![]()
![]()
Como medio país, onte estivemos vendo Avatar na súa versión 3D no cinema. A película é fascinante desde o punto de vista tecnolóxico, perfecta para observar como Hollywood xa é quen de integrar realidade e ficción nun único espazo visual (aínda que cuestións como a pel das personaxes aínda hai que traballalas moito). O que máis me impactou é o acabado que está Pandora, o planeta imaxinario no que sucede a acción.
Pandora é un trasunto da Amazonia, enfrontada á dramática tensión entre as empresas extractoras de recursos mineiros e un pobo indíxena, o Pobo, cunha cosmovisión baseada no equilibrio ecolóxico; en Avatar estas tensións adóbianse argumentalmente cun rollito newageneoecolóxico. Cameron e o equipo imaxinaron centos de especies vexetais e animais e mesmo inventaron novas reglas físicas que outorgan coherencia a un universo fantástico de fosforescencias e montañas antigravitatorias. Aí é onde compensa entregar dúas horas e media de tempo, poñerse unhas gafas 3D e deixarse levar.
Polo demáis, Avatar debe moito dos videoxogos. ¿Moito? Moitísimo. Desde as secuencias nas que se filma o avance dos protagonistas desde atrás por complicados escenarios de vertixe (daban gañas de coller un mando e facerse co control) ata a estética do videolog que grava o protagonista ou determinadas formas de organizar a historia, por tramos. Cada vez menos, elimínanse as diferencias entre as formas de entretemento, entre o cinema e os videoxogos. En cinco anos, o produto será case similar.
E outro punto importante é o tema do 3D. ¿Paga a pena?¿Achega algo á historia? Hai que dicir que Cameron e compañía tiveron a decencia de evitar meternos bichos que nos tenten morder desde a pantalla. O uso do 3D é bastante contido, pero un non acaba de ter claro para que serve exactamente, alén de engadir unha profundidade máis ou menos real ás escenas. Ademáis, hai outro factor. O 3D, en teoría, fai a película máis real. Pero logo temos unha montaxe tradicional de plano-contraplano -necesaria para a narrativa audiovisual- que non pega nin con cola con esa realidade e que amola o efecto que poida ter o 3D.
En resumo, unha película de acción trepidante, cun universo orixinal e riquísimo. Ide vela con vontade sobre todo estética, para disfrutar co preciosismo dun Amazonas evolucionado. A historia, neste caso, é o de menos.

Só lin o primeiro párrafo, que despois de 9 anos de espera, estou conseguindo resistirme a todo tipo de spoilers, teasers, trailers e fodepelículas. Pero si, efectivamente, media Galicia coas entradas de cine e a outra media, esperando por elas. Todo agotado, e iso que chegamos con bastante máis tempo que de costume.
Cona que vos fixo, non había nada mellor que facer o día de navidade!!?? :D
Xoán:
http://www.cinesa.es.
Acabas bastante antes, porque como chegues e te toque nas primeira butacas vas ficar ben amolado.
Intenteino, pero aparte de que me pareceu unha páxina infernal, 4 horas antes da sesión poñíame que só quedaban 2 na primeira fila. Media hora despois poñía outras 2 na segunda e pensei “Bah, isto ten que estar mal”. Inxenuo…
Por certo, ¿onde a viches? ¿En Área Central? ¿A nova sala 3D merece a pena ou é mellor ‘emigrar’?
Non, non, está a sala petada.
A “nova” sala 3D é a sala 2 de toda a vida en Área Central. A única diferencia é as gafas oitenteras que te dan ao principio. E por iso cálzante 9,50 euros. Unha estafa que está facendo de ouro ás salas antes de desaparecer. E a min non me sae da cabeza o tema de pagar por media cocacola e un pequeno de flocos 8 euros. Desde logo, ir ao cine é de masocas. :-)
Non sei qué pensar. Entrei en cinesa.es e non fun capaz de ver completo nin siquera o anuncio da peli. Paréceme como un gran anuncio para alistarse ás forzas armadas americanas. Seguro que o bicho raro son eu e non os monstruos que se ven ahí pero non lle atopo atractivo algún. As imaxes resúltanme sobretodo mareantes.
Saevos ben baixar a vilagarcia e vela nos cines de alí. Creo que foron 7 euros pola 3D…
Pasei a tarde de onte co meu fillo, nove anos, véndoa. O único salvable, o que ti dis, esa vizosa Amazonia. Polo demais, outro filme máis hipertrofiado, aburrido e previsible, ata meu fillo decatabase de todo o que ía a ocontecer deseguido. Amais a pouco vergoña de Cameron de autoplaxiarse, todo o deseño militar, helicópteros, trailers e exoesqueletos xa estaba en Aliens. Iso si o cine ateigado, tímidas palmas ao remate, o rapaces alucinando e os adultos botando pestes.
Sobre ese ecoloxismo de ringorango que defende, e que xa vai camiño de convertirse nun novo dogma de fe, e sobre o seu belicismo mellor non falar…
Pois para min o filme supuxo todo un salto evolutivo. O que ves ‘case’ é real. Se tiran algo de fronte todo o público se aparta. Se caen cinzas, o instinto diche que as apartes. Por non falar do efecto escenario: por momentos semella que estás nun teatro onde os movementos das mans e as danzas forman unha coreografía de novo case real.
En canto ó argumento, pareceume interesante a aplicación da teoría de Gaia en forma de macrorrede bioinformática a escala planetaria. E, outra vez, os avatares saltan á acción, como xa anteriormente o fixeran en Tron, e mais recentemente en Matrix.
E, xa postos, dicirvos que o prezo en Lugo é de 7,50 (5,50 a normal).