Novas visións para unha vella civilización

Se alguén pensa que a Arqueoloxía é unha ciencia de verdades inmutábes, está moi confundido. Como calquera disciplina de investigación, o que sabemos do noso pasado está sempre sometido a revisións continuas. Cambian os enfoques, cambian os paradigmas, e tamén, como é obvio, os achados tamén provocan cambios. Hai anos, un arqueólogo resumíamo do seguinte xeito: “cada vez que abrimos unha mámoa poñemos todo en cuestión”. Quería dicir que os datos dalgunha mámoa podían contradecir achados, cronoloxías, nocións establecidas previamente.

Se cadra, do noso pasado recente é a Idade do Ferro a que está sometida a cambios máis grandes no ámbito científico, malia que, nas crenzas populares, continúan a existir unha serie de tópicos enraizadísimos nos cómics, nas recreacións festivas, ou nas reportaxes xornalísticas. Nos últimos anos, dous libros, en niveis diferentes, permítennos asomarnos a un mundo castrexo que se define pola súa complexidade e, ás veces, pola súa heteroxeneidade. A magnífica tese de Alfredo González Ruibal, publicada por Brigantium, Galaicos: Poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C. – 50 d.C.) (2006-2007) e o interesante libro de divulgación A Galicia castrexa (2009), de Javier Rodríguez Corral, ofrécennos novas perspectivas sobre o noso pasado que fan reflexionar. Ambos os dous libros, nos seus respectivos rexistros, son unha sorte de actualización do que sabemos sobre os nosos castros, reunindo bibliografía, informes e tamén unha visión menos reducida do mundo, apoiándose nas comparacións, sen medo nin prexuízos aparentes, co resto do mundo celta atlántico ou co resto da Península Ibérica ou Mediterráneo.

O resto do artigo no interior do post.

Diferencias xeográficas

Da lectura das dúas publicacións sobrancean moitas conclusións que nos fan ver á Idade do Ferro como un cadro complexo e dilatado ao longo do tempo, no que os tópicos non encaixan con facilidade. Rodríguez Corral e González Ruibal amósannos un mundo castrexo que variou notábelmente ao longo do tempo e do territorio. Na época castrexa, había notábeis diferencias rexionais entre os castros da costa e do interior, do sur e do norte; entre elas, por exemplo, a propia construción das casas, de fortificacións, e mesmo gastronómicas. As evidencias arqueolóxicas constatan que nas Rías Baixas a dieta e a elaboración de alimentos era moito máis complexa, así como a vaixela precisa para cociñalos. E mesmo a organización da trama urbana e a elección de asentamentos variaba entre zonas.

Diferencias temporais

Popularmente asócianse as casas circulares ao mundo prerromano e as cadradas á romanización, pero as excavacións evidencian testemuñas de casas cadrangulares no interior desde os primeiros séculos do mundo castrexo. Mesmo en zonas costeiras, coma no valiosísimo, estraño e inédito castro que destruíron para facer o porto exterior da Coruña (os mesmo que promoveron tanto a candidatura de Patrimonio da Humanidade para a Torre de Hércules), apareceron estrañas e longas edificacións rectangulares nos albores da Idade do Ferro, contra o século VII a.C. Acontece tamén con outra visión, nada inocente, da arqueoloxía galega dos 80. Críase que as grandes murallas pétreas e monumentais xurdiran co contacto co mundo romano, pero os datos documentan que a construción de murallas contundentes de pedra nace mesmo na transición entre o mundo da idade do Bronce e a do Ferro, a finais dos séculos VIII-VII, e que este tipo de construción pétrea mesmo se abandona durante o castrexo medio. E pasa o mesmo coas saunas castrexas. Tamén se nos decían que eran unha sorte de imitación indíxena das termas romanas, pero as excavacións ofrecen evidencias da súa existencia cando menos desde a propia formación do concepto castro. Outro factor relevante é o papel que parece ter o comercio nestas sociedades, que estaban baseadas na agricultura pero que orientaban, claramente, os seus asentamentos na situación de roteiros comerciais e camiños -é dicir, nos que o desprazamento e a viaxe era un elemento de valor. Non eran comunidades ailladas.

As publicacións de Rodríguez Corral e González Ruibal ofrecen un mundo poliédrico, complexo, que aínda non albiscamos na súa totalidade. É moi interesante seguir a análise de Rodríguez Corral sobre a evolución do concepto de guerra. Para este arqueólogo, produciuse unha evolución notábel no xeito no que os nosos devanceiros afrontaban o xeito bélico. Desde o campeón individual que se parece albiscar nos petróglifos e nos depósitos e achados da Idade do Bronce ata o guerreiro que opera en bandadas de acción rápida, corpo a corpo inmediato, guerrilla en suma que revelan as estatuas de guerreiros castrexos.

O silenzo social

Sen embargo, os dous libros tropezan tamén coa mesma paradoxa. O arqueólogo Xurxo Ayán resumíama o outro día: “somos un dos territorios europeos con maior número de metros excavados en área en xacementos, pero seguimos tendo unha idea moi limitada sobre como era a sociedade da época”. E esa é a paradoxa dos nosos devanceiros. Temos moita información, miles de xacementos, pero continuamos a descoñecer mínimos obvios das relacións sociais, de poder, as crenzas, as ideoloxías, a vida e a morte, a noción de identidade, mesmo de etnia. Os princeps, por exemplo, que aparecen mencionados nalgunhas inscricións luguesas, que parecen falar dunha aristocracia indíxena. Só hai detalles que nos permiten albiscar un mundo, insisto, moito máis rico e dinámico do que ás veces nos imaxinamos.

Souvenirs da distante guerra

É o caso dun dato que ofrece Rodríguez Corral. Como todo no tema da cuestión social no mundo castrexo é un indicio, malia que non definitivo, pero tamén é sintomático. Contra o século IV a.C., un tipo de fíbula -prendedeira de capa- estendeuse con rapidez desde unha rexión remota, periférica e excéntrica do mundo castrexo -desde o noso punto de vista actual-, o Tras-os-Montes portugués, ata todo o resto do Noroeste peninsular, alí onde chegaba esta cultura. É un fenómeno bastante insólito, xa que os modelos e obxectos que se estendían con maior rapidez adoitaban ser aqueles de importación, traídos do Mediterráneo. Para Rodríguez Corral, se cadra estamos a ver unha pegada de algo que vai máis alá. Dos grupos de guerreiros castrexos, de múltiples zonas do país, que baixaron a Tras-os-Montes, a participaren en accións bélicas contra o mundo romano que comezaba a colisionar alí contra a civilización castrexa, quen sabe se a xeito de razzias, como falan as fontes romanas, ou en campañas bélicas máis organizadas. Tras-os-Montes era a primeira fronteira, se houbese unha certa unidade cultural e social do mundo castrexo. De volta ás súas casas, as fíbulas transmontanas puideron ter sido, coma nos exércitos actuais, souvenirs e ao mesmo tempo símbolos do que os uniu nas campañas contra os latinos. ¿Por que tomaron xente de sitios tan distantes como a Mariña a decisión de baixar a combater a esa distante e montañosa rexión?¿Por que eran conscientes de que o que se xogaba en Tras-os-Montes podíalles afectar?¿Que os unía?¿Quen os dirixía?

7 Comments

  1. Xabrés da teixeira
    28 / Xuño/ 2009

    Estupendo artículo, coma sempre.
    Con relación as formas, circulares ou rectángulares, coido que xa vai tempo que se desbotou a idea do castrexo circular somentes. Na zona que mencionas de Tras os Montes, unha parte bastante importante do escavado, amosa lizaces rectángulares. Como mostra dous que están moi pertos un do outro: A Cigadonha na Moimenta-Vinhais, e o das Muradellas en Lubián so tein restos rectángulares. En Hermisende parece que pode haber outro.
    Saúdos

  2. 29 / Xuño/ 2009

    Sen prexuízo do período castrexo, a min o que me parece máis interesante e enigmático aínda é o período anterior ás invasións indoeuropeas por parte dos celtas. É dicir, a longa época, probablemente de varios milenios, na que o territorio galego estaba habitado polos pobos atlánticos preindoeuropeos que xa se asentaran aquí durante as glaciacións e que logo habían poboar todo o occidente europeo e habían de manter un intercambio comercial e cultural entre as distintas Fisterras do Golfo de Biscaia e do Mar Celta.

    Se a sociedade prerromana é xa un misterio, imaxinade o período anterior, o precéltico, o dos comedores de ostras responsables das mámoas, dos dolmens e dos petroglifos.

  3. lapatianco
    30 / Xuño/ 2009

    O pasado 4 de Xuño fun a unha conferencia interesantísima que deu Alfredo González Ruibal na UNED sobre las “Sociedades de “Casa” en el mundo galaico e a arquitectura castrexa”, seguindo un tanto as ideas de Levi Strauss.
    A combinación (por fin) de arqueólogo e antropólog de Ruibal coido que vai dar moito de si. Foi unha charliña de pouco máis dunha hora, pero as pinceladas, a nova visión que propuxo para a interpretación dunha etapa da cultura castrexa foi moi estimulante.
    Teño que facerme con ese volume do Brigantium, que non o teño.
    Saúdos.

  4. 30 / Xuño/ 2009

    Interesante, terei que buecalos. Por certo, a aberración de destruir un castro para facer o peirao esterior é, por desgracia, unha decisión moi comun neste noso pais…unha magoa. SAúdos e apertas

  5. lapatianco
    1 / Xullo/ 2009

    An, tes razón. Foi unha barbaridade. Pero como esta témolas tódolos días.

    Pensando en positivo (sic) tes que decatarte de que este castro marítimo destruído en Arteixo para facer o Porto Exterior da Coruña deunos a oportunidade, UNICA ATE HOXE de excavar un castro en área NA SUA TOTALIDADE, é dicir, non foi excavado parcialmente ou por catas, senón todo enteiriño el, ¡¡e todo ó mesmo tempo!!!. ¡E éche a primeira vez que esto acontece!!. Nin os castros de Baroña, Viladonga, Coaña, Santa Tegra, Lás, nin Briteiros ou outros de Portugal, etc. foron escavados totalmente (con bon criterio por suposto).
    E coido, pola escasa información que vai chegando mentras esperamos á publicación da “memoria” da excavación (e nunca mellor nome tivo), que hai datos sorprendentes que van cambiar algunhas cousas na maneira de intrepretar o mundo castrexo.
    Estes últimos anos está dando moito de si a cousa. Esperemos que co novo goberno non volvan á arqueoloxía os tempos escuros do “fraguismo”.
    E non che sei eu se serán peor esas excavacións parciais que logo se abandoan e deixan pista libre ós vándalos.
    Saúdos.

  6. 1 / Xullo/ 2009

    Lapatianco, coincido contigo no problema do abandono das escavacións iniciadas. É algo que nunca comprendín, como os concellos non aproveitaban ese recurso posto en valor que ten uns custes de mantemento mínimos (irrisorios, se os comparamos co polideportivo local).

    Eu tamén debezo por ver publicada a memoria do castro. Mágoa que non souberamos da súa relevancia mentres se estaba a excavar, antes de que o destruíran as máquinas. :-)

  7. lapatianco
    2 / Xullo/ 2009

    Pois diso se trataba. Que xa que o excavaban, non se soubera a importancia que tiña (teríano desfeito igual).
    Lembro un par de titulares da Voz de Galicia, onde dicia case textualmente “Confírmase que o castro de punta Langosteira non ten moito interese, como xa se supuña” (sic), e outro que dicia “as excavacións do castro de Langosteira xa dan traballo ós veciños de Arteixo” como para xustificar.
    O que teño medo (que algúns comparten), é que a memoria se publique, pero con cortes “políticamente correctos”. Xa o veremos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *