistir…

  9. Paz Castro
    2 / Agosto/ 2010

    Apúntome a papar toxos e fentos, e a brincar por riba das pedras, cando a expedición das Repúblicas de Homes Libres chegue ao Morrazo. Agardamos que máis pronto que tarde. Unha gratísima experiencia, o achegamento a este mundo fascinante. En diante, irei poñendo ollos e orella aos teus novos progresos. Parabéns e grazas.

  10. artabris
    2 / Agosto/ 2010

    noraboa pola acollida que tiveches,e tamén á xente que se achegou,que seguro aprendeu algo máis sobre esta nosa Galicia. Aínda que espero que repitas máis preto da Coruña! e así poder escoitar máis deses “homes libres” que eu estiven exercendo de “tía” así que non puiden escoitarte e aprender algo máis.

  11. 3 / Agosto/ 2010

    Eu, coma Paz, agardo poder peneirar con voçe o Morrazo , gran carallo de sal, que dirían os de Siniestro Total, e agabear ás alturas solemnes do Castelo de Ardán, onde o meu avó contaba historias de túneles que levaban dende o alto á praia de Lapamán, e de como o cura e catro afoutos parroquianos tentaran roubarlle o tesouro ao mouro que alí vivía.

  12. 3 / Agosto/ 2010

    Grazas, a verdade é que o Morrazo promete moito: é unha zona vizosa en plan arqueolóxico e tamén moi espoleada por ataques de todo tipo ao longo da Historia. Aínda que está moi machaacada con pistas e estradas, estou convencido de que debe haber cousas interesantísimas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará