Arroces e máis arroces na Semana Gastronómica do Caney en Compostela

A min o concepto de “semana gastronómica” gústame especialmente. Gústame a idea de que unha carta sexa efímera, que só haxa un momento concreto para consumila; gústame como consumidor pero tamén pola liberdade que dá aos restaurantes de experimentar platos que, ás veces, coa dinámica do día a día, non se poden probar e ver como funcionan.

O restaurante Caney de Santiago de Compostela [T: 981559603 / localización] manterá do luns 8 ao sábado 13 de marzo a semana gastronómica do arroz. Unha completa carta abranguendo diferentes elaboracións e variedades de arroz, dividida entre os arroces tradicionais (á banda, da horta, caldoso mariñeira ou cazadora, que se sirven todos con arroz de Calasparra) e os de tempada (de notas máis creativas e co uso de variedades máis exóticas). A proposta, se apostaramos polo menú degustación (32 euros) pode comezar con sushi (atención, por fin xa hai dous sitios que sirven sushi na cidade, o Caney e La Casa de la Marquesa) que se acompaña dunha lixeira sopa dashi, seguido dun arroz caldoso de bacallau coas súas verduriñas e espinafres (gustoume moito) e un rissoto de parmesano con boletus e foie á prancha (ben), para rematar cun xeado de arroz con leite servido con escuma de nespresso (ben). Entre as cousiñas que puidemos probar na degustación de presentación do menú tamén destacaría un arroz bryany ao cardamomo con año, sutil e evocador, pero tamén unha larpeirada que debes pedir de postre se te achegas por alí: o arroz con leite de coco e escuma de mango (4,50€). Encantoulle a toda á mesa. Por certo, servíronnos un ribeiro elegante e ben estruturado, o Extramundi 2008. Para tomar nota.

Os arroceiros tampouco temos moitos sitios en Compostela onde entregarnos ao vicio das saborosas combinacións que permite este produto alén da sota, cabalo e rei do marisco. As múltiples variedades en carta son unha saborosa alternativa para exploradores urbanos.

3 Comments

  1. 4 / Marzo/ 2010

    Por certo, ¿que che parece a Casa da Marquesa?

  2. 4 / Marzo/ 2010

    Só fun unha vez. Aínda lle tiña que ir algunha máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará