
Mentres estaba currando, hoxe entrei ao Washington Post para comprobar unha cousa, e atopeime esta pasada: Top Secret America. Un impresionante especial que ocupa agora mesmo a portada dun dos medios máis influíntes de Norteamerica, escrito por Dana Priest e William M. Arkin. Un impresionante traballo de investigación xornalístico que os editores do xornal describen do seguinte xeito:
“Top Secret America” is a project nearly two years in the making that describes the huge national security buildup in the United States after the Sept. 11, 2001, attacks.
Top Secret America tenta facer visible o aglomerado de axencias gubernamentais e empresas de seguridade xurdidas despois do ataque terrorista ás Torres Xemelgas, un entramado difícil de comprender na súa magnitude ata miralo na investigación de Priest e Arkin. Por que digo que é do século XXI? Porque canda os formatos tradicionais de xornalismo, a ollada dos xornalistas se traduce nun impresionante corpus de datos económicos, xeográficos e corporativos buscables e comparables, facultando ao lector a descodificar por el mesmo o enorme sarillo de espionaxe, seguridade e policía. Algo que hai que ver detidamente.

O positivo, o enormemente positivo, é que isto non é o futuro do xornalismo de investigación. Xa é o presente.
O negativo, que só o é para quen aínda cre no xornalismo de investigación.
Xa non é só dedicar máis de 20 meses a unha investigación, pero pensa só na cara que che vai poñer un redactor xefe de por aquí se lle falas de facer accesibles para o usuario o cruce de bases de datos ou unha interface na que podes estar navegando durante horas.
En relación con isto, viches a entrevista de hai uns días a David Simon en ‘La palabra escrita’? Brutal.