Lixo e vida na Pompeia galega


Un comuneiro de Noalla recoñécese nunha foto clásica da escavación. Fotos: Sole

-Pero que valor ten a Lanzada? -preguntáronlle os comuneiros de Noalla a Antonio de la Peña, o último director de escavacións na Lanzada e arqueólogo do Museo de Pontevedra, a principios dos 80, antes das escavacións actuais nesta península.

Estamos no magnífico local social dos comuneiros, ao serán, sentados no medio dunha pista de baile, onde nunhas cadeiras, os veciños de Noalla e o resto dos asistentes escoitaron como Antonio de la Peña describiu a secuencia de intervencións na Lanzada desde a posguerra ata a actualidade. Os comuneiros queren saber. Queren ter unha idea clara do que se gardan nas súas terras. Escoitaron atentamente o que lles contou Antonio de la Peña. Pero cando rematou foron ao gran: “canto de importante é aquelo?”. Vostede que sabe, díganolo. Cunha formulación ou outra, a pregunta repetiuse varias veces no público.

Antonio de la Peña non tardou en contestar.

-Eu creo que é o xacemento máis importante de Galicia -e apresurouse a engadir- pero por un motivo excepcional. Na Lanzada, grazas á area e ás cunchas, é o único sitio de Galicia no que se preservan restos orgánicos. Podemos ver claramente aos mortos soterrados ao carón das casas nas que viviron. E iso non acontece en ningún sitio máis de Galicia.

Os comuneiros relaxáronse, orgullosos, cos seus brazos cruzados, nas cadeiras. Algún levantouse mentres de la Peña falaba, subiu ao estrado, e púxose a mirar as fotos nas que el mesmo estaba cando novo, e traballaba de peón cada o equipo arqueolóxico. O proxector convertiuse nun espello temporal: o vello non dixo palabra ata que volveu sentar. O diálogo entre arqueólogos e veciños das comunidades locais onde están os xacementos é algo máxico, e único. E tamén raro e excepcional, por desgraza.

Onte pola tarde foi unha xornada especial para min. Levo percorrido centos de castros deste país, teño vistas unhas cantas escavacións, pero non é dificil apreciar a excitación do equipo arqueolóxico que traballa nesa península dos ventos que é a Lanzada, cando chegas alí e me amosan os últimos achados. E a area, efectivamente, outorga unhas propiedades especiais a un xacemento que é un auténtico labirinto temporal. Pero vouvos contar o que máis me impresionou.

De la Peña tiña razón. O máis importante do xacemento é a preservación de restos orgánicos. Ao pasear pola área de escavación, o abraiante é que se atopan restos orgánicos por todas partes, das con eles entre os pés. Merda a saco. Concheiros de lixo agrupados aquí e acolá. Cunchas, raspas de peixe, ósos de bóvidos, de cabras e ovellas, de porcos, todos ciscados polo xacemento adiante, restos de comidas que aínda se poden ver, capas e capas de porcallada milenaria, extraordinariamente ben preservada. Como sería a visión real destas casas, dos vieiros entre elas, das corredoiras, con todo este lixo ciscado? O dato máis abraiante é que no interior desas foxas de merda, atópanse pequenos tesouros arqueolóxicos que non deben estar aí por casualidade. Moedas. Boas pezas cerámicas, luxosas, importadas dos bos talleres da Bética ou de Italia. Aneis. Brazaletes. Todo iso mesturado con ostras, ameixas, berberechos, cornos ou ósos. Rafael Rodríguez, director da escavación, alucinou o outro día. No medio dun destes concheiros apareceu un posible dedo humano. ¿Que nos está a dicir o lixo? ¿Tiña o mesmo sentido hai dous mil anos que hoxendía? ¿Tiña outros? Xurxo Ayán, que viaxa case anualmente a Etiopía para comprender mellor, coas tribos agrícolas, a práctica cultural destas sociedades da Idade do Ferro, recoñece esas prácticas, avísanos: o lixo nas culturas antigas tiña unha relación distinta co hábitat.

A Lanzada é a Pompeia galega. Cando o lapilli sepultou a cidade italiana, preservou en excepcionais condicións para a Historia o maior leigado arqueolóxico do mundo antigo, sobre todo porque nos deu o privilexio de observar algo máis que os fragmentados restos da cultura material que ofrecen a maior parte das investigacións. Nos deu aquelo que custa descubrir nas escavacións: as prácticas culturais, a vida social, as crenzas, odios e diversións. Na Lanzada, con todo este material orgánico, temos por primeira vez, nun castro galego, un escenario aínda con vida orgánica, no que se poden observar os rastros literais da vida humana, a penas abandonada. É normal que Rafael Rodríguez, Xurxo, Roberto, Iria e o resto do equipo do CSIC estean alucinando co espazo. Están cheos de preguntas e abraios, cando falas con eles.

Só vos vou dicir dúas cousas máis, que teño moito que facer e non dou feito. Emocionante tamén o incendio. Si, o incendio. No estrato castrexo da Lanzada, datado entre o século II a.C. e o I a.C., houbo un gran incendio que se superpón a todas as estruturas a unha determinada profundidade. Nos niveis que van levantando os arqueólogos se pode ver perfectamente a capa de cinza por debaixo das estruturas romanas e desfacendo as castrexas. ¿Que sería? Por agora déixovos con este interrogante. Pero déixovos outro máis. Nun recanto do xacemento está aparecendo algo moi raro.

Onte, ás 08:20 da mañá, falo con Xurxo Ayán:

-Tes que vir. Tes que ver algo que atopamos. Pode ter que ver co que ti andas buscando nas Repúblicas de Homes Libres. E pode que nos obrigue a repensar a cronoloxía deste lugar.

Ao achegarnos á Lanzada foi o primeiro que fun mirar. Flipei. Só vou poñer unha foto e imos deixar traballar aos especialistas: as vindeiras semanas serán determinantes para saber que é isto. Só unha foto de detalle:

O vindeiro xoves 29 de xullo, de 17 a 20 horas, o equipo arqueolóxico estará polas tardes recibindo aos visitantes. Así que se vides á conferencia sobre as Repúblicas de Homes Libres poderedes saber máis sobre este lugar que está a emerxer da area. ;)

2 Comments

  1. breoghain
    3 / Setembro/ 2010

    Ja se sabe o que é isto??

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará