Last updated on 9 / Maio/ 2010
Grazas a Álex, hoxe puiden achegarme ata os obradoiros nos que se está a preparar a caracterización do máis comentado acontecemento de Compostela nos últimos meses. E non, non é nin unha exposición nin o Xacobeo, senón o desfile das tropas imperiais de Star Wars desde a Praza de Mazarelos ata a Praza do Obradoiro, acompañados de gaitas e requintas da Ulla que interpretarán unha versión enxebre da Marcha Imperial! Se alguén pensa que se me escapou un parafuso, pode consultar a magnífica web do evento. O gran desfile será o 21 de maio e conmemorará o 30 aniversario de O Imperio Contraataca.
Nun obradoiro da zona nova estaban afanados hoxe á tarde o equipo que tocaba na quenda correspondente desta. Daniel, Jorge, Fátima, Rubén e Juan, cos dedos cheos de tiritas polas queimaduras de plástico, producían en cadena partes do uniforme de soldado. Impresionante. Fixemos un vídeo no que vemos o seu traballo.
Só quero dicir que me alucina, me parece estupendo que a xente se organice para realizar un evento cultural (si, isto é un evento cultural) dunha forma tan sistemática. No web dos Imperial Storm Troopers non hai un só logo dunha institución, só hai un logo dunha institución, Turismo de Santiago, que non aporta diñeiro, senón axuda á difusión. E dá exactamente igual que non achegue diñeiro. É a sociedade civil, ou sexa, estes amantes de Star Wars, a que é capaz de facer algo que promete tanto como isto. Todo un exemplo. É parte dun sistema democrático que as institucións apoien a actividade cultural, pero cousas como os Imperial Storm Troopers nos permiten ver tamén que se poden facer cousas con independencia das institucións. Ou sexa, que ás veces non ter subvención non é excusa.
Nota: a foto é de Luis SG no grupo de Facebook dos Imperial Storm Troopers.

Impresionante! Nós tamén, cando nos enteramos, pensabamos que era un hoax, pero xa nos tarda estar en Santiago para velo! Subimos o vídeo este, a ver se animamos a máis xente! Graciñas, mestre!
Sen dúbida é tentador organizar actividades culturais á marxe das administración, renunciando ás subvencións e, de paso, a tratar con políticos tan desmoralizadores como os actuais xestores culturais da Xunta. Pero, por desgraza, no evento dos Stormtroopers hai dous aspectos que se debe ter en conta: a) é un acto puntual; b) non se basea na lingua galega. Calquera iniciativa cultural (musical, editorial, cinematográfica…) que teña vocación de continuidade e parta da lingua galega ten que apandar coas subvencións se quere sobrevivir. Non hai outra.
Ai, máis que un acto puntual é un evento que require moita coordinación e traballo previo, é dicir, meses de curro. Non o limitaría tanto. Coñezo uns cantos eventos -de pouco monto, de eventos que requiren loxística complexa xa é outra cousa- que non se teñen feito porque fallaron unhas pequenas axudas (mesas redondas, etc.). Tamén coñezo moitísimos eventos en lingua e cultura galegas que se fan sen un peso público ou migallas, ollo, simplemente pola teima dos organizadores.
O segundo que apuntas é un debate reiterado. Con independencia dos métodos e dos pasos intermedios, eu teño claro que o horizonte da produción e/ou creación cultural na nosa lingua debera ser a rendibilidade de seu. Vainos ir moito mellor ter unha creación cultural o máis emancipada posible do poder político, con independencia do seu signo. Iso non quita que hai sectores máis difíciles de soster que outros.
É dicir, a sociedade civil é a que debe preocuparse en conseguir facer rendibles as súas iniciativas. E non me refiro a rendibles economicamente, en plan venda->compra, senón sobre todo rendibles socialmente, e rendibles a longo termo. Se non, chegan peores situacións e de súpeto vémonos en problemas. O tema do audiovisual é paradigmático e dá para falar moitísimo, neste sentido, e desde moitos ángulos industria/creación independente, televisión / cinema, mercado / certames. Pero a situación complexa que vivimos no sector audiovisual sen dúbida está moi relacionada coa hiperinflación motivada por anos e anos de produción ultrafinanciada.
Por suposto, o argumento ten truco. Falo dun horizonte; non da realidade actual. Se agora mesmo se cortase o grifo da axuda cultural, o groso do noso medio rural perdería case todas as opcións para desenvolver actividades que requiren complexidade e financiamento, e iso repercute na calidade de vida. Ademáis, hai outra cousa: tampouco podemos confiar nas bondades do mercado, que é ben cabrón. Eu creo que, con independencia da saúde dunha lingua e dunha cultura, en Galicia debemos contar con políticas culturais activas e con iniciativa. É dicir, a administración debe ser un axente activo, pero hai moitos xeitos de selo e, por veces, a subvención sen dúbida é o recurso máis doado e que menos traballo dá.
En fin, moitas cousas, pero é que abriches un debate de agarrarse.
En Galicia hai moita actividade cultural sin subvención; sobre todo música. As Bandas, as orquestas, os grupos de hip-hop, de rock, punk, electrónica e por suposto Folk e as demáis. Como di Vituco de Ruxe-Ruxe: qué pasará o día que os galegos descubramos a cantidade de música que se fai aquí! …
Sin subvención hai miles de festas en Galicia, e, por suposto o Imperial Stormtrooper.
saúdos de @gaguel e Forza!
gáguel (curioso nome), nos ultimos anos teño contraposto, en conversas deste tipo, os casos do sector musical (abandoado pola administración de xeito case antolóxico) e do audiovisual (no que entrou moito diñeiro público en determinadas áreas) para motivar unha reflexión sobre as políticas públicas, o seu impacto e a ausencia delas.
Esencialmente, a música galega buscouse a vida moi ben ante a ausencia de padriños. E soubo moverse bastante ben, aínda que precise máis visiblidade internacional -como unha das metas, ao meu ver.
Un saúdo! :-)