Un canelazo para tirar para diante

A vida a 2800 metros de altura é dura. En Quito chegou hoxe a arelada chuvia. E choveu con gañas. Pero a chuvia chega por partes, case por barrios, claro, como pasa sempre na alta montaña. Así que os quiteños se pasan rumores de se choveu no sur ou no norte da cidade, e onde é máis pertinente que chova. A auga barreu algo o smog, a contaminación dos coches, un pesado vapor chúmbico que se te mete entre as foxas. Pero a cidade é fermosa. No pouquiño tempo que temos, paseamos -rodeados dunha garda de escolta- pola zona vella. Con orgullo, amósannos a Ronda, unha das rúas periféricas do Quito antigo, restaurada hai un ano con diñeiro español. Talmente unha vila de Badajoz, de Castela a Mancha ou de Andalucía, metida no medio dos Andes.

-Hai un ano, se entrabas aquí non saías -cóntame alguén.

A Ronda, hoxe chea de cafeterías, está chea destes pequenos postiños nos que sirven o canelazo, unha sorte de queimada local coa mesma clase de efectos.

-Se tomas un, o canelaso súbete o ánimo. Se tomas dous, aínda cho sube máis. Pero se tomas tres, ben, ninguén sabe que pasa se tomas tres.

Traidor resacoso, pero delicioso na quentura nesta fría noite andina. O canelazo tómase refuxiado contra os alféizares e metidos nas portas para gorecerse do frío. Aínda que debe haber tantas receitas como persoas, o canelazo faise mesturando a partes iguais augardente con aguapanela, que é unha especie de bebida a pase de panela, xugo de caña de azucre e limón, e unha xenerosa contribución de canela. Unha bomba.

A cidade, cada pedra da cidade, testimonia un pasado turbulento. Enfronte do Palacio de Goberno, unha placa dá conta do asasinato do presidente Gabriel Moreno. Foi cun machetazo dado por un marido presuntamente cornudo por obra e gracia do político. Os amigos ecuatorianos fálanme de como na Praza Maior concéntranse os grandes núcleos de protestas. E de como as masas, na chamada Revolución de los Forajidos, xuntáronse en 2005 a tumbar ao Presidente Lucio Gutiérrez, atrincherado nos despachos do pequeno Pazo presidencial con medio de que o lincharan ou lle cravaran un machetazo coma o seu devanceiro profesional. Lucio Gutiérrez escapou de incógnito, algúns pensan que nun helicóptero Lama co que o exército retirou ao Presidente. Aquí pódense ver as imaxes da turba na Praza Maior e o conflito destes días. Así se escribe a turbulenta historia, nestas rúas de Quito, unha cidade fundada a sangue e lume por trescentos buscavidas sen escrúpulos chegados da Península que pareceron deixar o xermolo da violencia pública. O canelazo, esa bebida humilde pero cargada dunha enerxía que se dispara en direccións imprevisibles, é toda unha metáfora da cidade na que se bebe para combatir os rigores andinos.

5 Comments

  1. 25 / Novembro/ 2009

    Excelente artículo Manuel. Pasamos super bien en el recorrido por el casco histórico. Excelente blog también.

  2. Gonzalo S.
    25 / Novembro/ 2009

    “…paseamos -rodeados dunha garda de escolta- pola zona vella”.
    Moi bó artígo,máis podías extenderte un pouco no porqué da garda de escolta.
    Graciñas

  3. 25 / Novembro/ 2009

    Signatus, xa me van contando algo e pouco a pouco vou coñecendo (¡canto me falta!). De feito antonte lin o Tomo III da Historia General de Ecuador (conquista); ainda non cheguei ao cuarto ou quinto, no que se narran estes feitos.

    Miguel, é incrible a conexion arquitectonica entre as zonas de saida dos conquistadores e estas cidades.

    Jesús, ¡un placer teneros de guías tan buenos de la ciudad!

    Gonzalo, pois é a prevención que aquí teñen co tema da inseguridade e a violencia. Escribirei un post en detalle nos vindeiros días sobre isto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *