Cos pés brancos polas corredoiras da Ulloa


Cruceiro entre Toques e Friol durante estas nevaradas. Fotos: Sole.

Despois dunhas “vacacións” con sesións de traballo de 14 horas diarias que rematamos o día 5 ás 21:00h., descubrimos que tiñamos unhas 72 horas libres. Así que comezamos a planificar unha escapadiña e sen querer transferimos a axenda laboral á vacacional, por pura inercia. Deseñamos un itinerario para 72 horas que exploraba castros en Tras-os-Montes, subía a Madrid a tres ou catro citas laborais e gastronómicas aprazadas, seguía por Castela ata Urueña e Castroverde de Campos, e voltaba para Compostela. Todo isto co temporal máis forte do inverno polo medio.

Afortunadamente, a última hora chegounos o sentido común. Ollamos as nosas olleiras e caras cansas e dixemos:

-Acouguemos.

Aquí en Capítulo 0 temos un precepto viaxeiro básico. Só se coñece unha terra cando se durme nela. Hai que deixarse soñar nun lugar que só viches esperto. Unha das terras que máis quero de Galicia é a ancestral comarca da Ulloa, que ten as corredoiras máis fermosas do país e na que imaxino unha épica soterrada e anónima de partidas guerrilleiras, fuxidos e casas-fortaleza nas que era o gran o tesouro que se custodiaba nas sólidas torres medievais e ducias e ducias de castros e mámoas e petróglifos, moitas deles sen catalogar. A Ulloa e toda a Galicia central, territorio que nunca deixas de abranguer e explorar.

Alí Suso e María manteñen, en Palas de Rei, parroquia de Pidre, a Parada das Bestas [localización], unha bonita casa de turismo rural cunha cociña sobresaínte, de a cabalo entre a tradición local -o magnífico uso que fai María do queixo da Ulloa é de reseñar- e as técnicas e achados contemporáneos, pero feita co agarimo e sabiduría de sempre. Unha demostración de como se pode apostar polo turismo e gastronomía de excelencia, con independencia do afastamento do lugar. Queriamos ir na invernía, coa neve nos camiños, para disfrutar da Ulloa branca e, por que non negalo, porque así esta cociña, co frío, presta moito máis. Deixar suceder o mundo co seu ritmo, sen a aceleración electrónica, loitando por cambiar a túa velocidade vital e adaptala a este espazo silencioso e nevado. E ver a Rita -como medran os nenos- xogar co xeo. A seguir as corredoiras co vello Jose e as inquedas Netka e Lúa. E entrar en ancestrais pazos nos que te reciben con sorrisos enormes, a meternos en tabernas nas que, co frío, os parroquianos fuxen das barras e métense na casa, na cociña, coa taberneira.


No balneario en ruínas do río Ulla aínda se pode atopar a fonte mineral. Vai con coidado se entras.


Festival gastronómico na Parada das Bestas. Escabeche de setas


Os imprescindibles saquiños de calabacín recheos de carne de boi, queixo da Ulloa e pistacho


Croquetas de algas


Tosta de fígado de pato cun caramelizado de mazá e cabaza sobre queixo da Ulloa de morrer


Rabo de vaca estufado


Xeado de queixo da Ulloa con amorodos silvestres da zona

…e na cociña escóitase unha voz pequecha e aguda. “¿Déixasme?¿Déixasme servir aos señores?”.

E aparece Antón, con catro aniños, camiñando co prato que el fixo para os clientes. Avanza polo comedor cunha bandexiña na que picou pan miúdo, foi buscar herbiñas ao prado cos que lles deu cor, decoradas no centro cunha cebola coas capas abertas. Deposítao na nosa mesa coa solemnidade do chef orgulloso da súa obra, pecha os beizos e bota as manciñas para atrás. Antón interpreta o que fai a súa nai na cociña.

Seguimos camiñando pola Ulloa.


O pataqueiro máis aristocrático que coñezo.


Unha vista non habitual do pazo de Santa Mariña do Castro de Amarante


O sol e a lúa na heráldica da Ulloa.

11 Comments

  1. 10 / Xaneiro/ 2010

    ¡Qué calorcito y confort da esa comida!

  2. 10 / Xaneiro/ 2010

    Ni lo dudes. Una maravilla. Por no mencionar el alucinante capón de la cena anterior (el capón de María es uno de los platos preferido de la Gwyneth Paltrow, por cierto), el caldo, el paté de campaña o el chorizo de matanza que hacen ellos y los melindres de Puri de Pidre, mucho mejores que los fosilizados que encuentras por ahí.

  3. Xabrés da teixeira
    10 / Xaneiro/ 2010

    Espero impaciente que nos fales deses castros polos que paseache.
    Cando sea grande, quero viaxar coma ti.
    Gracias a Sole polas fotos
    Saúdos

  4. 10 / Xaneiro/ 2010

    Hoxe pola tardiña falarei dun moi curioso, ou máis ben do que permite ver. Xa verás. :-)

  5. Lizgairo
    10 / Xaneiro/ 2010

    Obrigadisssimo…polo texto, polas fotos!!!

  6. 11 / Xaneiro/ 2010

    que bonita reportaxe, apetece perderse por esa hospedaxe, especialmente fantástica a primeira foto de Sole.

  7. R.
    11 / Xaneiro/ 2010

    Miña raiña solitaria, Sole, eu gostaría muito de ter un exemplar a man do Herberto Helder para buscarlle acomodo á súa primeira imaxe. Máis a miña memoria rasca tan só palabras soltas, prendidas casi de milagre: “De noite tudo aquilo vibra e uiva. … Quando há tempestade é de uma beleza diabólica. Bom para nos sentirmos sós, para saber se ainda existe o orgulho do medo… o sussurro da terra profundíssima…” (Os passos em volta)

  8. 12 / Xaneiro/ 2010

    Fermosísima a primeira foto, parabéns a Sole , parece de Steve Mc Curry. Boa zona visitaches ,Pambre é unha desas visitas que me gusta facer. En canto ao Castro de Amarante seica levan un tempo restaurándoa para convertela en establecemento turístico familiares da Condesa de Fenosa (unha sobriña) que son os herdeiros.

  9. 12 / Xaneiro/ 2010

    Grazas, Nico, pero non é o castelo de Amarante, senón Santa Mariña do Castro de Amarante, a outra parroquia, na que está o pazo na aldea que foi a antiga capital municipal de Antas. A confusión é habitual e lóxica. :-)

  10. 12 / Xaneiro/ 2010

    Eche ben certo, a foto segue sendo magnífica,gracias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará