Trala intensa historia das torres da Arnoia


A Torre da Homenaxe do Alcázar de Milmanda, hoxe convertida en campanario. Fotos: Sole

Seguro que vos ten pasado o mesmo que a min. Algunha vez tedes viaxado a lugares polo simple curiosidade do seu nome, que vos atraía coma un imán. A min pasoume co Alcázar de Milmanda, no concello de Celanova [localización]. Fuximos deste verán miserábel do occidente galego, collimos coche, fixemos quilómetros, aterramos ao carón do mosteiro de San Rosendo. E de alí, subimos cara á Arnoia, terra que descoñeciamos.

Milmanda son dúas cousas. A primeira, por suposto, é a espada Milmanda que Xosé Luís Méndez Ferrín glosa en Arnoia, Arnoia. A toponimia que se convirte en épica e ficción. O segundo, é o Alcázar. Creo que é o único, chamado de tal xeito árabe, que temos no país. Foi fortaleza importantísima, clave nas loitas contra Portugal. Aquí aconteceu algún capítulo tan curioso coma descoñecido da nosa historia.


Fernando I de Portugal e Bertrand Du Guesclin.

Orei Fernando I de Portugal emprendeu unha expedición de conquista de Galicia en 1370, iniciando unha chamativa aventura que ben podía ter dado lugar a unha Galicia diferente e que podedes ler en detalle en culturagalega.org. Fernando I mantivo durante dous anos o dominio real do país, apoiado pola nobreza galega e as cidades, e a súa corte desprazouse de Lisboa a aquí, ao Alcázar de Milmanda. Imaxínome este lugar, corte de reis, caza e intriga, cos cabaleiros cazando nos bosques próximos e os encapuchados achegándose ata El-Rei para negociaren rendicións, pactos e conxuras. O reino de Galicia estaba a piques de incorporarse a Portugal. Hoxe, o Alcázar de Milmanda non responde á grandilocuencia do seu nome: é unha aldea pobre, ruinosa e esquencida de toda axuda pública. Aínda se descubren entre a vexetación as dúas rondas de muralla, e certa configuración urbana do que debeu ser a cidadela desta poderosa fortaleza. Na zona superior, na atalaia, hai unha igrexa humilde e un cemiterio. O campanario é a antiga torre da homenaxe, e os rexos muros que sustentan aos mortos de Milmanda van cedendo, como vedes na foto. Por seguir coas sorpresas, a Fernando I de Portugal botouno de Galicia un grupo de mercenarios bretóns capitaneados polo famoso xeneral Bertrand Du Guesclin. Todo isto aconteceu neste lugar, neste outeiro rodeado polo río Tuño. ¡E que pouco sabemos de todo isto!


O pazo de Sande

Seguimos a senda das fortalezas. Ao chegarmos a Sande, no concello de Cartelle, onde está este fermoso pazo -coma no Salnés, os pazos desta zona gostan de ter unha torre que simboliza a súa antiga función. Tamén xa vemos, abraiante, o castelo no alto dun outeiro, rodeado de bosques [localización].

Pertenceu ao mosteiro de Celanova, e a diferentes nobles ao longo do tempo. Hoxe é case inaccesíbel, e pode que iso a preservara tan ben. De feito, penso que é o castelo máis difícil de chegar que hai en Galicia, xa que tes que valerte de mans e equilibrio para remontar a agulla de pedra que leva ata el. Primeiro, cómpre localizar a senda mínima no bosque pechado, e logo gabear penedos e axudarte, ao final, dunha corda para subir o último tramo.

Cando chegas, unha mínima plataforma asenta a torre, ben conservada, rodeada de granito e carballos, cunhas vistas marabillosas sobre esta terra que descoñecía. E outra corda, pendurada do interior -non sei en que estado estará a ancoraxe- permite entrar no interior, case ao asalto medieval. Todo este espazo, o esforzo por chegar a el, fanno máxico. É un lugar moi fermoso.

Volveremos á Arnoia. Xa vedes que faltan todas as historias por contar.

7 Comments

  1. 15 / Xullo/ 2009

    Bueno, estarei atenta a ver qué contas da miña terra!
    Gracias ó teu blogue, estou aprendendo moito, eu tamén son de coller o coche (con ou sen rumbo) e descubrir paraisos cercanos.

    Saúdos

  2. 15 / Xullo/ 2009

    Carafio, pois si que ten historia :) Como xa dixen nun comentario anterior é unha magoa que deixemos esmorecer o noso patrimonio cultural e historico, máis ainda cando ten un grande potencial a nivel turistico. Saúdos e apertas

  3. 16 / Xullo/ 2009

    Grazas a ti, Rosinha, por pasares por aquí. Si, An, é certo: non comprendo por que as entidades locais perden oportunidades neste sentido.

  4. 17 / Xullo/ 2009

    Coñezo o sitio mais non coñecia a interesante historia do rei portugués e a dos mercenarios bretóns. Esto demostranos que hai moito por descobrer, e dar a coñecer (e por en valor (a verba de moda!) na nosa terra!!!

  5. Lansbricae
    17 / Xullo/ 2009

    Entretida entrada…
    Do Alcazar de Milmanda creo que non é correcto sinalar que o actual campanario fose a antiga torre da homenaxe, a fonte que eu consultara fala de unha das torres e que se poden observar os alicerces da torre da homenaxe preto dela.
    http://pt.wikipedia.org/wiki/Alc%C3%A1zar_de_Milmanda

    A torre de Sande é realmente magnífica cun dominio espectacular do val que domina, realmente é preciosa. Unha das cousas que me chamou a atención dela foi o gran número de marcas de canteiro nun dos seus muros e a monumentalidade ó ser vista de preto.
    Parabéns pola entrada.

  6. RAfus
    5 / Marzo/ 2011

    Graciñas por meter a nosa terra neste blog tan especial!
    O castelo de Sande aínda ten paremioloxía “Torre de Sande e patas de avión, todas cantas terras ve,dil son”. E ó respecto das torres do arnoia nos veciños pobos de Zaparín e Louredo(ambos no concello de Cortegada) aínda se conserva o topónimo de A Torre ( así como en Zaparín unha ara romana)

  7. 6 / Marzo/ 2011

    E aínda todo o que me queda por coñecer dela, Rafus!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *