
O colleiteiro Avelino Lorenzo na casa dos seus antepasados. Fotos: Manuel Gago
Eu creo unha cousa: os grandes viños se parecen aos seus creadores, igual que os libros aos seus autores e a música aos compositores que a escribiron. Hai unha relación íntima e perceptible entre un viño de raiceira, de parcela ou finca, e o seu viticultor. Teño catado viños apresurados, viños pousados, viños opulentos e viños con nervio. E, moitas veces, teño recoñecido a caligrafía do solo nestas botellas. Por iso, cando un viño me entusiasma, procuro coñecer ao seu creador.
A primeiras de ano eu emocioneime cun viño: o Tostado do Avelino, un viño que é unha xoia única, herdeiro dunha tradición doméstica de viños tostados feitos con sumo coidado tras un longo proceso de elaboración, no Ribeiro, a partir de coupages dominados pola treixadura. Viños de rectorais, de pazos e de labregos que podían destinar parte da uva a facer un viño que era toda unha cerimonia, para as vodas, bautizos, comunións, un viño que en si mismo era un indicador de ledicia familiar. Viños que por mor do traballo que daba facelos e o pouco rendimento dos acios foron quedando atrás na industrialización vitícola do Ribeiro, e que hoxe en día poucas adegas se atreven a facer.
Cando Avelino Lorenzo, o viticultor máis sabio do Ribeiro, se retirou e deixou a adega na man dos seus fillos, el quedou con dúas fincas en Berán de Arriba, un conxunto de casiñas por riba de Leiro. Avelino fai un viño tostado que, mesmo na súa filosofía, segue a ser herdeiro desa tradición secular case desaparecida: é un viño para os amigos, criado en pequenos pipotiños. Aproveitando que os camiños nos levaran ao Ribeiro, fumos saudalo. Na súa finca de Pazo e na da vella casiña familiar, Avelino dedicouse a prantar canta variedade lle interesou, polo chiste, el di. Agora, cos anos, deixou tamén a finca de Pazo aos fillos e el vaise quedando máis e máis no lugar no que naceu e aprendeu de neno a tradición viticultora de Leiro. Dálle voltas á súa finquiña, onde hai un estraño castiñeiro que sempre dá unha castaña grande e moitas pequenas e froiteiras que dan tantas ameixas que creban as ponlas, estrañas variedades italianas, treixaduras, albillas e albariñas e a opulenta moscatel de mesa.
Con paciencia, na pequeniña adega, Avelino garda as dúas substancias que marcaron a súa vida: os viños que máis ama e unha impresionante colección hemerográfica que abrangue prensa española e revistas desde os anos 40 ata hoxe. Os xornais están almacenados canda as botellas, en caixas de vendimar, coma se Avelino fora colleitando letras, noticias e bagos durante sesenta anos. Ao collelos, un descubre a Evita, os sindicatos verticais ou a educación do Príncipe Juan Carlos. Ao carón, o tostado de Avelino tamén envellece e cobra valor co tempo, como a propia prensa. A mestura pareceume tan potente que me emocionei.

Avelino coa súa treixadura en proceso de pasificación
Cun vello humificador que parece traído de excursión portuguesa, Avelino supervisa con mimo no piso superior -sobre un perigoso chan de táboas fendidas que deixan entrever o piso de embaixo- o proceso de pasificación das uvas, que el deixa cando menos ata a primeira semana do ano novo. As uvas están depositadas nunha única fila entre coleccións do Blanco y Negro da ditadura. ¿Como fai o tostado?
-O viño é coma o cocido. Por iso todos son diferentes, porque cada un lle achega cousas distintas.
No coupage de Avelino, o tostado é treixadura, pero tamén unha uva moi querida polo viticultor, a albilla. E seguramente haberá outras cousas. Coma o cocido, o tostado de Avelino é un valioso produto do tempo.
Un día Avelino espertouse axeonllado, deitado e coas mans penduradas enriba dunha laxe fincada da súa finca, sen saber como chegara alí nin cantas horas estivera. E pouco a pouco, foise esquencendo das cousas, do seu pasado de viñedos e colleitas. Moitos viticultores do Ribeiro comentaban a historia con pena, porque como outras cousas na vida deste home pequeno, o sucedido algo de trasfondo comunal. A amnesia paulatina do Avelino era como a propia historia do Ribeiro contemporáneo, que sobrevive cara o futuro avanzando nun vacilante proceso que durante moito tempo foi de esquecemento do mellor da súa tradición secular. Por sorte, Avelino recuperou, e volve ser un home sabio e conversador.
Probamos o viño do ano da amnesia, coma quen cruza un Limia. Ten un trago máis lixeiro que o da anada anterior, como se se empeñara en correr cara o futuro ao saber que fican moitas anadas máis por vir.

Be First to Comment