Cambio climático nun planeta vivo: James Lovelock define o quentamento global en Compostela


Fotos: Sole

Ten 90 anos, que asinaba eu agora mesmo para min. Este velliño, James Lovelock, un dos científicos máis eminentes do século XX, desprega dúas cousas ao falar: precisión e frialdade. Estabamos no Auditorio de Galicia, onde acababa de recibir o premio Fonseca á Comunicación Científica. Lovelock comezou a falar: unha breve charla de protocolo, de apenas vinte e pico minutos, ou trinta, sobre o cambio climático. Cando Lovelock se ría, con candidez ante as mostras de cariño, parecía un home bondadoso, un neno de 90 anos, sincero de máis para a circunspección que se agarda, ante un auditorio ben repleto. Aquí vai unha colección de ideas das que falou:

Os modelos preditivos feitos por científicos non serven. Non foron capaces de predecir a capa de ozono nin o desxeo ártico. A única forma de saber o comportamento da terra é medindo continuamente. No mar. O mar é o termómetro da terra. Sabemos cando ten febre e cando non. O cambio climático vai ser máis difícil de solucionar do que pensan os gobernos. Toman medidas, como as enerxías renovables, pero son medidas económicas, non eficientes ante o cambio. En realidade, non hai nada eficiente ante o cambio. Mesmo se agora mesmo paramos agora mesmo todo o consumo de combustibles fósiles. Ao mellor mesmo é peor. Ninguén pode predecir cando ocorrerá, pero ocorrrerá: sabémolo polas grandes secuencias do clima no tempo das que dispoñemos. Chegará en breve ou se retrasará. A Terra, ademáis, está colaborando no quentamento, facilitando as cousas, funciona como un sistema amplificador. Pero nós non somos culpables del, no sentido de que o fixeramos de xeito deliberado. Tampouco as prantas foron culpables cando apareceron na Terra e, ao faceren a fotosíntese, aniquilaron a outros organismos.

Queremos salvar o planeta, como se nós tiveramos capacidade de decisión. Pero o planeta salvarase el só. Os Gobernos, en realidade, deberan tomar medidas para adaptarnos e ensinarnos a sobrevivir no que virá. O que virá: unha merma considerable de recursos. Pequenas zonas do norte de Europa e as Illas Británicas deberán alimentar ao resto. E, nas outras partes de Europa, quedarán oasis ao carón dos ríos. Pode que Galicia resista. Pero haberá un excedente humano. Haberá un excedente humano porque poderemos producir moi poucos recursos, e iso terá que reaxustarse. É dicir, menos humanos. A esperanza, señores, é que estou convencido de que a especie sobrevivirá. Sabemos que mesmo nas peores glaciacións saímos adiante. Nunha delas estímase que sobreviviron 2000 individuos só en todo o planeta. Veremos que pasa. Se cadra isto faga á especie máis forte. Os humanos poderán evolucionar, como especie, para mellor. Estou convencido. Moitas grazas.

E na sala prodúcese un estentóreo aplauso. E o velliño Lovelock sorrí abertamente. Parece como se todos aceptaramos resignados o vaticinio apocalíptico do inglés, descrito con asepsia documental. Por iso, mentres aplaudo, miro detrás ás caras dos asistentes, a ver se están aplaudindo polo mesmo ca min: hainos estupefactos, abraiados de que nalgo tan aparentemente inocuo como a entrega dun premio este home nos describa o proceso de agonía da nosa sociedade. Tamén os hai emocionados, se cadra polo mesmo. Aplaudimos todos en harmonía. Como dicía Siniestro? Juntos de la mano hacia la extinción… E teño a sensación de que Lovelock, aos seus 90 anos, desde a perspectiva de Gaia e non das persoas, nos deu a esperanza que parece faltar aparentemente no discurso. Gaia nin é un ser bondadoso, nin impacable, non entra nese tipo de categorías, pero se protexe. E Lovelock mira as cousas desde esa perspectiva macro (nesta entrevista de Elisa Álvarez en La Voz de Galicia ou nesta de Casal en El Correo Gallego aclara máis isto). A esperanza. Déunola, serenamente, cun sorriso, pero á nosa especie, ao xénero humano, non a cada un de nós en concreto e aos que nos sigan. Foi a esperanza para un código xenético, o noso, especialmente hábil para sobrevivir. Estrano consolo. Aos seres humanos gústanos o consolo cunha man no lombo, apelidos e denominación de orixe, facernos sentir heroes, botarlle a culpa aos gobernos e aos malos. O discurso de Lovelock nos sitúa nun punto moito máis modesto. Para volvermos ser palla nun palleiro de colosais dimensións, partículas nun universo con dinámicas que non podemos alterar.

13 Comments

  1. 7 / Outubro/ 2009

    Optou polas nucleares seica, terá os seus argumentos , non coincido…pero dende logo sabe máis ca min.
    Creo que foi algo apocalíptico, pois por exemplo no deserto de Almería prodúcense froitas para media Europa, supoño que hai que amplificarse para chegar á xente.
    O que desespera é que diga que deixando de queimar agora vai suceder igual…logo sigamos queimando?

  2. 7 / Outubro/ 2009

    Exactamente. É desacougante. Pero é un científico. Non un líder. E ahí tamén hai desacougo, claro.

  3. 7 / Outubro/ 2009

    O das nucleares acho que é um tema tabú e gostei imenso de ver coma este home falava do assunto com total tranquilidade e com moreas de argumentos (claro). Mágoa não poder estar aló, mas felizmente as túas crónicas sempre transmitem a humanidade do acontecido. Obrigado!

  4. 7 / Outubro/ 2009

    Me hace gracia pero preveo que su discurso será argumento de derechas, izquierdas, centro,…. Gran post, majete.

  5. 7 / Outubro/ 2009

    Como curiosidade, deixo aquí un extracto do inicio da conferencia de Lovelock, onde rebate o discurso que nega o cambio climático. O audio ten moi mala calidade, pero teño a entrevista enteira. Se alguén quere unha copia en audio (son cinco megas ou así), que se poña en contacto comigo.

  6. 7 / Outubro/ 2009

    A entrevista non, ho, a conferencia.

  7. 7 / Outubro/ 2009

    Exactamente, Pingue. No es un pensamiento fácil de encajar en ningún sitio, porque se desvincula de los negacionistas pero también del ecologismo como conjunto de medidas y creencia de que el hombre puede alterar los ciclos de autorregulación climática de la Tierra.

  8. xlsebio
    7 / Outubro/ 2009

    magago,maña a tarde levarei unhas uvas e uns mostos a bodeguilla de san lazaro,veremos temas como a maduración fenólica.Ademais de probar uvas dun monton de castes.Fala con javier e facemoste un sitio.unha aperta.

  9. miguel
    7 / Outubro/ 2009

    Un “contacontos”, para ser un “científico” ofrece detalles muy pobres.. por qué acusa a otras fuentes de energía alternativas de “visionarias”, para negarles tiempo, y no incluye en ellas a la energía por la que aboga , la nuclear de fisión?
    (JL ha recibido más impulso propagandístico desde que ha declarado su fervor nuclear, que en las décadas que hace que formuló su teoría de la tierra como ser vivo )

  10. 7 / Outubro/ 2009

    Miguel, con todos os respetos, chamarlle “contacontos” a un científico da traxectoria de Lovelock é cando menos inapropiado. Outra cousa é que non compartas as súas ideas.

    Discrepo tamén no tema do “impulso propagandístico”. Se houbo tal cousa, cousa que dubido, sospeito que ten que ver cunha causa bastante máis lóxica: é un grande experto en clima e un dos primeiros en entender, de xeito global, os factores climáticos. Supoño que mola máis a tese do lobby de malvados, da CIA, das corporacións con intereses e tal, pero o habitual nestes casos de crise é botar man daquel fulano que sabía moito do tema, aínda que todo o mundo o tivera esquencido (Lovelock non estaba esquencido). Pasa no Medio Ambiente, na Epidemioloxía ou na Historia.

    Así que discrepo totalmente coas túas afirmacións. Pero eu tampouco teño claro que a enerxía sustitutiva teña que ser a nuclear, tamén.

  11. 7 / Outubro/ 2009

    Aí estaremos!

  12. Seve
    7 / Outubro/ 2009

    Lovelock leva dende o ano 79 (Gaia: una nueva visión de la vida sobre la tierra) aconsellando o uso de enerxía nuclear como freno a emisión de gases de efecto invernadoiro dun xeito bastante racional nos seus libros. Basta lelos para poder opinar ó respecto sobre o seu razonamento e entender que escolle esta alternativa coma o mellor dos males e non como a panacea (tamén enumera as súas desventaxas e fala de elas).

    A visión de Lovelock e distinta en esencia á que nos transmiten os medios. Mellor dito, é distinto a todo o que a especie humana (e mais o homo sapiens:P) poida pensar dende o seu pensamento antropocéntrico e os seus prexuicios. Por esto non creo que poida ser tachado de falta de crítica ou de propagandista.

  13. miguel
    7 / Outubro/ 2009

    Entonces JL” científico” famoso y relevante, tiene la obligación de decirnos con cuantas centrales nucleares de fisión puede solucionar el problema, tiene obligación de calcular cuánto mineral de uranio hay disponible y cuanto se necesitaría si hay que multiplicar las 440 centrales nucleares actuales en muchos órdenes de magnitud, tiene obligación de decirnos donde las emplazará, en cuanto tiempo mínimo se pueden levantar – entre 10 y 25.000 centrales nucleares que muchos calculan que habría que instalar para sustituir el consumo actual de todo tipo de fósiles-.Tiene la obligación de sacarnos de esa duda..
    ( Quedan tiempos difíciles, dice, como si los tiempos no fuesen ya muy difíciles para 1/2 de la población) . Sería bueno que explicase por qué no cree que las renovables pueden sustituir a las fósiles y el motivo por su caso claro de preferencia..

    saúdos
    Sin conspiranoias y/o negacionismos, sin etiqueta de los que “se oponen a la energía nuclear

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *