O negativo da cultura

Last updated on 14 / Xullo/ 2010

Cando pensamos no noso pasado, e ollamos cara os castros, continuamos facendo as cousas como a primeiros de século. Ollamos ao castro coma o eixo central desa cultura sen pensar no xeito no que os pobos que os habitaban se relacionaban co resto do medio. Cun criterio case novecentista, escavamos por inercia no seu interior, intramuros, tentando localizar entre as casiñas o cerne desa cultura de hai dous mil anos. Pero ao facelo, moitas veces, coutamos posibilidades. ¿Esgótase a cultura castrexa no interior das murallas? Estamos comprendéndoa ben? Esa xentiña facía toda a súa vida aló dentro?

Imos poñer un dato sobre a pantalla para entender a que me refiro. A maior parte dos fermosos torques que identifican o mundo da Idade do Ferro en Galicia non se atoparon no interior dos castros, senón no exterior. Ao pé da muralla. Próximos á muralla. Pero non dentro. Desde espazos rituais, espazos colectivos ata palleiros. Algunhas escavacións que teñen saído para fóra teñen atopado estruturas, como en Viladonga, que denotan usos específicos (a ferreiría).

Na última década, varios arqueólogos como Xurxo Ayán ou Alfredo González Ruibal teñen escavado interesantes xacementos da Idade do Ferro que non eran castros, é dicir, que nin estaban fortificados nin estaban en altura. Pequenas aldeas sen aparentes defensas, para as que hai diversas hipóteses. Pero hai máis. Nas intervencións de urxencia, moitas veces, ábrense as áreas que anteceden aos xacementos. E o que aparece aí é tan revelador como difícil de comprender. Gabias. Foxas. Estruturas liñais, cuadriculares. Delas só conservamos o negativo: o traballo de escavación dese espazo. E ás veces outras cousas, como tumbas, as grandes ausentes ata o momento da cultura castrexa, un dos grandes enigmas. O vídeo que fixemos cando visitamos o castriño de Bendoiro, en Lalín, é revelador do noso pasmo ao ver tantas estruturas liñais, como en negativo, ás portas da acrópole.

Algúns arqueólogos como César Parcero teñen ido máis aló. Téñense preguntando que hai dos castros fóra dos castros. Parcero identificou posibles estruturas agrarias: era evidente que estaban alí, pero ninguén mirou. Ao identificalas, non só aprendes sobre a tecnoloxía empregada, senón que mesmo poderías ir alén, e detectar distribucións do traballo, especialización, quen sabe se unha estrutura de propiedade.E con seguridade hai moitas máis cousas. Esas tumbas que ninguén ten atopado. E novas olladas para comprender o noso pasado. Como di Xurxo Ayán, a verdade está aí fóra (das murallas). O gran problema que ten esa verdade, con todo, é a dificultade de musealización. Son estruturas de uso, non monumentais. E moitas delas están en negativo. Gabias, por exemplo. Foxas. Silos. Hai todo tipo de teorías para pensar que demos eran esas foxas e longuísimas gabias.

As fotos que ves neste post ilustran que se atopa nunha escavación en negativo. Creo que é a primeira vez que se ven, pero os restos aínda están aí (non sei por canto tempo). Trátase dunha escavación de urxencia, en Roxos (preto de Santiago), nunha estrema dunha urbanización [localización] ao carón do CEIP de Roxos. Salvouse in extremis. En negativo, pódese ver unha enorme gabia que atravesa unha chaira. E a estrutura dunha cabana, e os lugares nos que se fincaron postes. E algunhas desas foxas, repartidas por todas partes. Non sei a que época pertence o que estades a ver: se cadra pertenzan a nosa descoñecida Idade do Bronce, se cadra algo posterior. Nunha estrema están as bases dunha vivenda algo máis recoñecible, romana ou medieval. Pero a parcela, vista así, é como un enigmático espazo que hai que ver reconstruído en altura con madeira. O curioso destas pegadas é que os sucos están abertos nunha sorte de pedra moi fragmentada, como xabre. É o negativo dunha presenza humana non en pedra, pero asentada nun espazo durante moito tempo. Aquí van as fotos.

Nota: Se queres ir velo, apura, non sei canto durará antes de que lle constrúan os chalés proxectados enriba.

5 Comments

  1. Pancho-lapatianco
    8 / Xullo/ 2010

    Dende logo, canto temos que aprender do noso entorno. E sobre todo aprender a miralo con outros ollos. E nesas andamos.

    Como ben dis, afortunadamente xente como o Ayán e Ruibal (magnífica e imprescindible a súa síntese publicada en dous tomos do “Brigantium” do Arqueolóxico da Coruña) están axudando moito.

    Algún dirá que por alí pasou a “caterpillar” taladradora, esa que aparece en tódolas rúas cando se poñen a meter tubos.

    Pero non. Estas pedras teñen moito que falar. Xa saberá Xurxo tirarlles da língua.

    Pero téñote que confesar que a miña primeira impresión ó ver a foto, así, sen ler o texto, lembroume a paixase case lunar arredor do “Dun Aengus” nas illas de Aran.

    Buf!!!.

    Saúdos.

  2. Moncho Angueira
    9 / Xullo/ 2010

    Onte, xa que me cadraba de camiño a casa, pasei por alí de volta do traballo.

    Pregunto eu: sabes se foi unha descoberta casual ou xa se sabía que había “algo”? Dígoo porque, visto o avance das obras da urbanización (menudo mamotreto que están a facer por alí!) sorpréndeme que os obreiros tiveran tan “boa vista” para sospeitar o que aquilo podía ser é e o coidado suficiente para non danar nada. O habitual nestes casos tería ser metido a excavadora e arramplar con todo…

    Soprendeume o tamaño da gavia, con toda a pinta de ser unha conducción de auga que segue polo monte arriba do xacemento.

    E, sobre todo, cada día quedo máis sorprendido de ver que se agachan baixo o solo dos nosos montes. Miramos os castros, miramos os outeiros… pero impresiona que ata a máis inocente leira nos poida deixar pasmados co que se oculta baixo pouco máis de medio metro de terra.

  3. 9 / Xullo/ 2010

    Moncho, se te fixas onde estaba a zanxa, a obra debeuse parar case no último momento. Non falei con ninguén da empresa que fixo os traballos arqueolóxicos, pero sería moi, moi interesante saber que atoparon aló. Como digo, estou intrigadísimo coa cronoloxía.

    Continuando co que ti comentas, vendo o sutiles que son estes restos e como están nunha zona de hábitat humano tradicional, a pregunta que eu me fago é: ¿cantos destes sitios nos teremos cargado nos últimos anos sen investigar? Unha chea deles sen dúbida.

  4. Moncho Angueira
    9 / Xullo/ 2010

    Pois si Manuel, iso mesmo foi o que a min me chamou a atención: que se decataran do que alí había para decidir parar a obra. Porque imaxino a situación da excavadora sacando a terra, e eses non paran por calquera cousa… Así que, se non había indicios medianamente claros, algo lles debeu chamar a atención.

    Penso que os restos non estarían soterrados a moito máis dun metro de profundidade e, con toda esa terra enriba, incluso a zanxa (por grande que sexa) sería difícil de apreciar a medida que ían excavando, por non falar do resto dos “buratiños”…

  5. artabris
    10 / Xullo/ 2010

    é de supoñer que as obras levaran implícito un control arqueolóxico, unha medida correctora que vén dada por varios motivos, e é a Dirección Xeral de Patrimonio a que di si hai que facer unha intervención é de que tipo, porque como ben dicides os obreiros, disto, non ían entender papa. Dende o meu punto de vista este tipo de controis e seguimentos case (ou sen case) deberan ser preceptivos a tódalas obras, porque estanse descubrindo restos tan pouco evidentes coma estes…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará