Pompeia, de Mary Beard: un delicioso retrato da cidade sepultada

Quen teña visitado Pompeia non poderá esquecer a viaxe nunca. Eu fíxeno hai moitos anos. Por despiste, non entramos pola entrada destinada aos turistas. Moi cedo pola mañá, coa fresca da alba, camiñamos pola antiga vía, rodeados de estrañas tumbas -nunca tal viramos- ata entrar pola Porta di Nocera -creo-. A verdadeira sensación é ter a sorte de perderse na cidade antiga; non digo perderse de xeito metafórico, refírome a perderte de verdade, é ter que tirar dos sentidos para tentar discernir onde está o centro desa cidade petrificada no 72 d.C. Para min o fascinante de Pompeia, alén de ser un dos grandes xacementos arqueolóxicos do mundo, está no desafío que supón contrastar a túa noción do urbanismo e do hábitat coa desta cidade, as súas proximidades e diferencias.

Acabo de ler con sumo pracer Pompeya. Historia y leyenda de una ciudad romana (Crítica, 2009), un volume de divulgación escrito por unha das maiores autoridades sobre o Imperio Romano, a profesora de Clásicas de Cambridge Mary Beard (por certo, ten un delicioso blog, A Don’s Life no Times). O libro percorre a vida cotiá, a política, a relixión e a economía pompeiana a partir do luxo de datos que ofreceu o rexistro arqueolóxico alí. O chamativo é o resultado: toda esa abundancia de obxectos, graffiti da época, frescos, moedas, todo tipo de pezas provocou un sennúmero de preguntas. A abundancia crea máis preguntas que a escasez, na arqueoloxía. Beard desminte tamén tópicos, supoño que en moitos casos acertadamente, noutros pode equivocarse, levada polos prexuízos culturais contemporáneos dun inglés, de xeito moi divertido desde a nosa óptica. Por exemplo, cando fala das tabernas:

“Polo de contado, ¿había realmente douscentos bares na cidade? Se calculamos que a poboación era dunhas 12.000 persoas na cidade, significaría que había un por cada sesenta habitantes, homes, mulleres e nenos”

Fíxome moita graza. Por suposto que podería habelas. Esa é a media habitual de bares por habitante nalgunhas vilas galegas (fixeramos hai anos un cálculo coa Pobra do Caramiñal e saíanos un bar por cada 75 persoas). O presente segue dialogando co pasado con prexuízos, malia a distancia. E a óptica, por suposto, segue os grandes temas actuais. Política, sexo, comida, familia, relixión, hixiene, entretemento…

Polo demáis, o libro está cheo de humor, de abundancia de ilustracións e a clase de discurso que fai as delicias dun amante da Historia antiga. Un libro de preguntas, máis que de respostas, pero que nos fai viaxar -literalmente- a un mundo detido no tempo. Un mundo que vive nas fronteiras culturais e conceptuais do noso.

2 Comments

  1. 21 / Agosto/ 2009

    Haberá que lelo, entón.
    Estiven hai pouco en Pompei e quedei abraiada. Impresionante! Claro que hai que ver tamén o Museo Arqueolóxico de Napoli, onde gardan moito do alí atopado.
    Concordo contigo no fascinante que é camiñar por esa antiga vila e imaxinarme no seu tempo, tomándome un trago nunha das tabernas que hai á beira da rúa ou vivindo nunha das preciosas casas que conforman a cidade :-)

  2. 21 / Agosto/ 2009

    Seguro que non che falla, María. Se ademáis, estiveches hai pouco vai ser como unha especie de making of do que viches.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *