Vilcabamba: viejitos e hippies no val da longa vida

O cerro Mondongo, por riba de Vilcabamba
Os vales ocupan, en moitas culturas, unha referencia similar aos oasis no deserto. Son lugares de descanso, de relaxación, de curarse das penas pasadas. Onte visitamos un fermoso val andino: Vilcabamba. Hai dúas Vilcabambas: aquela que se erixiu en resistencia aos españois trala caída do Imperio Inca, e que leva sendo buscada desde hai décadas (por galegos, por exemplo, aquí podedes visitar o sitio oficial da expedición) e máis estoutra Vilcabamba, na que tamén hai moitas lendas vinculadas aos incas. O peculiar xeito deste cerro, o Mondongo, mantense na tradición oral como a cara dun inca durmido. Cóntannos que nestas montañas Rumiñahui -falarei del-, xeneral de Atahualpa, soterrou o tesouro do inca nalgures preto de Vilcabamba. Aquí as montañas tamén teñen ouro lexendario, custodiado por ananos. Seica había un que baixaba á vila de cando en vez. O noso condutor fálanos dos buscadores de tesouros destas serras andinas, e da súa curiosa práctica. En determinadas noites (non lembro en cales), no alto dos montes aparecen luces sobre o chan. Polo que me contou, algo así como lumes fatuos. Os buscadores de tesouros van e marcan os sitios dos que emanan as luces. E despois cávannos con discreción.




En todo caso, a Vilcabamba de Ecuador é moi coñecida por outra cuestión: seica é un dos lugares do mundo, senón o máis, con xente máis lonxeva. Anciáns de máis de 100 anos -algúns chegaron mesmo aos 115 ou 120- que continúan a facer traballos no campo e se manteñen en boa saúde. Son os viejitos de Vilcabamba. A receita da longa vida non se coñece moi ben, pero se pensa que é unha confluencia de factores: o clima estable, delicioso, a 20º case todo o ano, a vida moi tranquila, unha alimentación equilibrada, o feito de estar a vila a 1500 metros de altura axuda a manter uns pulmóns co moita capacidade de respirar, e tamén, se cadra para os que procuran respostas máis liñais, que a auga do río -que bebe a xente de alí- transporta minerais e principios antioxidantes. A pequenísima vila, arrumada a unha praza central, está cravada no medio dun fermoso, marabilloso e fértil val.
Pero o que chama máis a atención de Vilcabamba é a fascinación e a atracción que ten para os mochileiros. A sagrada orde dos aventureiros que percorren América establece aquí un importante lugar de paso no camiño para o Perú. Por primeira vez en Ecuador, vexo a gringos, alemáns, franceses ou do cono sur de América, tomando as súas cervexas ao redor da praza central, elas e eles todos vestidos co atuendo hippie. Aquí están sentados viejitos e rapaciños atraídos polo Val Sagrado (iso quere dicir en quechua Vilcabamba).
¿Que lles atrae e lles fascina nesta vila de longa vida, no que non hai moito que facer aparte de estar? En parte, podería ser o san pedrito. No val medra en abundancia o San Pedro, un cactus de sete puntos de introspectivas propiedades alucinóxenas, que seica se consume en Vilcabamba en abundancia por toda esta corte de aventureiros que queren explorar introspectivamente o espírito de América. Son coordenadas diferentes de viaxar, aquí, sentados á agradable temperatura do sol andino, escoitando un murmullo de séculos, deixando pasar anos. Os medios ecuatorianos falan de que a última xeneración de habitantes de Vilcabamba xa é menos lonxeva que a xeración anterior, e bótanlle a culpa a que xa son demasiados os que se achegan ata alí a buscar a fórmula secreta da longa vida e que iso estresa á población. Non o sei. Pero non me importaría pasar aquí unha semana ou dúas lendo, subindo ao Mondongo e axudando aos viejitos a coidar os fermosos campos do val sagrado.












Que politicamente correcto é vostede. “Unha ou dúas semanas lendo”… Non hai gastronomía a base de “san pedrito”? Non nos diga que non vai probar algún plato! E non se aproveitou aínda algunha empresa desa auga mineralizada? Datos, queremos máis datos!
Andrés, sobre o da auga mineralizada, pois si que hai varias pequenas empresas que embotellan auga do val, mesmo co tema marquetiniano da longa vida ou da vida eterna, pero colle isto algún emprendedor e fai unha auga en plan superluxo.
Sobre o do San Pedrito, pois mira, non teño nada contra este tipo de drogas de autocoñecemento. Pero un montón de indios e mestizos cos que falei por aquí (mimadriña, con canta xente conversei) contábanme o mesmo. Que é algo co que non se pode xogar. Que o seu verdadeiro uso está relacionado cunha serie de rituais de paso, de preparación e que as viaxes deben facerse con guía porque ao mellor, se vas só, non volves. E teño a percepción de que moitos dos guiris que van a ese bonito val a meterse sanpedro non encaixan con esa idea. A verdade é que lles fago caso aos que me aconsellaron.