Como xa comentei aquí, onte participei nunha mesa redonda sobre a xestión e difusión cultural en tempos de crise organizado dentro do Roteiro de Creación, unha iniciativa totalmente civil, asociativa e de marcado carácter urbano das que temos poucas neste país. Foi interesantísimo escoitar a Chiu Longina, ao representante de Estaleiro Editora (síntoo, esquecinme do teu nome), falar con Teo, con Miguel Anxo Rodríguez e o resto e participar, na zona de actos da Estación de Cornes (que chula quedou esa sala coa reforma), nunha interesantísima discusión co público sobre o momento actual da cultura neste país. Estas son as notas (moi abertas) que levaba eu para o debate.
1. Desde o punto de vista do mercado e do consumidor, a cultura é entretemento ‘low cost’ que sempre se beneficia dos contextos económicos desfavorábeis desde o punto de vista dos seus consumidores.
2. A produción cultural de gran formato e de espectáculos é a que máis acusa o recorte orzamentario do cliente do sector público, e aínda non vimos os momentos máis críticos pola falta de liquidez das administracións.
3. A desfragmentación da audiencia é real, relevante e debemos comezar a asumila. A oferta é moi diversa e a nosa audiencia é reducida e en constante fluctuación e negociación. Debemos combinar linguaxes máis abertas aínda para públicos amplos, pero agora podemos crear un ‘nivel intermedio’ (linguaxe especializada, hiperlocal, etc.) que introduce novas posibilidades no xogo.
4. As fronteiras entre creadores, público, técnicos e difusores están caendo e debemos actuar en consecuencia. A especialización continuará existindo, pero cada parte deberá recibir e compartir máis coas outras.
5. En Galicia hai esforzos persoais en produción e difusión, pero temos un concepto moi ríxido de divulgación derivado, en última instancia, do excesivo peso académico na divulgación. Escribimos para os creadores, para os metacreadores, para os investigadores, non para os receptores. Herdamos unha visión pobre da cultura nos medios.
6. Cómpre racionalizar os esforzos públicos en produción e difusión cultural. Existe unha enorme dispersión de iniciativas públicas en materia de divulgación. Debería existir un Catálogo Público de Proxectos existentes, en curso ou en proxecto, consultable polas administracións e tamén polos cidadáns.
7. O futuro a medio prazo da produción e difusión cultural terá que ver con catro cousas: a) a receita clásica do investimento público en proxectos non asumidos polo sector privado (catalogacións, dixitalizacións…); b) xestionar, promover e obter valor da intelixencia colectiva; c) xestionar os nosos proxectos para que poidan entrar en secuencia con outros. A secuencia é a cadea de valor. d) Explorar canles pouco convencionais (formatos, clústers de contido, blogzines, etc.), pero non só como filosofía creativa, senón como xeito de localizar nichos e públicos que existen pero non coñecemos ou non os consideramos.
8. ¡Dixitalicemos, malditos! A rede forza a transparencia e elimina barreiras: a transparencia é o mellor antídoto contra a esclerotización do activismo cultural. Estamos nun momento no que a lóxica cultural comeza a facer incomprensíbeis as actitudes analóxicas, os libros básicos da nosa cultura que continúan apodrecendo esquencidos. Hai que colocar á cultura clásica do país en secuencia coa modernidade, hai que fragmentala e introducila na maré. Defendo unha sorte de patriotismo dixital. Se non hai fotos do patrimonio do teu concello, colle a cámara e vai facelas. Se o teu alcalde é un túzaro no coidado de roteiros ecolóxicos, reconstrúeos en GPS. E non saques a mala excusa de que o deberan facer os Outros, ou a Administración (así en abstracto). A miúdo nos dedicamos a teorizar sobre as institucións como un xeito de evitar pensar sobre nós mesmos, que é ben máis difícil e, aínda que pensemos o contrario, máis comprometido.

Paréceme unha moi boa colleita de ideas, das que moit@s temos que aprender.
Un par de cousas:
Do punto 2. Comeza a verse. Senón pregunta a quen está pendente de cobrar da AGADIC, un millón de euros segundo Xornal, que lle debe ás compañías de teatro. A produción de espectáculos grande vai en descenso: téndese a compañías pequenas con moi poucos medios, por exemplo, no caso de teatro e da danza, que é o que máis coñezo. E a ver que pasa se se reducen orzamentos, que cultura é de onde primeiro se recorta, quen financia a cultura e quen a merca, a promove e a distribúe.
Do punto 6. Fundamental!!! Compostela é un exemplo flagrante de sobreprogramación e competencia entre as distintas administracións, como punto de partida, como para pensar en coordinar con proxectos asociativos, ou salas privadas, etc. A sobreabundancia e a seca de acontecementos culturais (xuño é un mes baldío, por exemplo) é constante. A coordinación de proxectos culturais non só beneficiaría ao público, senón que tamén dotaría de maior visibilidade aos proxectos culturais, sobre todo aos de menor entidade (orzamentaria ou institucional, digamos), que a miúdo son moi interesantes e quedan solapados polos eventos máis “mediáticos” ou que teñen máis proxección.
Do punto 8. Está claro, é a vía, a clave para min está na visibilización, e aí a rede é fundamental. Eu inclúome en quen perde enerxía maldicindo a quen debería facelo, pero tamén está no noso compromiso particular.