
Hoxe presentamos no Consello da Cultura o Mapa Cultural Galego en realidade aumentada. É a adaptación do proxecto Mapa de Equipamentos Culturais de Galicia producido polo Observatorio da Cultura Galega, a esta nova e fascinante tecnoloxía da que xa falamos por aquí, e unha aplicación práctica e directa para os usuarios das súas novidosas posibilidades vinculadas a servizos culturais. A realidade aumentada é a fusión entre a realidade virtual e o mundo real (toma xa). Aposto algo a que no futuro inmediato vaise converter nunha ferramenta importantísima do noso teléfono móbil e do entretemento doméstico.
Basicamente, consiste en que a través dun teléfono móbil con GPS (por agora funcionan os teléfonos con Android ou os iPhones, e cedo virán os que teñen Symbian), a través do navegador Layar o sistema representa sobre a realidade os datos que ti subministras. Usando a cámara do teléfono o sistema interpreta ao teu redor os edificios que ves, diche que son e que teñen dentro. En concreto, no Mapa Cultural Galego xa tes accesible no teléfono móbil máis de 5000 equipamentos culturais en todo o país (museos, galerías de arte, centros sociais, etc.), dos que ofrecemos moitísimos datos, e no vindeiro 2010 engadirémoslle toda a información que temos no noso produto de turismo cultural Roteiros. A empresa Sixtema, que está especializada en tecnoloxías e software de xeolocalización, foi a que realizou a adaptación do Mapa a Layar.
Aquí podes ver un vídeo con exemplos prácticos desde a Praza do Obradoiro:

A iniciativa paréceme fantástica e o esforzo titánico. Supoño que o difícil é que os contidos estean completos e actualizados. Entrei no Mapa de equipamentos culturais, que descoñecía. Probei marcando a Fundación Luís Seoane na Coruña. En principio a información que ven no está actualizada. Aparece que non ten web e xa hai anos que ten web; e polo que eu sei sempre tivo fax, ordenadores de traballo, mail, etc. Non sei se hai algunha maneira de que cada institución poida correxir ou actualizar dende internet os datos sobre ela mesma porque parece imposible revisar unha a unha as miles de entradas e algo sempre se vai escapar (son os inevitables problemas das bases de datos). Como ferramenta de traballo o sistema é moi interesante.
Coido que , por mor distas tan novas tecnoloxias, escomenzo a ser un analfabeto funcional. Saúdos e apertas
Non, An, a idea é que estas tecnoloxías sexan cada vez máis fáciles de acceder, do mesmo xeito que cando xurdiu a web 2.0 fixo a navegación e o uso de Internet moito máis doado que previamente.
Parabems… unha vez máis conseguides poñernos na vangarda!
Pois teria que ter un trebello deses na man e probalo, pero coido que non se me daría moi ben…non son quen de actualizar o SO dun nokia n800…para canta máis manexar un aparello con tantas funcionalidades. Saúdos e como xa che dixeron…parabens por estar sempre a bangarda.