Quito: Topografías oníricas

A miña primeira vista, nada máis levantarme, é un volcán vivo, o Pichincha. Os serranos -así se coñece á xente de Quito- ollan de reollo este volcán en activo que xa se ten levado algunha alcaldía por diante. A vista, desde o próximo Pichincha, sobre o que gabean as casas, esténdese por unha orografía alucinante, a 2800 metros de altitude, no medio da cordilleira andina. Á noite, esta cidade ofrece unha visión alucinante ou mesmo alucinada. Descubrino onte, no descenso do avión. A brétema enganchábase nas casiñas do norte da cidade, e a luz, mortecina e amarela, unha luz como de posguerra, que alumeaba as rúas, pintaba as nubes dun laranxa pálido que parecía cuspido mesmamente polo volcán Pichincha.

Hoxe, ó volver a mergullarnos na noite quiteña, xa sei que esa pálida, laranxa e durmiñenta é a luz da cidade. Desde o central outeiro de Itchimbía, hoxe chamado Panecillo, a cidade noturna convértese nun animal mítico durmido, que se esparce estreita entre elevadas montañas, alí onde pode. E a cidade vella amosa, coma nos raios X, o esqueleto regular da súa traza, sobre a que Eisenmann representaría edificios orgánicos, sen dúbida. Cando a traza colonial remata, a cidade desbócase, e no caos de luces non percibes ningunha arteria principal. Un incauto nunca daría atravesado, polo centro, esta cidade de trazado minoico. Abandonaríase renegado e sepultaríase nalgún destes mosteiros barrocos.

Ecuador enteiro vive ás expensas da choiva e dunha presa. A dos apagóns graduais dos barrios enteiros. Cada día, entre as dúas e as seis, a cidade perde a luz por barrios. O río vai moi baixo e non dá producido os kilowatios precisos. A poboación, con resignación, afronta esta economía de guerra climática. Non hai luz para teléfonos e Internet. A inestabilidade do servizo converte as conferencias públicas e actividades nunha lotería de fogonazos e cortes de rede. O parpadeo irregular dos neóns avísate uns segundos antes de que Ecuador está a piques de desenchufarse de novo, e pumba, reinicio de router. Se os barrios son pobres, na vista noturna, observas como de súpeto un anaco da cidade desaparece na penumbra, fagocitado nas tebras urbanas.

O percorrido pola antiga cidade colonial, primeira urbe patrimonio da Humanidade, por diante de Roma, non defrauda. E abráiame. Entramos no Quito antigo cando os autobuses devolven centos de nenos de uniforme ás súas casas. As rúas das antigas casas coloniais énchense de xente que volve de escolas e traballos. Lonxe das momias perfumadas que son os nosos cascos históricos europeos, a cidade colonial de Quito está vivamente habitada por nenos, vellos e traballadores que volven a casa con uniformes de primeiros de século. Nos baixos das casas sobrevive a economía das tendiñas de pequena escala, mantidas por indíxenas, esas tendiñas que son salvavidas da dignidade humana, pequenos combates diarios contra a indixencia. E outras casas, coas portas abertas, parecen asomar grandes escaleiras vidas a menos. E os mosteiros. Pablo cóntame que na Quito histórica, o 80% dos habitantes eran cregos. Nunca vin tanto convento xunto na miña vida. Edificios enormes, de traza regular, encalada, e suntuosas igrexas. Algúns, coma o impresionante complexo dos xesuítas, ata con 11 claustros. Os mosteiros están pechados, pero as rúas, as xentes, non. E eses nenos na parte de atrás das furgonetas, abrazándose entre os tombos da furgoneta no adoquín furado. E os indios e mestizos de humilde condición, percorrendo sen parar esta topografía irregular que, xa sei a palabra, é unha topografía onírica, con veas de luz.

Síntoo, pero non podo evitar xogar un pouco cos filtros para amosar diferentes versións destas veas topográficas da cidade vella:

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *