El Árbol del Pan, de Flavio Morganti: unha declaración de amor ás castañas

No día de San Martiño, Flavio Morganti presentou no seu restaurante Galileo de Pereiro de Aguiar o seu novo libro: El Árbol del Pan. Misterios de las Castañas y sus recetas, editado por Everest. Alí estivemos, pasando fascinados as follas do novo libro de Morganti. El Árbol del Pan segue a estrutura coral do anterior volume de Flavio, Vacas. Reivindicación sexual e gastronómica, co cal acadou varios premios internacionais e é un calco da propia personalidade do cociñeiro de orixe italiana: unha poliédrica e inquieta sucesión, moi elegante, de receitas, textos corais, historia, anécdotas, vivencias persoais, indagacións literarias ao redor da castaña como alimento ao longo dos tempos. A xente do estudo gráfico Indi axeitouse perfectamente a este universo persoal do cociñeiro, deseñando cada páxina de xeito independente, con preciosismo, convertendo o libro en suxeito de múltiples lecturas, desde calquera lugar que o abras. “Este libro é un romance gastrónomico”, afirma Flavio.

Ou sexa, unha fermosura. Lévanos pola Galicia da Idade Media ata o mundo dos celíacos, para os cales a castaña supón unha interesantísima alternativa, de Federico García Lorca a Leonardo da Vinci e do tempo da fame á profundidade dos bosques, do sexo á estraña polisemia que a castaña ten ao longo da península, do magosto a cachondas receitas dos Imperios que no mundo foron e son, como as Castañas con leite en tempos de Xulio César, ata as innovadoras Castañas con leite en tempos de Barack Obama (sic). A verdade, é que vendo unha receita tras doutra, o que me entran gañas é de probalas todas, ata a Guacastaña, unha sorte de guacamole de castañas que se inventou este home. Pero fixádevos no seguinte. Eu creo que, a pesar de que na publicación hai moitas receitas, en realidade este é un libro de cultura, de cultura gastronómica pero tamén de cultura como xeito de estar no mundo. E estar entre os ourizos das castañas e a rexa madeira da árbore do pan é un fermoso xeito de estar. O libro vale 40 euros e a min paréceme un fermosísimo agasallo de Nadal.

3 Comments

  1. Xabrés da teixeira
    13 / Novembro/ 2009

    Teremos que mercar outro libro, ainda qe fale de castañas.
    Vouche contar un segredo, odio a recollida de castañas. Pola terra donde eu son, Alta Sanabria e Terra das Frieiras, hai moita castaña. Cando eu era pequeno obligabanme a ir a collelas, cousa que fixo que as detestara.
    Non sei se o saberedes,mais ainda caondo era neno, habia por aquela terra, un famoso caldo: “O Caldo de Cacafú”. Era un caldo de castañas, a xente con posibles facíao con leite e os menos “pudientes” simplemente con auga é sal.
    ¡Cuanto temos que agraderle as patatas!
    Saúdos

  2. Cesar
    14 / Novembro/ 2009

    jeje…ay, Xabrés, como te entendo…eu non as recollín de neno, pero recolloas de maior. Cousas de casar con muller de terras. O ano pasado nuhna mao o paraaugas e ca outra collendo nelas e co pé escachando ourizos. Este ano non choveu, eran millores e pagaronas menos.. ¿hay quen entenda..? Por certo que teño a cocer niste intre unha pota de castañas pra caramelizalas, sempre as poño en navidades. Non queres caldo, taza e media..

  3. Pablo
    17 / Novembro/ 2009

    César, ¿castañas caramelizadas?…!!! ¿Serías tan amable de compartir receita? Eu non son de terra de castiñeiros, será por iso de non ter que recollelas que me gustan cocidas, asadas, crudas, como garnición, en doce, en salado, en crema, en caldo… É un privilexio contar con tal ingrediente de forma cercana e abondosa, pero é ben certo que dá moito traballo recollelas, eu só fun 3 ou 4 veces de pequeno ca miña abuela e pra min era unha festa!. O dito, que me encantaría saber esa receita. Gracias por adiantado!.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *