
A ubicación das ruínas de San Miguel de Couselo. Fotos: Sole
Un texto de 1609 que levaba meses intrigándome:
“San Miguel de Goncelo, monasterio antiquísimo que, según dicen, fué de los primeros que hubo en Galicia; está media legua de Caldas de Rey y tres leguas de Pontevedra, en una montaña asperísima. Anejóse a San Martin el año de mil y trescientos y nouenta; está ahora la iglesia en pie y vense las ruinas de los claustros, que están haciendo demostración de una grande antigüedad”.
O Padre Yepes, na súa Historia Xeral dos Bieitos, deixounos escrito a existencia deste mosteiro no actual concello de Cuntis, do que os frades conservaban na súa tradición oral que fora dos primeiros en ser creados no reino de Galicia. Un mosteiro cun claustro, ou ao melor algún máis, pero sometido á ruína absoluta xa hai catrocentos anos. Na viaxe á Alta Idade Media na que levamos metidos varios meses quixemos buscar o lugar. Lera isto nun texto que escribira Héitor Picallo nunha revista de arqueoloxía e quedara co conto.
Por riba de Couselo suben ladeiras ata o monte Xesteira e a Foxa Vella. Alí enriba está a Pedra da Aguia, e un Monte Castelo ao que aínda non subimos. A media ladeira, as supostas ruínas do mosteiro.
-Non o van atopar -díxonos un home.
-Onde está só o sabemos os de acó -díxonos unha muller.
Por fortuna, atopamos a Manolo. Montouse connosco no coche e un pouco máis e non damos saído da pista de terra que leva ao lugar, anegada polos torrentes de auga deste inverno. O Masteiro, que é así como coñecen o lugar na aldea de San Miguel de Couselo, é unha ambigua ladeira. A pista que nos leva pasa por riba do recinto arqueolóxico. Hai algúns carballos bastante vellos que se cadra viron as ruínas aínda en pé. O que se aprecia de primeira ollada son unhas terrazas entre dous ríos, próximas a unha fermosa fervenza, no medio do piñeiral. Eis a localización.
-Aquí estaba a igrexa vella, pero xa non se ve nada -di Manolo.
-Vese, vese -contéstolle, meténdome entre as silveiras. Hai plataformas, vultos pétreos baixo a frouma, e un camiño fondo que leva a ningures, machacado por a pista de terra que pasa por riba do mosteiro.
-Antes, por ese camiño onde estás -apunta Manolo- subían aos defuntos en padiola para os soterraren aquí. Unha vez os portadores tropezaron e caeu o morto, con tan mala fortuna que quedou sentado mirando para os acompañantes. A xente colleu tal medo que escapou. Destoutra banda da pista -sinalou para enriba- morreu unha moza, Consuelo, hai 20 anos. Envorcou co tractor. E desa banda da dereita está unha finca á que lle chaman os Bens de San Xoán. Chámanlle así porque ti agora non ves nada, só ves piñeiros, pero alí estaba a cabeceira da igrexa, e había unha capela dedicada a San Xoán, e doárona para que se puideran celebrar as festas de San Xoán e as romerías alí.
Observamos o bosque, o bosque pechado e mesto, onde Manolo debuxa coa man os espazos que el nunca viu, que xa non existían cando el era neno. O abraiante é como na memoria popular está moi clara a localización e a estrutura do edificio que non vemos. El mírao a través da tradición oral. Tremendo. Por seguilo, tentamos imaxinar unha antiga igrexa románica, se cadra do século XII, e as xentes que nela se soterraban e as festas que se celebraban. Só vemos carballos, piñeiros, frouma, silvas. É o mosteiro invisible, aínda cravado na tradición popular.
De aquí baixáronse as pedras -apunta Manolo, para a igrexa actual de San Miguel. No adro da igrexa aínda queda algo, e outras leváronas. Logo, ao baixarmos, vemos este capitel tirado no adro. Unha peza do mosteiro invisible de Couselo.

Pero Manolo tarda en contarnos unha lenda fascinante dese mosteiro que el ve como se estivera erguido, cos muros de pedra e os arcos dos claustros e os parroquianos e nós só imaxinamos lendo as sombras na terra.

-Nese momento entre a noite e o día, cando vai amencer, no medio desta fraga podíase ver unha flor. E esa flor abríase só durante ese momento, e logo volvía pechar todo o día. Así o vía a xente de Couselo que subía ao monte a traballar. A flor sinalaba o sitio no que estaba soterrado un corpo santo.
Baixamos picar algo a Cuntis. Nunha taberniña preto das termas comemos croquetas e croca. A taberneira é íntima do historiador local, Héitor Picallo. Ela ofrécese amablemente a chamalo para aclararnos as dúbidas.
-Estaríamos encantados de convidalo a un café se el quixese vir.
Héitor vive preto do bar e non lle importa baixar a falar cuns case descoñecidos -unha vez falara con Xurxo-interesados na historia local. Senta na mesa e conversamos, acompañando as palabras cun agasallo de saborosas flores de entroido para acompañar os cafés. Das súas palabras xorden moitos máis mosteiros invisibles, antigos cenobios mixtos da terra de Cuntis. Ficamos enganchados nas súas palabras. Volveremos a Cuntis.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 8 comments… read them below or add one }
Ai Manuel, comezas a entrar nos misterios de Cuntis, sabes cando entras pero non cando saes. O de que é un dos mosterios más antigos de Galicia creo que está relacionado con toda unha cabalística sobre Prisciliano e unhas historias simpatiquísimas que xa irán aparecendo. Para as túas hipóteses mosteiro-castelo tes a referencia dunha fortaleza da mitra enriba do Xesteiras. A Pedra da Aguia é un auténtico santuario rupestre, e escenario dunha historia surrealista dun agrarista que quería voar, inventou un trebello e case se mata el e o seu can, Xan Paxaro creo que lle chamaban. Pero se queres viaxar ao pasado de verdade tes que falar cun nonaxenario de Gontade, chamado Francisco Arca.
moi interesante a entrada do blog, e increible como a xente vai conservado as historias do lugar donde vive independentemente dos anos que pasaron. e unha pena que esto non se da nas cidades e debido a despoblación do rural as lendas, historias, localizacións, etc. perdense
Gracas pola entrada. Agradecese a información.
Se póde ser maís mellor.
Por ahí, se non me falla a memória hai un menhir, é unha hermida bastante chuliña que crfeo é do século XII, polo menos parte.
Saúdos
Vaia vaia, estiveches na miña parroquia e con Manolo da Veiguiña nada menos. Se a min me preguntasen por alguén de Couselo que me poidera servir de guía polo monte Xesteiras e as súas historias diría Manolo sen dúbida ou Luís de Constenla polo que saben e polo boas persoas. Alégrome de que vos atopasedes
Dores, definitivamente este mundo é un pano da man!
Xabrés, que tipo de información precisas?
Vaia oh!. Nas próximas semanas teño que organizar para os amigos unha visita as excavación de Castrolandín e a Fundación Terra Termarum, así que aproveitarei para tentar atopar o lugar. ¿Éche moi dificil, se non levas guía local?
Saúdos e noraboa pola inauguración.
Non, non é difícil. Pero ten en conta que está sen escavar, e que hai que estar bastante acostumado para ver as estruturas no sitio.
¿Pensaches na Lapa de Gargantáns ou no castro de Penalba co petróglifo da serpe?