Unha das áreas vitícolas francesas menos coñecidas a nivel internacional é o Languedoc-Roussillon. O motivo é que durante os anos, a bonanza climática destas zonas permitía unha produción masiva de viño de baixa calidade para consumo francés. Pero o caso é que o solo estaba aí e nunca marchou. Así que cando alguén como Hervé Bizeul (esta é unha ligazón ao seu blog), un xornalista e trotamundos que acougou no Rosellón, decide tomarse a zona en serio saen cousas tan ricas como esta. Este Les Sorcières é, en principio, a marca máis popular da adega Le Clos des Fées. Se este é así, como serán os de gama alta! Estamos a falar dun viño moi saboroso, moi goloso, con fruta moi madura e unha interesante presenza da cariñena, ben suavizada. Nivelón.
Nos últimos meses alucino con viños que probo a base de cariñena ou monastrell, producidos no sur de Francia, entre garrigas e pedregais. Son viños intensos, penetrantes, sedutores coma todos os bos de carácter mediterráneo, pero atemperados na presenza do alcol. Un camiño longo que explorar. Haberá que coller coche e tenda de campaña e percorrer eses viñedos por descubrir.
Les Sorcières custa 13 euros e en Santiago pódese atopar na Viña de Xabi -aínda que o outro día houbo quen levou a última das que estaban no andel, e non fun eu. Que o saibades.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 








{ 4 comments… read them below or add one }
Recoméndollo, señor Gago. É verdade que hai moi bo viño por esa parte, e inxustamente descoñecido por estes lares. Pero ademais é tamén un país sorprendente, con todas esas mesturas propias das fronteiras.
O certo é que nestes momentos, o Languedoc, e especialmente o Rosellón, está a converterse nun destino ideal para aventureiros independentes do viño. Xente que mercou terras máis ou menos baratas, e que está a crear proxectos novos de viticultura na zona, con biodinámica, viños naturais, todo iso. O dito, que irei acampar por alí cando teña tempo e bo tempo.
Rico, rico… jeje… gracias!
Pois eu, que estou falta de vinhos de fora que cumpran a regla dos 3 “B “, xa que vivo temporalmente en Montreal, fun buscalo encarecidamente e… atopeino, pero do 2007, e non sei… non me pareceu demasiado salientable… faltaralle un pouco o 07 ainda… de todolos xeitos, moitas grazas pola recomendación