Unha nova materia para os recordos

Ao ver esta magnífica curta que explora a arquitectura e a luz dunha biblioteca que non existe na realidade, The Third & The Seventh, creada polo español Alex Roman, penso en como os CG (Computer Graphics) están trasladando o noso sentido da fantasía. Hai un tempo, Juan Freire falaba de que os seus fillos compararon unha escena do campo manchego cun videoxogo. Xa é un proceso habitual. Moitas veces, andando polo campo, coas luces laterais do solpor, como as que agora en outono irán chegando, teño pensando andar por unha simulación, ou alguén mo ten dito. O que antes eran “escenas de postal” agora son escenas “de ordenador”.

A construción de paisaxes dixitais avanza moitísimo; desde hai anos, software como TerraGen permite crear, cal demiurgo, novas terras desde a nada con certa facilidade, e non faltará moito para que se elabore, colectivamente, unha gramática da construción de mundos, que os nenos poidan aplicar para levantar desde a nada territorios da fantasía, con aplicacións sinxelas de modelado espacial e ambientación, das que xa vemos moitos exemplos integrados como world builders en videoxogos. Non se pode ser máis que optimista con isto, aínda que algúns apocalípticos teman porque se perda a “imaxinación”. Afortunadamente, toda a vida, a imaxinación sempre botou man de ferramentas para bulir. Fixádevos ben nestes lugares:


Dante’s Inferno, de Marco Iozzi para Electronic Arts


Gerardo Surzin

Aínda que non existen, estou convencido de que paisaxes como estas pasarán a formar parte dos nosos recordos. Aquí se poden ver máis espectaculares contornos 3D.

2 Comments

  1. burelao
    23 / Setembro/ 2009

    Este rapaz é un artista. Estivo no Mundos Digitales da Coruña este ano, dando unha charla de arquitectura dixital e fotografía. Impresionante traballo.

  2. 24 / Setembro/ 2009

    A de Gerardo Surzin parece inspirada na expedición polar de Shackleton. Tamén molaban pero creo que xa falaras nun post moi anterior os rapaces de Factoria Gráfica que vexo un pouco parados na web.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *