Wine Politics de Tyler Colman e o futuro das denominacións de orixe vinícolas

Leo con moito interese Wine Politics, un controvertido ensaio do escritor de viño e blogueiro estadounidense Tyler Colman. Colman contrapón no libro dúas visións da expansión do negocio do viño, en certa medida contrapostas: a francesa e a norteamericana, a dunha nación na que o viño é parte da identidade nacional e unha industria de prestixio internacional e, no caso norteamericano, o dun produto de carácter secundario nun país que está incrementando con rapidez o seu hábito de consumo. O volume é a adaptación da súa tese de doutoramento: “a primeira e posiblemente a última que se escribirá no meu departamento de ciencia política sobre viño”, asegura Colman. Para Tyler, son as tensión entre a tríada do sector, os consumidores, os produtores e os distribuidores, os que caracterizan a evolución deste mercado ao longo do século XX e na súa área de interese, a economía política, presta especial atención á regulación do mercado e á intervención de axentes externos, nomeadamente os políticos e os críticos.

Unha significativa parte da análise de Coman está na sorpresa ante o comportamento do mercado francés, do que extrae leccións pero tamén abraios ante condutas inconcebíbeis nos Estados Unidos, como as furibundas folgas agrarias. En especial, resúltalle chamativa a mecánica das denominacións de orixe e a súa labiríntica articulación. Do caso norteamericano, a análise de Colman é un pouco o relato dunha produción reducida que só en California comeza a converterse nun mercado que aínda non ten totalmente definido o seu carácter. Unha anécdota é ilustrativa: a de aqueles granxeiros do interior de Estados Unidos que non podían comprender por que eran precisas diferentes variedades de cepa, cando coa mesma podías colleitar uva para vender como froita e logo aproveitar para facer unhas botellas. Agora ben, no libro fálase de como o novo mundo afronta a emerxencia dun gusto global do viño. No relato final, a miña impresión é unha certa perspectiva norteamericana: para Colman, o sistema de denominacións de orixe ralentiza a capacidade das adegas para competir nun mercado global, dificultando as adaptacións a este mercado.

¿En que medida é real esta cuestión? Hai que partir dun feito incuestionable: as denominacións de orixe, creadas en Francia hai máis de setenta anos, teñen axudado enormemente á modernización e profesionalización do mundo agrario e, obviamente, ao mundo do viño. Obrigaron aos adegueiros a crear unha marca común e a partir duns mínimos de calidade que ata ese momento non existían. As denominacións de orixe son a base de sostemento do sistema. Non comparto totalmente a perspectiva liberal de Colman sobre a desregulación das denominacións: na medida en que este mercado se desregula, desde o punto de vista comercial, tende a estandarizarse; no proceso de competición masiva polo mercado do viño a escala global, o Vello Mundo ten pouco que aportar neste sentido. Sobre todo porque comparar o viño con outros sectores de alimentación é esquencer a esencia do produto mesmo: se cadra poida fabricar similares iogures en diferentes partes do mundo, pero as principais características que inciden na calidade dun viño, son únicas: o solo e o clima. Por iso un albariño de Australia sabe moi diferente dun galego.

Iso non quita con que non sexa preciso facer unha reflexión sobre a función das denominacións nun mercado tan competitivo como o actual. Na actualidade, no Estado español e nas súas diferentes D.O.s, hai premiados viños que non encaixan dentro das estritas normativas das denominacións de orixe e que saen ao mercado como Viños da Terra ou sen ningún tipo de denominación. E estamos falando de viños de primeiro nivel. Ata agora, isto se produce con viños de gama alta do que o caso máis famoso debe ser o de Abadía Retuerta, na Ribera del Duero. Pero pasa con Els Jelipins do que falei o outro día (feito con sumoll, unha uva non permitida pola D.O. Penedès), ou con algún galego, coma os Cuvée Caco, un tinto do Ribeiro. As razóns son moitas pero os feitos están aí, e se a tendencia continúa pode ter certa incidencia na imaxe de marca da denominación, cando menos en círculos de afeccionados. As denominacións -e o digo como unha reflexión en voz alta- deberan reflexionar que é o que provoca este fenómeno.

2 Comments

  1. 28 / Setembro/ 2009

    Pitusa, non me refería a un exemplo real, senón a un exemplo figurado (aínda que recoñezo que é equívoco por culpa da polémica recente), que tentaba explicar que unha mesma variedade cultivada en dúas rexións diferentes dá lugar a viños bastante diferenciados. A syrah, por exemplo, dá viños moi distintos na Mancha, na Toscana ou en California. O malbec de Cahors ten pouco que ver co chileno, e o mesmo albariño galego é moi diferente do albariño uruguaio (levado alí por galegos). : -)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *