O morto de Santo André de Teixido: a entrevista
Isto é un documento antropolóxico de primeira fila, así de claro e sen retranca de ningún tipo.
Trátase dunha entrevista nos Bos días da TVG á filla do señor que morreu dentro da igrexa de San Andrés de Teixido e celebraron despois unha misa co corpo tirado dentro (ver noticia). Confeso que cando vin o vídeo (que Marcus posteou no seu blog) ao principio pensei que era algunha sorte de brincadeira da TV e a señora unha actriz do Luar, ou algo así. Non podía ser posible. Pero si.
O que se ve no vídeo é fascinante desde un punto antropolóxico. Como a moza/señora (non sabería determinar a súa idade) filla do defunto explica con toda naturalidade o que aconteceu na igrexa de Teixido, e como os presentadores, partes dun escenario futurista, abráianse con toda a circunstancia da morte do señor. Ela, a familiar directa, imperturbable, vive nunha lóxica de relación co difunto tremendamente respectuosa, pero tamén práctica, na que todo sucede de xeito natural e para a que é obvio que se debía celebrar a misa mesmo despois do que o seu pai morrera: para as novas xeracións, os presentadores, o que alí aconteceu é anómalo, estraño e mesmo perturbador (dar unha misa co morto no medio?), se cadra unha falta de respecto a ese mesmo defunto. Poucas veces se evidencia tanto unha ruptura da lóxica cultural.
Para arquivar.













Estimado Carlos:
Como ti ben dices máis arriba “nun informativo de case seis horas hai espazo dabondo para abordar todo tipo de temas”. E supoño tamén que se pode facer aportando diferentes puntos de vista sobre os temas que se tratan. Sen embargo ese día o que fixechedes foi facer unha entrevista desde un só punto de vista que foi o voso personal. Non é que TAMÉN vos quixerades poñer no lugar da xente que saíu da capela incomodada, (por certo ¿canta foi a xente que marchou?). É que ESE é o voso único punto de vista e como espectador dame a sensación de que cortades a entrevista por que a entrevistada non vos segue o xogo. Para ela si que a xente se comportou de forma moi humana e a apoiaron en todo momento. Para vos todo sucedeu dentro da igrexa “como se non pasase nada”. Por suposto comparar xogar as palas na praia con celebrar un acto relixioso, me parece excesivo e vai na línea da entrevista que fixechedes, que busca a parte máis “sensacionalista” do suceso.
Acabo de chegar de patear 18 quilómetros por Belesar e vexo que o tema continuou vivo! O que si está claro é que se o tema dá para tanto, é que toca fibras moi sensibles: non creo que sexa unha cuestión gratuita. Quero agradecer tamén aos dous xornalistas protagonistas, xunto con Manuela, da maior parte da entrevista, que expuxeran as súas ideas aquí, achegándonos moitos máis puntos de vista, e tamén a moderación do tono de discusión desde o pequeno altercado (tiña medo de que nos foramos un pouco de madre).
O tema móvenos tanto porque todos pensamos nel, porque en certo xeito fala de nós mesmos e, polo tanto, todos temos un criterio sobre el. Con independencia do que buscaran os xornalistas na entrevista, de se quixeron ser máis amarelistas ou menos, todo iso, é tan perceptible no vídeo a existencia de dous discursos diferentes que revela dous tempos ou xeitos de vivir e pensar na Galicia contemporánea.
O que vemos neste fío de comentarios é que cada un de nós interpretamos, xulgamos e actuamos de xeito diferente ante eses discursos. Alégrome de que o post o revelara.
dedoenlasopadeletras:
Pois non. A entrevista cortouse porque estabamos fóra de tempo. E insisto: quixemos saber a opinión de todas as partes: a de Manuela, a do cura, a dos asistentes… E desde logo, tendo diante a Manuela, e en 3 ou 4 minutos, temos que exercer como “avogados do diabo”, por dicilo así. E en ausencia dunha opinión contraria, creo que é pertinente preguntarlle desde outro punto de vista para que defenda a súa postura. E logo que cada quen opine o que lle pete!
Voulle poñer un exemplo: onte veu ao programa un activista gay que protestaba polo concerto de Sizzla, un cantante acusado de homófobo, en Santiago. E eu cheguei a preguntarlle: “E algúns dirán: e logo tanta manifestación non serve para darlle máis publicidade a este individuo?”. Se cadra esa non era a miña opinión persoal (non vou entrar aí), pero no meu papel como entrevistador tamén está exercer de “contrapeso” ás opinións do entrevistado. Iso axuda, ao meu entender, a que o protagonista defenda mellor os seus posicionamentos e a que a audiencia coñeza máis puntos de vista.
Se traio a Manuela ao programa e non interrogo polo que a min me parece rechamante ou polo que creo que á audiencia lle pode parecer rechamante, que tipo de conversa podo ter con ela? Sería absurdo!
Ah! E que quede claro. Eu non comparo. Só poño enriba da mesa outras situacións nas que a morte está ou pode estar presente nun lugar público e como reaccionamos ou deberiamos reaccionar ante ela. E logo que cada un opine ao seu xeito! A Manuela pareceulle ben o trato recibido? Estupendo! Logo, no ‘Galicia Noticias’ que vai despois de nós, houbo peregrinos a Santo André que opinaron a favor e en contra. Houbo unha señora que mesmo dixo que “como ían suspender a misa, vindo os peregrinos desde tan lonxe”. A min, como xornalista, encántame escoitar e dar a coñecer todos os puntos de vista. E logo que cada un opine como queira!
Para ver os comentarios anteriores hai que clickar no Previous Comments. Limitacións da maqueta!
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2009/10/30/o-morto-de-santo-andre-de-teixido-a-entrevista/comment-page-1/#comments
Si, creo que o tema se está saíndo do seu contexto. Polo que vin a entrevista foi moi profesional. É un tema que non se ve todos os días, que escoitei no telexornal de mediodía, non neste programa, pero vendo as preguntas que lle fan á señora creo que o tratamento foi adecuado. Se isto é amarelismo, que veña Deus e o diga!
Eu na miña sipleza, non son quen de albiscar, caseque nada que non sexa normal, na “famosa” entrevista.
Coido que a entrevistada é tal cual, unha muller do rural sinxela e parca na parola, pois na entrvista o asunto so dou ata onde ela dixo.
¡Carai” querer ver cousas mais aló das que hai, a min dame demasiada perguiza atopalas.
Coido qe a reportaxe é oportuna, a señora está como debe estar, e no asunto do crego creo que fixo ben. Habería que ver que houbera pasado, se non dí a misa, e obliga a sacar o difunto da igrexa.
Na fin de semana estiven fóra, e sorprendeume moito o número de entradas.
Noraboa Magag0
[...] acuerdo con Manuel Gago: O que se ve no vídeo é fascinante desde un punto antropolóxico. Como a moza/señora (non [...]
Xa podían os tres da tvg, e eu,aprender a falar galego como ila.Nen un filólogo/isolata ou lusista) fala galego como ista señora.Unha lección de senso común e apego a espiritualidade e a terra aos tres representantes da nosa pijería (no cal atópome eu),co seu galeñol como bamdeira,asi nos vai en troques de facer evolucionar isa sabedoria “modernizamonos”saudos