
Foto: Sengo Pérez. Ver máis.
-A verdade, teño gañas de que chegue o 2034, hermano.
Gabriel é de Riobamba, grande e cheo de humanidade. El introdúceme na noción do tempo circular indíxena, unha noite, paseando polo centro.
-A conquista. Todo pasou porque eles pensaban que debía pasar, hermano. Cando caeu Quito no 1534…
-Mira -interrumpinlle- o que nunca me expliquei é como, malia a diferencia numérica enorme, os españois se fixeron con todo isto.
Gabriel tíñao claro.
-Porque os indios sabían, porque tiveran avisos e levaban conta do tempo, que o seu ciclo rematara. O seu tempo, como as estacións, é circular, e cada ciclo conta con 500 anos. Sabían que era inevitable. Pero na súa idea do tempo, eles tiñan predito que pasado ese tempo o seu mundo renacería. Eles crían que debían pasar estes cincocentos anos de penurias e miseria para saber quen serían os fortes e os verdadeiros. E míraos. Xa os ves. Cada vez máis altos e con máis cargos. Eles cren que cando chegue o 2034 o indio renacerá.
-Pero ¿quen son eles? -dixen eu desconfiando polo tono un algo newager que percibía na conversa, e coñecedor dos perigos e baixíos de levar un discurso espiritual actual a comunidades que non o perciben estruturado de tal xeito- Quero dicir, ¿todos estes indíxenas que viñeron a traballar a Quito cren no tempo circular?¿Non creo, non?¿En que medida iso non é un relato creado por movementos políticos ou culturais de reivindicación indíxena e si unha auténtica tradición oral ao longo dos séculos?
-Non, non cren todos, claro que non. Pero iso é o normal, pero non é o importante. O importante é a supervivencia da sabedoría. O coñecemento transmítese, hermano. O que lles preocupa é a súa transmisión. De uns a outros. En cadea directa.
Os crioulos de ollos espertos ábrenme unha dimensión da cultura que ata agora só lera en revistas. A do coñecemento máxico transmitido. No xeito no que mo contan, o coñecemento ten máis que ver con técnicas de evolución persoal que estritamente coa mitoloxía. A Historia, ou o historicismo, está moi preto aquí. No noso camiño noturno, nas paredes observo graffitis denunciando que Ata Güalpa foi asasinado e clamando vinganza. Non debe ser moi diferente -penso para min- que as pintadas de Moncho Reboiras. Ou si o é?
Rubén é de Saraguro. Un dos poucos brancos desta comunidade indíxena próxima a Loja. Os saraguros teñen, na súa transmisión oral, a certeza de que foron deportados polos incas, cando conquistaron as terras do que hoxe é Ecuador, desde a súa Bolivia orixinal ata estes vales lojanos. Rubén retrata máis en detalle este mundo.
-Cando chegou a igrexa, o coñecemento fíxose subterráneo, pero está. Ten que ver coa enerxía, co aura, coa iniciación e o camiño percorrido. Baséase no mestre e nos discípulos. Debes diferenciar o shamán, que é un curandeiro, do yachak, que transmite estoutro coñecemento. Cada sabio ten oito discípulos. E hoxendía non debe haber no Ecuador máis que sesenta ou setenta.
Tanto para Gabriel como para Rubén, o número de xentes que comparten estas crenzas non é tan importante como o feito de que se compartan en si mesmas.
-Ti non sabes onde están -continúa Rubén- porque é un coñecemento oculto. E é moi diferente a nós. Porque no noso mudno, ti tes a unha persoa destacada na túa comunidade e sabes quen é, ten unha boa posición social, pero a eles dálles igual. Non actúan coma ti. ¿Limpar zapatos? Pois limpan zapatos, recollen lixo, o que sexa. Dálles igual. Eles son outra cousa. Eu coñecín a un yachak. ¿Sabes quen era? O meu xardiñeiro. Un día estaba eu sentado nas escadas bebendo unha cervexa mentres el traballaba. Eu convideino a tomar comigo. El miroume raro. E, hermano, non sabes como te miran. Non te miran de fronte. Eses híjoles miran de esguello, pechando os ollos, porque é de esguello, non frontal, cando te descubren realmente como eres. Próbao. Mira de esguello, de canto, a esa rapaza, pechando os ollos, sen enfocala, sen centrala, mirando a ela e a todo o demais ao mesmo tempo, a ver que atopas.
…
Pasou doadamente un minuto.
-¿A que si? -Rubén riuse discretamente e continuou- Eu convideino a tomar. Paseille a miña Pilsener. El estaba como á defensiva. Díxome: “vou buscar un vaso”. Eu contesteille: “Non, bebe directamente da botella, non hai problema”. Así que el, con aínda desconfianza, bebeu, sorprendido de que o branco compartira morro de botella con el. E desde entón sóubeno. O meu xardiñeiro ten discípulos, e un poder enorme neste mundo e no outro.

Confío moito na miña memoria -é a gravadora que eu prefiro- pero non na miña capacidade de retención de complicados termos en quechua nas miñas conversacións. E foron moitos. Por exemplo, yachak. Non teño claro se ese foi o termo ao que se referiu Rubén e sospeito que nin é quechua, senón dunha lingua amazónica como a dos Shuar. Rubén distinguía claramente o papel dos chamáns, ‘curandeiros’, dos ‘sabios’, que era dos que falaba, dos guías ou mestres. Así que Yachak me soa, pero non creo que sexa o termo adecuado: vagamente lembro unha composición de dúas palabras que non din localizado hoxe. (E se tomara detalladas notas de todo non daría vivido, chegou un momento no que renunciei a interrumpir conversas para reter difíciles termos e conceptos que só corresponderían a un afán coleccionista desmesurado).
Pero señor Gago, váisenos converter vostede nun Carlos Castañeda! Como se chama o xardiñeiro de Gabriel? Non será Juan, e non?
Fantástico. Os masóns sen loxia de Sudamérica. Máis, máis, queremos máis!
Que va, ho.
A verdade é que a miña ollada foi totalmente superficial, pero para sacar algo disto en limpo precisarías como mínimo uns cantos e xenerosos meses con bastante estudo previo. O que si é curioso é como salta o tema da maxia e da filosofía dos indios en nada. Pode ser que eu o propicie, ou pode ser mesmo que salte porque eu son estranxeiro -igual que aquí salta o das meigas ou dos defuntos cando vén alguén de fóra. Agora ben, moita xente moi diferente parece ter un coñecemento bastante detallado dese ‘alterdiscurso’. E iso é o que me resulta interesante. Mesmo na universidade, moita xente coñece que existen dúas visións do mundo a nivel filosófico. E tratan á indíxena con moito respecto (nas universidades).
Mañá conto outra de indios sen vaqueiros.
Manuel, dille aos indios de alá que os indios de acá tamén estamos vivindo o cabo dun ciclo. Apertas transoceánicas.
Coido que vas ter que facer un apartado especial para estes post, tal cal tes para Italia, Bretaña, etc.
Pero non como viaxe física (que tamén), senon como algo máis.
Saúdos.
Si, si, tiña pensado facelo cando remate a serie, dentro de dous ou tres días. :-)
Non é o mesmo, porque non te vai servir como guía de viaxes (o de Bretaña ou o de Italia, por exemplo, si foron concebidos un pouco así).
Un canteiro amigo sempre me dicía que el, nas súas esculturas, sacaba o que a pedra tiña dentro. Nas viaxes pasa un pouco o mesmo. :-)
Ten vostede amigos canteiros moi cultos: ese polo menos sabe de Miguel Anxo (aquel canteiro que traballou para o papa Julio II, non o que fai agora cómics). Seica dicía que a natureza está no interior da pedra, que o artista só lle saca a luz con paciencia e sufrimento.
Encántame ese concepto de viaxe que propón. Agardo máis capítulos. ;)
Coincido con Calros. O período que vai da Paz de Trujillo dos Reis Católicos (1479) ate a votación na que o pobo galego votou a prol do actual Estatuto do Autonomía (1980) abrangue -qué casualidade- xustamente 500 anos. Aí queda iso.