Explorando produtos galegos e elaboracións xaponesas no restaurante Oh Sushi! de Vigo


Sala do restaurante Oh Sushi! de Vigo. Foto no perfil de FB do restaurante

Interesantísima a velada que onte pola noite congregou a adegueiros, cociñeiros e xornalistas no restaurante Oh Sushi! de Vigo [T: 986294881 / localización]. O propósito era explorar as maridaxes entre produtos galegos e a cociña e os métodos de elaboración xaponeses. O chef Andrés Medici, un arxentino afincado en Vigo (que curiosa esta relación entre os arxentinos e a cociña asiática) confeccionou unha serie de sinxelas propostas e amosar como pegaban con peixes e viños tradicionais.


Tataki de xurelo. Foto: Miguel Vila


Sashimi de robaliza. Foto: Miguel Vila

Comezamos cun tataki de xurelo, que estaba fantástico e revelou as magníficas potencialidades do peixe azul no estilo da cociña xaponesa, e seguimos cun polbo con algas e cogombro, no que especialmente o sabor deste último prevalecía no pratiño. Rafael Palacios, un dos enólogos de máis nome nestes momentos en Galicia, acompañou os pratiños co seu Louro do Bolo 2009, recén saído ao mercado; gustoume moito a relación entre o Louro, que é un dos meus Valdeorras preferidos, co peixe azul. Nisto da harmonía entre o viño galego e a cociña xaponesa eu aínda teño todo por explorar, pero gustoume como pegaba o toque de madeira deste godello co intenso sabor do xurelo. Moito mundo por explorar, señores. Por certo, Palacios comentoume cal é o novo proxecto da súa adega de Valdeorras, e creo que vai ser moi interesante. Publicareino un destes días.

De seguido, ofrecéusenos unha excelente sopa de ameixas con dashi, seguido do Inari Sushi -un pratiño moi curioso que é, basicamente, unha filloa de tofu con arroz dentro-, que se combinaron cun Armán 2007, un Ribeiro tamén con algo de barrica; Javier, de Armán, que é un namorado das elaboracións do Ribeiro, me estivo contando a cantidade de novos proxectos que ten esta adega. Alucinei con algún deles, e xa volos contarei porque quero ir ata o Ribeiro do Avia a probalos en canto me sexa posible. Rematamos cun sashimi de robaliza salvaxe -estaba fantástica, e aquí é onde ao meu ver se demostrou a potencialidade do peixe galego dentro desta liña gastronómica e rematamos cunha cousa ben curiosa. Outro sashimi de salmón galego, un dos primeiros sacrificados. Trátase deste curioso proxecto de acuicultura mariña que estivo ubicado na ría de Arousa e que agora se instalará na zona de Muros, de cría de salmón en cautividade. ¿Que como sabe o salmón galego? Pois a xulgar pola velocidade na que desapareceron as bandexas de sashimi das mesas, sen dúbida a cousa encantou á concorrencia. Ao meu ver, se cadra faltáballe algo de graxa (aínda están tentando descubrir por que), desa graxa que lle outorga ese sabor suculento a este peixe, pero o peixe estaba moi bo e ten un enorme futuro. Haberá que seguirlles a pista. Estes sashimis regámolos cun Eidos (creo que 2008 ou 2009), o albariño da adega do mesmo nome de Sanxenxo e que me parece unha das máis interesantes da subzona do Salnés. Coma sempre, un albariño con moita expresión do varietal, moi fresco e que pegaba ben con cortes tan directos coma o sashimi (especialmente co de robaliza, ao meu ver).

O proxecto de Andrés Medici no seu Oh Sushi! pareceume moi chulo (e por certo, ten un blog, Cultura Sushi, que hai que seguir). Un cociñeiro moi purista, moi da cociña tradicional xaponesa. Non habemos tardar moito en pasar por alí a probar un bo menú deste xapo vigués. Honestamente, na exploración desta vía entre os nosos produtos e estes métodos de elaboración sinxelos e sanísimos creo que hai un camiño enorme para os nosos produtores agropecuarios. Nós, na casa, tamén andamos probando.

6 Comments

  1. Jorge
    14 / Maio/ 2010

    Supongo que lo conocerás, pero esto del sashimi de lubina yo lo descubrí en los restaurantes de lo que yo llamo la “familia Vicente”, con el nombre común de lubina marinada al eneldo. El pescado cortado muy fino con aliño de limón, aceite y eneldo. Espectacular.
    Se preparaba en Toñi Vicente, Sibaris y Doña Antonia (ya cerrados) y se sigue haciendo magistralmente en el Alameda 10 y supongo que en el nuevo restaurante de Toñi en Sanxenxo.
    Hay vínculos familiares entre los propietarios de todos esos locales y recetas que se repiten en sus cartas como la tarta del abuelo Delmiro o las croquetas. Incluso Toñi tiene (creo) dos hermanas en Tomiño que regentan A Casa das do Correo, donde me dicen que se come divinamente y a buen seguro también elaboran alguna de esas recetas.
    El salmón marinado lo preparan muy bien en el Pil-Pil de Coruña. Ostras y almejas aparte, digamos que es el sashimi pero a la gallega.

    Saludos

  2. 15 / Maio/ 2010

    Si, Jorge, sen dubida esa robaliza marinada fixo famosa a cociña de Toñi Vicente en Compostela, pero non sabia eu que formaba parte dun receitario familiar! Grazas pola información!

  3. PabloV
    19 / Setembro/ 2011

    Eu voltei por segunda vez ao sitio polo louro do bolo, o ben que maridaba co peixe, e as dúas veces saín encantado

  4. 19 / Setembro/ 2011

    Pois desta última volta apostou por un ribeiro (teño por aí o nome) que pegou moi ben. Así que ben pola treixadura! :-)

  5. PabloV
    20 / Setembro/ 2011

    non entendín, manolo, quen apostou polo ribeiro?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará