
Mole de seixos na banda dereita do corredor de entrada ao Forno dos Mouros (Toques, A Coruña) Foto: culturagalega.org
O outro día, mentres viaxaba a Toques para escribir unha reportaxe sobre o proceso de soterramento preventivo do dolmen de Forno dos Mouros (as súas interesantísimas pinturas orixinais levan 20 anos á intemperie, cun forte proceso de desgaste) Roberto Aboal, director da excavación, e o equipo de arqueólogos ensinoume un dos achados máis chamativos desta campaña. Na marxe dereita (segundo se mira) de fronte, do inicio do corredor que conduce ata o interior da cámara do dolmen, estaban amoreadas enormes pedras de seixo. Brillantes exemplares.
-¿Que significan?
-Non o sabemos -díxome Roberto- pero son moi habituais.
Sentín unha certa vertixe histórica. Ao longo de milenios, neste país, sentimos unha fascinación constante polo seixo, esa pedra que, cando camiñas polas húmidas corredoiras de Galicia, parece chamarte e, como un anel maldito, pedirte que a collas e a leves contigo ao teu domicilio. Temos a terraza da casa chea de seixos. E lembrei ducias e ducias de hortas e casas de avós e vellos do campo, presididas por este mineral. Sempre as formas máis bonitas e intrigantes. Sentimos unha adicción, non confesa, por estas pedras de perfección aparentemente imposíbel e gran seducción.

Seixos depositados nun rebaixe artificial na Laxe da Ferradura, en Amoeiro (Ourense)
Se un sabe buscar cos ollos, os seixos están en todas partes, en lugares clave. Atópalos no interior das casas castrexas, atópalos amoreados ao redor das mámoas, atópalos en lugares visíbeis das murallas dos castelos, atópalos nas portas das casas rurais de hoxendía, atópalos na toponimia, realzados. Cando escavaran os petróglifos de Amoeiro, dos que tanto xa temos falado, nun rebaixe artificial localizaron unha morea de seixiños alí depositados. E eu teño atopado ducias de seixos en abrigos de granito. Se cadra, tesouros de rapaces, se cadra, outra cousa. Sabemos pouco dos seixos, pero están aí. No megalitismo son un patrón. Nos humildes enxovais que depositaron nas arcas e antas os nosos devanceiros, sempre están as pedriñas de seixo.
Non din atopado hoxe na rede información sobre as propiedades máxicas do seixo; se tedes referencias bibliográficas sobre unha antropoloxía deste mineral, dicídemo. Pero lembro, xa cando pasamos esta medianoite, como o meu avó nos contara unha historia con gotas e café, nas eternas sobremesas de Palmeira, ao verán. No monte da Curota había o seixo máis grande que nunca se vira. Moitos homes de pé non daban chegado ata enriba. Viñeron os alemáns e, unha noite, leváronno e del non se soubo máis. Pero preto aínda quedaban outros tamén grandes.
Despois da sobremesa subiramos a ver eses seixos ao alto do monte, pero as terras cambiaran; o monte, ese monte que cremos inmutábel, cambia como a superficie do mar e bórrase da memoria dos paisanos deliberadamente, coma nun sortilexio, cando non suben a el en dez ou quince anos. É un auténtico río Limia en pedra. Naquela desventurada aventura de sobremesa, cun avó confundido entre as penedas da Curota, o outro avó, tras limparse cun pano a suor da fronte abatida polo sol e a calor da media tarde de xullo, mirou para el e dixo -co comedimento que se teñen entre si os sogros, pero sen faltarlle a retranca-:
-¿E non sería de azucre ese seixo?
Na familia o chiste continuará a lembrarse por décadas. Coma o seixo. Que nos acompaña na vida dun xeito que non acabamos de comprender. Por iso impresionoume a decoración da fachada da Casa Cotos, unha coidada taberna familiar na Pena Grande, en Sobrado dos Monxes -non moi lonxe do Forno dos Mouros.


Casa Cotos (fachada e detalle), no Lugar de Pena Grande (Sobrado)
6000 anos de fascinación polas mesmas pedriñas brillantes.

Lendo ensto lembreime do castro de Valencia do Sil, en Valdeorras. No alto do castro hay unha pedra grande de seixo, de varios metros. Hai anos xa q o fun visitar, pero segundo os veciños eran parte dunha lenda local, que se non recordo mal remataba con dous namorados convertidos naquela pedra abrazados pra sempre.
Pola zona das Frieiras, falábase da pedra do raio, que entre outras cousas tiña a virtude de non deixar morrer aqueles que eran mordidos polo “vivirón”, creo que seria vÃbora. Cando eran mordidos tiñan que frotar a ferida coa pedra e sacar sangue da zona.
A min na zona da Mezquita ensinaronme una desas pedras, parece que por Pradocabalos habia outra ainda que negra. A que a min me ensinaron era nin mais nin menos que un seixo, bastante burdo.
Coido que se alguén frotaba aquelo na ferida, podia acabar esfolado, e case sen sangue.
Apertas.
Visitas o castro de Viladongae ves os seixos nas esquinas das vivendas, alà postos adrede. Saes á contorna e ves as torretas de Fenosa feitas por canteiros nos anos 50 coroadas polos manidos seixos. Na vertente oriental da terra de Lemos o lousado inzábase de bloques de seixo seguindo unha prática antiga.
Pois agora que o dis, eu lembro que na finca da casa, sempre se facia un monte cas pedras, e cos seixos máis brillantes, outro…non che sei por que,pero lembro que se facia….curioso o que levamos facendo seculos sen saber moi ben por que. Saúdos e apertas
A miña teorÃa é que os seres humanos sentimos a mesma atracción polos seixos que as pegas por outros obxectos brillantes. Queremos apropiarnos deles. :-)
Onde eu son, cando viñan os canteiros paredar unha casa, poñían, coma quen non quere a cousa, un seixo branco no medio das outras pedras. A razón diso disque era propiciar que o casal da casa tivese descendencia. Era o que dicían e por iso cho digo. Apertas.