Explorando o conxunto arqueolóxico da Cividade de San Xurxo de Sacos

Last updated on 20 / Maio/ 2010

Dous castros moi próximos en bo estado de conservación, un interesante petróglifo e unha posible canteira da época castrexa conforman un fascinante conxunto arqueolóxico descoñecido para o gran público. Pero estas xoias do noso patrimonio están sobre a aldea de Barbeito, en San Xurxo de Sacos (Cotobade). Levámoste ata elas.

Case non hai información sobre este magnífico conxunto arqueolóxico na parroquia de San Xurxo de Sacos (Cotobade). Eu atopeina na interesante tese da USC A cultura castrexa nos vales dos rios Lérez-Almofrei e Verdugo-Oitavén, de Manuel Reboredo, e souben que tiñamos que achegarnos a ver isto.


Parapeto do castro e localización do petróglifo.

Sobre a aldeíña de Barbeito está localizado o castro de A Cividade (chamado na aldea a Cidá ou a Cividá) [localización]. Trátase dun impresionante recinto, cun foxo de 150 metros de longo excavado na rocha e unha serie de defensas adicionais, como un antecastro. Na súa banda sur, onde se indica na foto, hai unha gran laxe inzada de petróglifos que se están a desvanecer co tempo. Como en moitas destas laxes gravadas, un minúsculo regueiriño de auga atravesa a pedra, e adivíñanse espirais, cruces, formas case desaparecidas que percorren toda a rocha.

Importante: atopar un petróglifo nun castro é un feito excepcional, aínda que na zona, enfronte de A Cividade da outra banda do val, está o Castro de Penalba, que tamén conta cunha serpe gravada. Enrique Sobrino, un interesante debuxante representou graficamente a principios dos século XX o gran panel do petróglifo da Cividade:


Fonte: Wikipedia

A Cividá concentra numerosas lendas de mouros, de serpes máxicas, de tesouros da Guerra da Independencia, numerosísimas lendas. Pero chamoume a atención a precisión topográfica das lendas. Os veciños de Barbeito interpretaban o espacio, e indican onde é que os mouros cultivaban trigo e legumes, e identificaban o antecastro da Cividade coma o cemiterio dos mouros. ¿Por que? Non o sabemos. Hoxe, tralos incendios que asolaron Cotobade, a maleza medrou tanto que o castro é case impenetrable. Se pretendes entrar nel, tes que poñerte diante do parapeto do Este, na pista, máis ou menos no medio e medio e tirar para abaixo ata localizares un caminiño de cabalos que te permite pasar o foxo, gabear polo parapeto e, desde o alto, achegarte ata o petróglifo. Vai ben protexido contra os toxos, que meten medo.

Pero seguindo o camiño, monte arriba, tiñamos esta sorpresa:


Muralla do Coto da Cerca. Apréciese que dá a volta ao recinto perfectamente visible.

Pero para min o máis fascinante é outra cousa. A uns 500 metros da Cividade, monte enriba, hai outro castro. Está na chaira do alto dun monte e súbese, partindo da Cividade pola pista enriba, collendo a primeira pista á esquerda e todo para arriba. Chámase o Coto da Cerca e debe ser, xunto co Castro de San Millán, en Cualedro, o mellor conservado que coñezo. Por algunha miragreira razón, o castro está, como digo eu, tal e como o deixaron. Unha muralla de pedra de 2,5 metros rodea todo o recinto, e no exterior outra muralliña anular tamén o define.


Edificios anexos á muralla. Tinta dixital.

Anexas á muralla aínda se poden ver os derrubos da edificación, e aínda que no interior da croa non hai tanta pedra, percíbense tamén varias estruturas. O castro está nun magnífico estado de conservación e con toxo baixo.

Mesmo se dá unha curiosidade: nunha prolongación do recinto monte abaixo, no que hai unha terraza, chégase ata a posible canteira do castro. Esta xentiña debía crebar as capas de laxes e fragmentalas para a muralla alí mesmo, como é obvio. O resultado aínda se pode ver hoxendía.


Canteira, terraza castrexa en segundo plano e muralla ao fondo.

Desde a propia canteira, a acrópole da Cividá, monte abaixo, sobresae.

Este conxunto é excepcional, por todo o que dispón e as suxestivas relacións que pode haber entre os dous castros. O castro de enriba, por exemplo, dispón de control visual cara unha zona que a Cividá non pode ver. Esta curiosa relación é similar noutro conxunto que está na mesma área cultural castrexa, meténdonos cara o interior, no Carballiño. O conxunto de Xurenzás, composto por un labiríntico castro e un recinto similar, con potente muralla de pedra pero unha menor presenza de cachote no interior, chamado Corneda, a uns 500 metros.

Nota: Iso é unha xungla machacada polas escorrentías. No caso de quereres ir, recoméndoche que aparques na casa de turismo rural O meiriño. Ao carón sae unha pista que está pechada con arame, para evitar que baixe o gando. Tes que quitar o arame e comezar a subir ata que chegues a un lugar no que remata, nunha canteira pequena. Alí verás unha parede de xestas á dereita. Pois ben, teste que meter entre as xestas e localizarás un pequeno camiño que te acabará levando, tras conectarse con outro máis grande, ata a Cividade. Aquí tes a localización.

6 Comments

  1. david
    19 / Maio/ 2010

    parecemos cans dos coellos meténdonos aos toxos
    hoxe outra vez, nestas excursións de hora e media a correr que podo facer tiven que lembrar unha conversa cunha nena de 11 anos que ti xa coñeces

    – nada filla, chamarase Castelo pero non hai castelo
    – pai, xa sabes o que di “o noso líder”, “o castelo é máis unha función que unha construción”

    a partir daí rimos un cacho e baixamos despois de mirar para a ría. Canta terriña e canto mar non se vía desde o Tremuzo, e o Castelo do caso que está á beira

    non vén a conto, acordeime polos toxos, o vicio é o que ten

    que lástima que Fontán non levase un diario das cousas curiosas que seguro lle contaron e viu, porque Fontán estivo neses altos TODOS.

    (e falando de Fontán non deixedes de ver isto http://www.panoramio.com/photo/30892610, uns 2 km polo río arriba hai outra case tan fermosa coma esta: a Fábrica da Galiñeira.)

  2. 19 / Maio/ 2010

    Anda, David, temos á final casteliño no Tremuzo?

    Por certo, curioso que comentes o de Fontán. Onte á noite estiven vendo un orixinal do seu mapa diferente aos que coñecía, sen “camiños reais”. Só aparecen os camiños principais entre as cidades, pero a rede viaria secundaria, a que ía polos altos das serras, non figura. Noutras impresións que teño visto si que están.

  3. david
    19 / Maio/ 2010

    e haberá, pero eu non o vin, anque pouco mirei: a nena e o seu pai cando chegamos a eses altos poñémonos a mirar para o horizonte (desde o Tremuzo é… etc, por non dicir outra cousa) e esperar polos bárbaros, que como Cavafis nos ensinou no milenio pasado “a fin de contas, eran unha solución”

    polo demais, xa sabes que arredor do Castelo Grande, hai como tres topónimos Castelo a facer a roda, pero non creo que neles haxa restos como os do teu querido Castelo de Nimo. No monte Castelo que subimos onte eu non os vin desde logo, quedan dous Castelos máis aí pero penso que non vai haber nada. Canto máis que se ven restos de canteiras

    se houbese algo no Tremuzo estaría entre os “tres montes” que de aí lle vén o nome, nunha devesiña moi curiosa que alí hai, pero ou vas á devesa ou miras para o mar

    os contemplativos é o que temos

    unha aperta Manuel, non contamino máis neste post que aínda á saír un crítico agudo e dicir: mira con que tropa de desinformados anda este

    alegría

  4. david
    19 / Maio/ 2010

    En canto ao de Fontán, é un personaxe interesantísimo, Miguel Murado di nun dos seus libros unha cousa fermosa: Fontán coñeceu á totalidade das xentes que viviron en Galicia nunha determinada época. Evidentemente é unha maneira de falar, pero moi próxima á realidade. Tampouco hai que idealizar en extremo o traballo de don Domingo Fontán, os camiños de a pé levan moi axiña aos lugares, en moitas ocasións máis comodamente que hoxe, eran transitables, usaban cabalerías que é o medio idóneo, era acompañado de xentes do lugar e operarios e protección se fose do caso, etc. O que dis debe ser unha impresión anterior á famosa que coñecemos, gravada en Paris “El 14 de Noviembre de 1838 nuestro biografiado otorga testamento ante la inminencia de su viaje a París para dirigir el grabado de su Carta Geométrica de Galicia en los talleres de Bouffard”, ou ben un dos varios mapas e versións que preparou con anterioridade. Nunca pensaremos abondo no que Fontán significou. A “idea” de Galicia que temos é a que naceu dos seus cálculos e contas incansables. Nesa xeración están as fontes do que somos ou do que poidemos ter sido. Fontán coñeceu todos os nosos horizontes, meteuse aos toxos e non está mal seguir subindo a eses montes e ollar lonxe, no espazo e no tempo: cura a asía que dá unha das especialidades gastronómicas que máis se consomen neste país: xenio, comer xenio, digo. Hai unha páxina xeitosa sobre Fontán: http://www.fundaciondomingofontan.com/inicio_15486.htm
    (e agora si, desculpa, desculpade, o texto e a ortografía)

  5. 20 / Maio/ 2010

    Un especialista en Fontán! Grazas polos apuntamentos. Si, Fontán é unha interesantísima figura. Eu descubrino ao ler por primeira vez Arredor de Si, de Otero Pedrayo, cando era bastante neno. E despois continuei a súa Historia.

    Coincido contigo en que, se ben é certo que o traballo de Fontán debeu ser inxente, seguramente moitos dos camiños que el empregou para subir aos montes estaban máis coidados que hoxendía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará