O Monte Aloia: un enigma amurallado de 30 hectáreas

Last updated on 10 / Abril/ 2010


A brétema no Monte Aloia (Tui)

Hai tempo, cando publicara fascinado no blog a localización e o enigma da enorme muralla de Castro Valente, Xenome envioume rapidamente un grupo de flickr de fotografías e un completo mapa de Google Maps doutro lugar que a el lle recordara o Castro Valente do que acababa de falar: a muralla “ciclopea” do Monte Aloia. Quedei intrigadísimo co lugar, así que aproveitamos para visitar as ruínas, que están nun parque natural situado nas proximidades de Tui [localización], esta fin de semana.

Só había un problema: a brétema. Espesa, contundente, impenetrable coma na foto. Na nosa procura polo bosque, a brétema fíxonos perder, toleunos arriba e abaixo, pero tamén creaba unha atmósfera máxica no solitario parque natural, entre as grandes bolas de granito, os piñeiros, os carballos e o carrizo. Localizamos a muralla, aínda que por veces tamén a perdimos, cegos de orientación na espesura da néboa. En canto comezamos a andar por ela, decateime con abraio. Era moi similar á de Castro Valente na súa confección: uns dous metros de ancho, grandes bloques de cachote e a construción serpeando pola zona alta dun monte, recollendo no seu interior mananciais pero aproveitando a disposición dos penedos para integralos na muralla e aforrar custes de construción. A diferencia, no pouco que puiden ver, se cadra estaba nos peculiares e mínimos torreóns semicirculares da de Castro Valente, que aquí non aparecen (aínda que se fala -eu non os vin- dalgunhas construcións grandes na muralla).


Unha pequena cata da muralla na suposta porta do recinto


A muralla polo medio do monte

A muralla é enorme no seu tamaño e eu volvo con moitas máis preguntas das que levaba aló. Hai quen fala de 3200 metros de lonxitude, todo ao redor da cima do monte Aloia. Sería a segunda muralla conservada máis grande de Galicia, despois da de Lugo, que non é pouco. E aquí vén a historia. ¿Que gardaba no seu interior? As penedías acochan unha área de 30 hectáreas ou máis, nos que hai unha curiosa capela de San Xián consagrada a un suposto eremita do monte. Tamén está, próxima, a Cama de San Xulián, unha pedra cunha cavidade na base e plana na zona superior. Un universo de significados e símbolos superpostos durante séculos.


Xurxo na porta da Capela de San Xulián

Historicamente o monte Aloia refuxiou ás xentes da comarca da Tui das numerosas invasións que viviron, pero ¿quen podía defender un perímetro de 3200 metros? Xa volo contesto eu: ninguén. Eu creo que non houbo ningún exército en Galicia con capacidade para artellar unha defensa nunha muralla de tres quilómetros. ¿Entón para que valía?¿De que época é? Polas súas dimensións, parece que non é castrexa. Algunha xente avanza que podería ser tardorromana ou altomedieval. ¿Algo máis? Nada máis.

Non podo deixar de pensar nunha curiosa coincidencia. Castro Valente está nas proximidades de Iria Flavia, un importante enclave romano e do adxacente porto de Cesuris; o Monte Aloia sobre Tide, outro destacada urbe romana con porto. E en ámbolos dous casos temos dous dos xacementos máis enigmáticos e espectaculares de Galicia. Murallas de pedra que cercan extensións enormes, que non parecen interesar demasiado aos arqueólogos nin historiadores deste país, que viven enganchados en microparcelas de coñecemento (eu, Idade do Ferro, ti, mundo romano, el, Idade Media como historiador, leo papeis pero non fago traballo de campo) que impiden que se estuden estes recintos de xeito rigoroso. Estes lugares viven no lumpen da investigación.

Hoxe, cando percorriamos entre a brétema estas enormes murallas, seguindo o seu percurso nun bosque pechado, entre grandes penedías, convencíame de algo a min mesmo: que gran historia hai aquí detrás, que gran historia que descoñecemos. Pero tamén me facía unha pregunta na que procurarei pensar: haberá en Galicia máis recintos enormes como Castro Valente e o Monte Aloia?

25 Comments

  1. Alfonso García
    8 / Marzo/ 2010

    Nesa análise que fai dos arqueólogos e historiadores había que profundar máis. Ninguén pode poñer orde neses reinos de taifas? Non podemos escavar no noso dunha santa vez? Unha terra chea de antas, de castros, de murallas, unha nación feita de pedras nas que os seus habitantes non saben apenas nada delas… éche ben triste!
    Noraboa polo seu esforzo, señor Gago. A ver se, como a gota malaia, o seu labor vai facendo suco no cerebro dalgún que mande no choio éste, se é que manda alguén. Parabéns, sinceramente.

  2. 8 / Marzo/ 2010

    Grazas, Alfonso. Como xa teño sinalado, desa incomunicación entre profesionais resíntese especialmente un periodo da Historia galega: a Alta Idade Media. Se lle digo a verdade, máis que nos que mandan, o que agardo é que se conciencien os que traballan nisto. É un magnífico campo profesional case inexplorado.

  3. lui_c
    8 / Marzo/ 2010

    Parece que el Aloia fue LA idea de este finde. A nosotros la niebla nos hizo quedarnos en el campamento base (Tui), otro día tocará volver y subir.

  4. 8 / Marzo/ 2010

    Que honra ter influido nos teus plans de fin de semana!! jejeje.
    Unha mágoa o da néboa, unha das mellores cousas do monte son as vistas que ten do val do Miño, a Louriña e as rías de Vigo e Baiona, especialmente desde o Torreón/Atalaia que hai baixo da Cruz.
    E respondendo a pregunta que deixas ao final, segundo lin no libro “O Tui antigo : unha aproximación histórica-arqueolóxica” da arqueóloga tudense Silvia Soutelo, que adica un capítulo completo ao recinto do monte, parece ser que hai recintos similares, aínda que non tan masivos, nos outros dous puntos de referencia do val da Louriña: o Faro de Budiño e o Galiñeiro.
    Das sondaxes que se fixeron hai uns anos tanto na muralla na zona da entrada coma nos recintos cuadrangulares en na “cama de san Xiao”, creo que non hai resultados publicados. Polo que se dixo na prensa no seu momento, e falando de memoria, parece que na “cama de San Xiao” había vestixios dunha construcción no seu frontal con restos de tégulas presumiblemente romanas. A tipoloxía da construcción do muro parecía non concordar con época castrexa.

    Polo que a min respecta, estou de acordo contigo en que non hai exército que puidese defender semellante recinto con éxito, polo que me inclino máis por un muro ritual protexendo o territorio dun santuario ou similar, que aínda chegou aos nosos días con San Xiao e o viacrucis ata a “pedra do sol”

    Saúdos

  5. 8 / Marzo/ 2010

    Xenome, grazas pola información. Lerei o libro de Silvia Soutelo e xa atopei algunha referencia ao recinto do Faro de Budiño. Pódesme precisar máis o do Galiñeiro?

  6. 8 / Marzo/ 2010

    No libro de Silvia hai un pequeno mapa dese recinto, tirado doutro autor. Noi sei se o libro será doado de atopar, se tal cando poida mándoche as páxinas correspondentes escaneadas

  7. 8 / Marzo/ 2010

    Buscando un pouco por ahí, atopei o documento “Menhires y Marcos de Galicia y Portugal” (http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2003PDF/2003%20025_050Monteagudo.PDF) no que se cita a Taboada Chivite co seguinte: “No Aloya hai unha capela adicada ó mártir
    San Xulián, cuia imaxe levan deica a chamada Pedra da Auga, si se quer choiva, e deica a Pedra do Sol si a auga dana os campos. A Pedra da Auga mira cara o mar i-a do Sol ó
    nascente”. A cita tenta dar explicación a un idolo fálico atopado presumiblemente no castro de Cabeza de Francos, é ainda que non ten nada que ver recolle q tradición que che comentaba.
    A pedra do Sol é onde está a cruz, a da Auga, aínda que non coñecía a súa existencia, supoño que será o miradoiro que hai trala ermida, xa que é o único lugar desde o que se ve o mar desde o monte. Os miradoiros, a cruz e a casa forestal foron levantados a principios do século XX polo enxeñeiro Areses.

  8. Xabres da Teixeira
    8 / Marzo/ 2010

    ¡Boa información!
    Agora quero facer de”advocat” do demo,(sen ánimo de ofender) coñezo valados e paredes de socalcos moi similares. ¿Andarian por ahi as cousas?

  9. 9 / Marzo/ 2010

    Xabrés, non creo. Tiñas que ver como chouta ese valado polo medio dos penedos, reforzando as partes de acceso máis doado á zona superior do monte. Agora ben, igual que sinalo que hai unha “economía de recursos” na confección da muralla (o aproveitamento das penedías que parece obedecer a un fin de defensa e mesmo de resistencia: a muralla busca recoller mananciais no interior, igual que en Castro Valente), reafírmome en que non houbo exército nas épocas nas que isto puido ser construído capaz de defender semellante perímetro. Todo un misterio.

  10. lapatianco
    9 / Marzo/ 2010

    Duas simples curiosidades e anotacións tanxenciais.
    Por unha banda, pensar en como cambia a nosa percepción do espacio. Neste caso, o do Monte Aloia, que os nosos devanceiros verían principalmente “pelado” ata que a primeiros do século XX se fixo a “reforestación” con eses piñeiros que agoran dominan esa paisaxe, baixo a dirección do enxeñeiro Rafael Areces. Daquela supoño que ainda sería visible dende lonxe a “liña” de delimitaba a muralla.
    E a outra é o interesante enlace que pon Xenome a ese artigo de Taboada Chivite, do anuario brigantino. Bastante descoñecido, pero moi interesante por recoller “pedras” que non aparecen catalogadas en outros moitos “manuais”, como o “menhir” que fai de marco entre os concellos de Arteixo e A Laracha.

  11. Antón
    13 / Marzo/ 2010

    Un saúdo e parabéns por este blog.
    Gostariame darvos a minha opinión de “aficionao” no relativo á funcionalidade destes “castelos”
    Sen desbotar o seu posible uso ritual ou a presenza de cultos nestes recintos, coido que tamén a función defensiva ten moito ó seu favor.
    A súa ubicación en duas importantes vías de penetración fluvial cara o interior de Gallaecia non permite desbotar un aspecto defensivo para contrarresta-la relativa sorpresa dunha invasión naval.
    ¿Non poderian ser obras tardoromanas para defensa de povoación e gandos fronte ataques procedentes do mar? Daquela terian informacións dos ataques de jutos, anglos e demáis “barbaros marinheiros” á Britania e Armórica.
    Tamén poderían ser obra de suevos polo perigo de asaltos dos vándalos asdingos con que mantiveron guerra na Gallaecia. Mesmo se fala de que os suevos foron cercados polos vándalos nuns ilocalizados “Montes Nebasios”.
    Na segunda e definitiva guerra dos suevos cos godos e os seus aliados, éstes poideron empregar frotas importantes contra dos suevos.
    O seu gran tamaño non permite cecais unha defensa total do seu perimetro, pero debemos lembrar que os suevos eran un povo en armas e a povoación de dous territorios permitiria cubrir a muralla alo por onde sufrisen o ataque. Por outra banda, tanto un asalto coma un asedio tampouco poderían abranguer todo o perimetro.
    Naturalmente estas fortificacións¿? poderian ser máis modernas e estar relacionadas coas invasións normandas, que por certo castigaron duramente as zonas onde se achan os dous castelos.
    Seria interesante descubrir máis recintos deste tipo para contrastar.
    De novo un saúdo para todos.

  12. Antón
    13 / Marzo/ 2010

    joer, desculpas polo “tocho”

  13. 14 / Marzo/ 2010

    Antón, non hai que desculparse polos tochos. Se non podemos publicar tochos en Internet xa me dirás onde! :-)

    Antón, comparto as túas suposicións. Habería que sondear en zonas da Galicia interior, non vinculadas a cursos fluviais, por ver se tamén hai construcións deste tipo…Como ves, a información que hai é escasa e non hai evidencias que permitan verificar ninguha hipótese. Pero eu, coma ti, vexo as edificacións no contexto tardorromano ou alto medieval. Se cadra en terra de ningures.

    A min o que si me mosquea é o concepto militar do asunto. Síntoo, pero non me acaba de encaixar. Ademáis, por un motivo. No mundo baixomedieval, que é onde coñecemos ben as fortalezas galegas, a construción destes castelos están perfectamente dimensionados para conseguir a máxima defensa co menor número posible de efectivos. Adáptase ás circunstancias sociais dos exércitos privados da aristocracia baixomedieval galega -ben pequenos.

    Obviamente, estoutras fortificacións do Aloia ou do Valente, se tiñan un fin militar, presupoñen unha organización colectiva moi consistente, tanto para a súa edificación como tamén para a súa defensa. Lembran máis a sociedades e conceptos asiáticos da guerra, con miles de efectivos.

    Un último factor que quero destacar, e que xa comentei no seu momento, é o papel “simbólico” dos recintos. No caso do Castro Valente, que é o que teño máis estudado, a muralla é moito máis monumental pola banda que dá ao río Ulla e ao porto de Cesuris que pola banda que dá a un val algo inhóspito e illado. Pedra contra terra, basicamente. Aínda que hoxe iso é unha toxeira inmensa, no seu tempo a muralla debía ser perfectamente distinguible desde o río e o porto.

  14. 14 / Marzo/ 2010

    …e sobre isto último da muralla do Valente. Faime graza. Murguía pensaba que a muralla fora construída en dúas épocas (a de terra sería anterior). Eu penso algo diferente: unha parte da muralla había que ensinala e outra non.

  15. 15 / Marzo/ 2010

    Parabéns polo blog e polo intento de botar luz ao recinto fortificado do Aloia, que segue sendo un “misterio” para arqueologos e historiadores.
    Varias precisións. No libro de Jaime Garrido, “Fortalezas e la antigua provincia de Tui” podemos atopar outros exemplos similares ao do Aloia como son o Galiñeiro e o Faro de Budiño, moi próximos a Tui, tamén de incerta explicación.
    Nas excavación realizadas no Aloia os restos atopados, tanto castreños como romanos, son de moi pouca significación para aventurar unha hipótese.
    No documento de concesión do couto de Tui polos condes de Galicia, D. Ramón e dona Urraca, á Igrexa de Tui no ano 1095, sinalan un dos seus limites no Aloia “ubi fuit civitas antiquitus condita”, que moitos historiadores vencellaron cun posible ubicación de Tui nesa enclave, pero os restos materiais non permiten sequera aventurar esta posibilidade.
    O historiador portugués Mario Jorge Barroca nos seus traballos sobre castelos románicos portugueses, fala de estructuras arquitectónicas como, por exemplo a “civitas de Anegia”, na ribeira do Douro, un territorio creado por Afonso III despois das campañas militares de 868-878. As civitates eran grandes espazos territoriais dirixidos dende un lugar central, onde se instalaba a sede militar e do que dependian outras estruturas militares, “castelos” ou recintos amurallados promovidos polas poboacións locais para garantir a súa seguridade, realizado con modestia, aproveitando a orografia do terreo, etc. Creo que nestes traballos pode existir unha liña de investigación arredor destas murallas ciclopeas, que acollerian temporalmente á poboación ou a unha guarnición, e que explicaria a falla de restos materiais.
    Finalmente, sobre os rituais para rogar pola choiva ou pola calor, segundo fose preciso, e que recollen de seguro tradicións precristianas, teñen ata o seu propio ritual recollido polo Cabido da Catedral tudense que os organizaba cando era preciso. Hai un artigo de Domingo Cameselle Bastos na revista do Museo e Arquivo Diocesano de Tui do ano 1994 que recolle, entre outros asuntos, este ritual das rogativas.
    En definitiva, o enigma do Aloia medra cando se afonda nos datos que posuimos.

  16. 15 / Marzo/ 2010

    Grazas polo preciso comentario, Rafael. Apunta ideas moi interesantes. Agradézoche tamén a referencia do couto de Tui do 1095, no que se fala da antigüidade da civitas aló enriba. Eu engadiría outro concepto máis para o debate, do que penso escribir nuns días: os castella tutiora.

  17. 15 / Marzo/ 2010

    Pecando de pesado con tema :) atopei tamén en google books, na obra de Prudencia de Sandoval (que foi bispo de Tui de 1608 na 1612) “Historias de Idacio obispo, que escrivio poco antes que España se perdiese”, unha interesante cita sobre a ermida do monte. Falando de Alfonso II O Casto e de famoso Cruz de los Angeles de Oviedo (que esta datado en 808). O caso e que fala de outras cruces de forma similar, que él asocia aos godos, unha delas atopada por él mesmo na ermida do monte: ” Y la misma y con veneras cerca della hallé en vna Herrnita antiquisima dc S Iulian. Está en un monte donde dizen fue la antigua Tuy y es de marmol blanco la piedra y della hize una Ara que puse en la capilla de la casa Epifcopal siendo Obispo de Tuy dexando la Cruz y parte de la venera por su antigüedad”.
    Non sabía da existencia desa cruz, nin sei se aínda se conserva, e aínda así Sandoval non é unha fonte moi fiable para datar nada, pero é un dato. Deixo o link ao orixinal tamén: http://books.google.com/books?id=3s5EWzRZiKQC&dq=inauthor%3A%22Prudencio%20de%20Sandoval%22&lr=&hl=es&pg=PA166#v=onepage&q=&f=false

  18. 15 / Marzo/ 2010

    Nada de pesado, Xenome, isto está interesantísimo! Copipego aquí a cita na que, no ano 1095, xa se fai referencia á ermida de San Xulián no monte e, moi interesante, aparece esa referencia á fundación de Tui no Aloia que tamén recolle o Sandoval:

    …et venitum in Castrum et ad montem Aloya, ubi fuit Civitas antiquitus condita, et ubi sunt reliquiae S. Juliani repositae.

  19. Xai
    16 / Marzo/ 2010

    Moi boas, caín eiquí de casualidade e detívenme a ler este interesante blog. Non sei se aprendín máis cousas novas para mín con este artículo ou cós comentarios, que tan interesantes me pareceron que me decidín a dar a miña opinión. Non teño especiais coñecementos no tema, pero ocorréuseme que a orixe desas murallas podería ser que fose un castigo dos nobres ós irmandiños recén derrotados. Igual foron unha especie de “campos de concentración” da época, ou algo así…non sei…dito así parece como moi forte, pero bueno, ata onde eu sei, a historia coñecida vennos a dicir que moitas perrerías téñense feito nesta bendita Galiza…e aqueles eran tempos bastante duros…tamén tiveron que reconstruír algúns dos castelos derrubados…

  20. 16 / Marzo/ 2010

    Boas, Xai, grazas polo comentario!

    Fíxate que aquelo xa debía ser unha ruína no século XI, a xulgar pola cita do couto de Tui. Nas referencias que hai a principios do XVII fálase tamén de que son antiquísimas ruínas. Se fora construída a finais do XV saberiámolo con bastante detalle.

  21. 16 / Marzo/ 2010

    Un apontamento máis relativo as condicións defensivas do monte. Desde o meu punto de vista máis ben non-defensivas.

    – Por un lado, pra chegar ao monte a pé desde Tui hai que botar alomenos unha hora camiñando a bo paso. Irse refuxiar alí co gando e familia ante un ataque sorpresa normando, unha razzia árabe ou similiar precisaría de certa previsión. Sería máis sinxelo defender a propia cidade, ou subir a cabez a de Francos (onde está o maior castro da contorna).

    – Se a idea era deixar a cidade deserta e fuxir coas cousas de valor, ter unha muralla no alto dun monte visible desde toda a bisbarra, e cun perímetro tan grande que a fai moi difícil de defender, no se me antolla como a mellor solución. Mellor esconderse no medio dunha fraga espesa que chamar visiblemente a atención no curto dun monte.

    – Se se visita a muralla en sí, vese que non segue o mellor trazado defensivamente falando. Hai tramos relativamente sinxelos de asediar pola pouca pendente que teñen, e da un rodeo considerable para pechar unha fonte de auga (a fonte dos namorados) causando unha perda importante de “idoneidade defensiva”. Por otra banda, dada a pluviosidade do monte (a estación meteorolóxica instalada é das que rexistra máis chovia de Galicia) sería sinxelo o abastecemento por alxives, sen xustificar este rodeo.

    – No caso de que este recinto se vinculase aos de Budiño e o Galiñeiro, estariamos falando de recintos para acoller a unha cantidade de poboación esaxeradamente grande.

    Con todo esto, e tendo en conta os rituais documentados da Pedra do Sol e da Choiva, a fonte dos namorados baixo da capela, e a posible existencia dunha capela xa en época visigoda/sueva (aínda que normalmente se considera que a actual sustite a unha románica, que eu saiba non hai restos que corroboren con certeza esa datación), considero que e moito máis probable a existencia dun importante centro de culto tardorromano-altomedieval, e que os paralelismos habería que buscalos máis en casos coma a Virxe da Franqueira que en castelos temporais.

    Non estaría de máis que se fixese unha escavación no que é o recinto da capela de San Xulián, pero… :)

  22. Anton
    16 / Marzo/ 2010

    aii, os cartos da cidade da cultura…..que ben estaban empregados en outros lugares de Galiza.

    Moi interesante a nova e os comentarios

  23. az
    10 / Maio/ 2010

    Para puntualizar, a muralla do Aloia está sinalizada con indicadores específicos e resaltada nos grandes carteis informativos ao pé da estrada de acceso. Empregan o mesmo adxectivo, ciclópeo, pero cífranlle o perímetro en 1250 mts (teño unha foto diante).
    Un saúdo.

  24. Anxo
    5 / Decembro/ 2016

    Magoa do nooso patrimonio desfeito en mil anacos por uns e outros iñorantes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará