La Voz de Galicia abre a edición de Carballo co achado do castro de Castrelo

Onte contabamos en Capítulo 0 o achado dun importante lenzo de muralla e unha porta monumental dun castro no lugar de Castrelo, na parroquia de Soesto, durante as obras de ampliación da AC-433 con destino a capital do municipio, Laxe. Hoxe La Voz de Galicia abre a súa edición de Carballo coa noticia do achado, recollendo declaracións de veciños de Castrelo e visitantes que xa se achegaron ao lugar. É unha estupenda noticia para que a comunidade local poida coñecer este novo achado arqueolóxico que pode enriquecer o patrimonio cultural da Costa da Morte. Grazas a La Voz por facerse eco.
Só quero facer unha precisión ao texto do xornal. Nel defíneseme como “arqueólogo afeccionado”. Teño que aclarar que non son tal cousa nin nunca me definín eu como tal. Toda vez que unha significativa parte da actividade dun arqueólogo (as escavacións) está moi regulada polo marco legal galego e estatal relativo ao Patrimonio e á súa xestión, os que non somos titulados nesa especialidade da licenciatura de Historia, non podemos ser definidos de tal xeito. Sería como falar de “médicos afeccionados”. Con iso non digo que non haxa nin deba haber amadores: o rol dos afeccionados á Historia local é importantísimo neste país para coñecer e preservar o noso patrimonio. Pero aos que nos gusta a arqueoloxía, o que somos é afeccionados á Historia. Non empregamos -nin podemos empregar legalmente- as técnicas arqueolóxicas.
Por iso, quen debe falar tecnicamente sobre o depósito castrexo de Soesto deben ser os responsables de escavación e os especialistas pertinentes. O resto, simplemente, disfrutámolos, gústanos divulgalos e investigar, de xeito informal (é dicir, non como un traballo), a riqueza patrimonial deste país. E xa lle chegha.
Actualización: A noticia en A Nosa Terra, en Chuza! e en culturagalega.org.












A pena é que outras barbaridades non se poidan evitar por xa teren sido feitas:
http://quepasanacosta.com/content/view/6275/26/
Outro exemplo do que non se debe facer.
LuiSinHo, acábasme de deixar de pedra. Eu estou namorado dese lugar e non sabía que tal cousa pasara.
Levo tempo dándolle voltas á cuestión. Hai pouco estiven no Monte Branco, en Ponteceso, e pasoume unha cousa similar. Materia dun post.
Algo máis que un post habería que facer… A destrucción do noso patrimonio natural, arqueolóxico e cultural semella que non ten parada e é moi barato…
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Xunta/tardo/anos/parar/obra/castro/elpepiautgal/20090824elpgal_9/Tes
¡Ai que medo!
Efectivamente. Eu tamén o lin e non puiden máis que comparar. Confío en que a xente da Costa da Morte estea pendente para que non ocorra algo.