Casa Domínguez: un refuxio da boa cociña tradicional en Compostela

Bastante xente falárame da Casa Domínguez [T: 981566008 / localización], un coñecido bar-restaurante no barrio compostelán do Sar, como un figón digno de coñecer para os amantes do bo xantar e, como outra cousa non serei pero esa seguro que si, esta semana aproveitei outro destes xa frecuentes cortes de rúa que temos coas obras de Compostela para parar en Domínguez o probarlle o menú do día -que non ten outro, xa que as fins de semana non sirven comidas, seica-.

A casa, cun comedor e zona de bar ateigada de comidas de empresa, sirve un menú cantado, que cada día prepara Carmen a cociñeira, que é quen te colle os pedidos na mesa. Eu probei un magnífico e abundantísimo salpicón -servido nunha fonte imposible de esgotar por moito que recuncaras- e cando escoitei os segundos boteime á cabra asada. E encantoume porque a cabra é un auténtico distintivo da cociña popular compostelana, un prato que agora comeza a recuperarse nos barrios da periferia histórica, como Conxo. Chegoume un substancioso asado tradicional que me pesou ben non dar rematado e que completei co indispensable leite fritido de postre. Con dúas cañas, a cousa saiu en 20 euros. Non é o menú do día máis barato do mundo pero a calidade, cantidade e produto están por riba dos que se sirven por cinco euros menos noutros locais da cidade. Excelente cociña tradicional.

Un consello: sempre está cheo, así que chama para reservar (981566008)

One Comment

  1. 25 / Outubro/ 2009

    Lamentablemente, Casa Domínguez é un negocio en vías de extinción . Hay xa un par de anos que o propietario anunciaba o peche por motivos de saúde. Daquela dicía que “nun par de anos”. Os seus callos teñen fama de ser dos mellores de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará