A Estación (Cambre) e As Garzas (Malpica), novas estrelas Michelín en Galicia

Xa vai saír ata na sopa, pero non podo deixar de referenciar a noticia gastronómica do día, que son as novas estrelas Michelín en Galicia, as do restaurante A Estación, en Cambre (ver as miñas crónicas aquí e aquí) e a do restaurante As Garzas, en Malpica -que non coñezo. As noticias chegáronme a Quito por varias canles diferentes, case en tempo real -que mundo este, a globalización-, e non podo menos que alegrarme por Bea Sotelo e Xoán Crujeiras, cociñeiros de A Estación. A Coruña gaña peso gastronómico e, no caso de As Garzas, estamos falando da segunda estrela Michelín para a área da Costa da Morte -atención co dato, se eu fora promotor turístico da zona tiraría del como dun filón. Non probei As Garzas pero xa estou picado. En breve, crónica. :-)

Outra noticia importante é a perda da estrela Michelín dun puntal da cociña galega actualizada que é a Taberna de Rotilio, en Sanxenxo. Eu estiven neste verán na Taberna, un dos sitios que máis me interesaba coñecer na alta cociña das Rías Baixas. O seu perfil de pratos era un equilibrio entre o tradicional -un bo produto- con incursións en pratos creados nos 80 coas técnicas e as modas de entón que aínda se mantiñan en carta (o cal non é malo).

E a que está ben merecida -e anda en todos os titulares- é a terceira estrela para o Celler de Can Roca, en Girona. Si, señor, un gran agasallo. Alí pasei unha das miñas mellores experiencias enogastronómicas este ano, en febreiro. E a súa lebre á royale e o festival de catorce viños que acompañou aquel menú quedará na miña memoria gastronómica for ever. Parabéns aos irmáns Roca!

Nada que ver, pero unha mostra de que o bo da gastronomía é disfrutar da alta cociña e tamén do inmenso pracer da cociña popular: hoxe, en Quito, nunha ateigada casiña de comidas populares: unha sopa de morocho (unha sorte de millo branco, de cocción lenta e que non se pode facer fariña), un encocado de camaróns (os impresionantes camaróns ecuatorianos, con plátano verde fritido) seguido dun surtido de pastiñas artesanas, xunto cunha limonada que daban gañas de beber un bocoi enteiro, dous dólares. Si, señores. E canto cariño e amor había nesas dúas indias que preparaban os pratos. (Xa falarei disto, do cariño ás cousas, aquí).

6 Comments

  1. 26 / Novembro/ 2009

    Que ben, dedoenlasopadeletras! Grazas pola ligazón!

  2. 26 / Novembro/ 2009

    Alégrome moito. Son dou sitios que coñezo e que quedan, máis ou menos, “o meu arredor”. A Estación era algo que xa viña merecendo fai tempo. O das Garzas sorprendeume, para ben, pois é un local de cociña de producto (e qué producto, recén saído do mar no cercano porto de Celeiro) que non son os que máis atraen as estrelas Michelin. Cando vaias ás Garzas aconsello reservar mesa xunto á fiestra (a uns cincuenta metros do mar, impresionante) e logo (ou antes, se vas a cear) facer unha visita ao cercano faro de punta Nariga, do arquitecto César Portela; un lugar incrible ao que as fotos non lle fan xustiza.

  3. Toño
    27 / Novembro/ 2009

    Coñezo As Garzas prácticamente dende a súa apertura. Foi sen dúbida unha aposta arriscada deixar on restaurante Chitón na Rúa Nova de Santiago para instalarse nun recuncho máxico da Costa da Morte. Os primeiros anos non había pista asfaltada no último tramo e as indicacións eran deficientes (non había tecnoloxías GPS nos primeiros 90) pero o boca a boca xunto coa singularidade do lugar compensaron sobradamente estas carencias. Era o restaurante ao que levaba aos amigos que viñan de fora a visitar Galicia. Recordo especialmente unha visita a finais do verán do 1996 ou 97 cun colega teu. Un profesor de Comunicación da Universidade de Girona (chámase Arcadi) e a súa Dona alemana. Nunca olvidarei os comentarios cando ibamos por esas pistas tan estreitas entre campos de millo, camiño do restaurante. Parecían que nunca viran tal cousa, nin a imaxinaran sequera. Sorprendentemente para ser verán había un mar de fondo importante e o espectáculo dende os grandes ventanais era fantástico. Nunca probaran percebes e a robaliza que nos trouxeron era de tamaño prehistórico. O amigo Arcadi tiña unha cámara que levaba uns carretes especiais (tipo carcasa ovalada -este formato non triunfou), fixo tantas fotos no restaurante e no seu contorno que á metade de excursión rematou os dous carretes que levaba. Estaba totalmente frustado xa que nos os vendían en ningún lado e non puido tirarlle fotos ao alemán de Camelle nin a enseada de Trece. Digo esto porque as cousas non suceden por casualidade, detrás da historia das Garzas hai unha aposta firme cun punto de romanticismo e tamén un duro traballo. Todas estas cousas son de agradecer máis alá de que nos guste un pouco máis ou un pouco menos a súa proposta culinaria e a súa evolución. Este tipo de establecementos en lugares alternativos son imprescindibles.
    Por certo, ten tamén un hostaliño de tres ou catro habitacións que está moi ben.
    Xa para rematar suscribo a opinión do Perejil sobre o faro de Nariga. Espectacular paisaxe.

    Parabens para As Garzas.
    Toño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará