Last updated on 23 / Agosto/ 2009

Ostra en culler. Fotos: Sole. E si, dan gañas de comela!

Berberecho con codium
Non hai como viaxar e comparar para saber onde están os bos restaurantes de verdade, e como hai sitios que hai que preservar, defender porque son escasos no seu territorio, pequenas excepcións. O restaurante Yayo Daporta [986 526 062 / localización] é un tesouro na luminosa e caótica Cambados, unha pequena xoia gastronómica no Salnés que hai que coidar, así de claro. Non é o único, por suposto, e a comarca tamén é fertil en establecementos de cociña contemporánea, pero en comparación coa enorme abundancia de restauración para turistas son como grans nun palleiro. Volvimos a Yayo despois de case tres anos, pois foi aquí onde realizamos a I Xantanza de Blogastrónomos. Hai tres anos Yayo acababa de abrir e nós, desde logo, tiñamos comido bastante menos que agora. Así que un nunca sabe o que se vai agardar. ¿Sería todo máis pequeno, como te pasa cando volves a un lugar da túa infancia ao que nunca retornaras en décadas?
Non; neste caso, en realidade, todo foi máis grande. Na primeira vez que comín aquí estaba despistado, comendo cun montón de xente á que non coñecía, pouco puidera apreciar. Desta volta, xa foi outra cousa. Centrados no xantar manso, atopamos en Yayo Daporta elabora unha cociña delicada, moi vinculada ao mar que nos rodea; xoga cos moluscos, os mariscos, os peixes, aos que fai dialogar con sabores salgados, verdes, da horta, coma no caso desa ostra en culler que vedes aí ou ese berberecho con codium, con resultados lixeiros, sutís, sabor sen consecuencias:

…ou mesmo neste carpaccio de vieiras cunha allada, absolutamente delicioso. Na cociña de Yayo Daporta hai unha discreta intervención, centrada no realce dos produtos. Son cancións da cociña tradicional tocadas lixeiramente para suxerir novos camiños ou evocar recordos de infancia. Por exemplo:

…este prato, este canelón de polbo recheo de arroz cremoso, que é para quitarse o sombreiro. Outras veces, Yayo sepárase moito máis da tradición, e fai cousas sorprendentes. Para min, o prato deste menú foi esta marabilla.

Unha crema fría de porros con breva rechea de tartar de atún: un plato complexo, no que os sabores se van manifestando por fases, que emociona e te fai gañas de máis, de ir máis alá. Probade isto se podedes e sodes curiosos. Houbo máis pratos, desde unha dourada a un rabo de boi estofado con viño espadeiro, tamén un par de postres (que para min foron o máis frouxo). Eis as fotos:




O resultado é que Yayo Daporta está a un excelente nivel, pero faime pensar no seguinte: este verán percorremos algúns dos outros fogóns máis coñecidos do Salnés. Imaxínome os números que deben facer estes cociñeiros de cociña contemporánea para sacarlle rendibilidade á súa oferta, cando outros compañeiros do sector cobran o mesmo por ir á lonxa, ferver marisco, dominar un par de carnes guisadas ou arroces e ofrecer os albariños clásicos sen máis esforzo. Por iso, que existan unha cociña como a de Yayo, rica, saborosa, tan vinculada ao contorno e desta calidade, é un miragre. Yayo é un cociñeiro tímido, de poucas palabras. E non deixa de ser unha agradable sorpresa atoparte todo isto por dentro.
A adega é pequena pero moi ben provista, incorporada ao comedor cunha cámara de cristal na que tes que entrar para servirte ti mesmo os viños. Nos acompañamos o xantar co excelente Alma Larga do que falei o outro día. O menú degustación longo, chamado Estrella, que foi o que nós tomamos custa 55 euros. Hai outro menú degustación e máis opcións gastronómicas por 40 e pico. Con viño, saiunos a cousa en 65 por cabeza.

Por ese prezo hai que ter moito amor propio para cociñar dese xeito. Arte na artesa, un verdadeiro luxo.
E pensar que eu compartín piso con ese home cando aínda non lle gustaba a cociña… ¡que desgracia!
O mundo é moi pequeno! ;-)
Curioso comentario o de rr. Cando vostede o coñeceu non lle gustaba a cociña????
A min gustoume Yayo Daporta (faltaría máis co que elabora os pratos), pero non sabería eu dicir se consegue o máximo. Non cre que lle falta algo para a estrela?
Permítome mandarlle crónica dun xantar alí: pode que outro día sexa mellor. Os meus amigos, aínda que aceptan as miñas tiquismicadas, celebran moito o Yayo e din que debo repetir. Fareilles caso a eles e a vostede.
http://arumes.blogspot.com/2008/09/poa-unha-estrela-michelin-na-sa-vida.html
Amigo Arume, ao meu ver, en Galicia hai moitísimas diferencias entre os restaurantes que teñen unha estrela, e non consigo saber cal é a tónica común. Supoño que nalgúns prima o espazo e o ritual, noutros a gastronomía e noutros a tradición. Pero só son suposicións. Ata o momento eu cría ter máis ou menos claros os criterios, aínda que fora por ciencia infusa, pero despois dalgunha outra incursión que fixen este verán, pois xa non tanto.
En canto a Yayo, comparativamente con outros restaurantes estrelados, pois eu creo que está a ese nivel. Pero sigo sen comprender como outros, como o Galileo de Flavio Morganti, non a teñen.
Buenas,
¿Es realmente duro conseguir una reserva? Llevo intentandolo por telef+email unos dias y no recibo respuesta. Tu crónica es magnífica, las fotos tremendas. Sois unos artistas!!!
Gracias, SPJ.
Spanjaard, yo creo que están de vacaciones. En muchos restaurantes gallegos se cogen las vacaciones en este mes. Yo intentaría de nuevo dentro de unos días.
Huy, Manuel, pues yo pretendía ir el domingo 4. Llamaré el mismo dia 1, a ver si tengo suerte. Gracias por la pista de todos modos.
O Galileo creo que xa tuvo a estrela, a pesares de que o servicio é intermitentemente axeitado dependendo de quen te sirva; inda gustándome, defraudoume o día que me confundiron un “terras de Castilla e León ” con un Ribera del Duero. Cando tiben a “osadía” de comentarllo, a resposta foi de premio: ” son da misma zona..”. Eso non quita para que pague a pena o esforzo de subir ata Santabaia.