Máis sobre os xudeus de Cabanelas

Esta historia vai sobre algo alucinante que se pode atopar na aldea de Cabanelas, no Carballiño. Con amigos, andei este sábado o vello camiño do Ribeiro. Ensineilles eses dous lugares descoñecidos, o Castelo de Cavadoso, coa súa aldea medieval no interior, e a Ponte do Castro. Camiñámolos baixo a chuvia, que non nos abandona ata o final da tarde. Polas lousas da brea escorregan os regatos intempestivos de xuño. En Cima de Vila de Cabanelas atravesamos os vellos pazos, que nos levan ata a aldea de Cabanelas que moitos lectores de Capítulo 0 lembrarán porque alí, no rueiro de Quintela, nunha casa medieval en ruínas, está a cara dun xudeu, a súa muller, e unha espectacular estrela de David. Repito algunhas fotos para que a vexades os que non coñecedes a historia:

Vemos a porta da igrexa de Cabanelas aberta. E dentro, poñendo as flores, está Elvira. Por casualidade, descubrimos que Elvira é a propietaria da casa da estrela de David, no lugar de Quintela, na parte alta de Cabanelas. Con Elvira está o seu canciño. Coa chuvia, o animal leva este simpático chuvasqueiro a base do ul vello da mesa da cociña.

Elvira fálanos da casa dos xudeus. De como pertencía aos señores de Moscoso antes de que a mercara o seu bisavó cunhas terras. De como a estrela de David apareceu cando o concello derrubou unha casa que estaba ao carón. E máis. De como as dúas figuras, a do xudeu e a da muller, tiñan nome.

-Pepe e Pepa, ou algo así? -pregúntolle, supoñéndome que habían ter algún trasunto humorístico na familia.
-Non, non. Eran nomes que non se comprendían. Como se foran en árabe. Pero non me lembro. Unha familiar emigrada no Brasil sabíaos.

Actívanseme as alertas, porque pode ocorrer algo prodixioso. A ver se os recorda, señora. Elvira tenta facer memoria, pero non dan saído. Guindamos nomes ao aire. Nada. Chama por teléfono ao fillo, que vive no Levante. El tampouco se lembra. O que estamos vivindo, tan pequeno, neste serán de Cabanelas, é unha pura metáfora de como se nos vai a tradición oral. A memoria lévanos un dato se cadra moi valioso: o de dar nomes a dúas esculturas do século XV e, xa sabedes, ao ter nomes, ábresenos un mundo. Vemos como esa tradición oral escorrégase entre as mans, váisenos. Elvira non lembra os nomes. Pero dános algo a cambio.

-Non son as únicas caras da casa. Adentro hai outra máis, pequena.

Non coñecemos esa última cara. Subimos a Quintela, ata a casa dos xudeus. Dentro é unha silveira, pero Miguel localiza a cara tapada polas enredadeiras da que falaba Elvira, no pousadoiro dunha trabe do primeiro piso, alá por detrás das silveiras, na parede de enfronte. Entre zarzas e trabes atopa unha vía para chegar ata alí, e imos movéndonos, con medo de que se nos caia todo enriba, as trabes, as tellas, os muros. Miro para atrás, para a porta, e lembro inmediatamente algo que me preguntara Afonso Vázquez-Monxardín sobre o post dos xudeus de Cabanelas:

-¿E ao carón da porta, no marco da dereita segundo entras hai un oco? Porque ese oco é a Mezuzah.

E alí estaba a Mezuzah, si, case non o podía crer. Unha pequena capeliña característica das casas hebreas na que os xudeus deixaban dentro dous pergameos, o Shemá Israel (Oe, ouh Israel) e Vehayá im shamoa (No caso de que me oirades), os dous do Deuteronomio. Cando mo contou, buscara na Biblia os versos do No Caso de que me oirades. E é unha vella beizón que soa tal que así:

(…) Eu darei a chuvia á vosa terra cando cómpre, a ceda e a serodia, e ti recollerás o teu gran, o teu viño e o teu aceite

Darei tamén herba no teu campo para o teu gando, e comeredes ata fartar (…)

Poredes estas palabras no voso corazón e na vosa alma, atarédelas como sinal na vosa man e serán como insignias nos vosos ollos.

Ensinarasllas aos vosos fillos, falando delas cando sentes na túa casa, cando andes polo camiño, cando te deites e te levantes.

Escribirédelas nos postes da túa casa e nas túas portas.

Para que sexan os vosos días (…)

Miguel dime algo desde o fondo da casa.

-Xa limpei a cara.

Miro para ela. Tamén Xurxo desde a porta. E sinto unha emoción especial -hoxe teño o día moi emocionado- ao vela, e decatarme de a quen puido pertencer esta cariña máis miuda e pelo máis curto. Mentres lle tiramos fotos -antes de que todo isto se derrumbe-, escoitamos a Xurxo desde detrás, desde a porta, pechando esta historia.

-É a súa filla. É a filla destes dous.

8 Comments

  1. Tito Levoso
    7 / Xuño/ 2009

    Unha historia de convivencia xudea no Ribeiro nos días que Obama unha vez mais no tempo intenta un encontro entre os pobos Israelis e Palestinos.

  2. 7 / Xuño/ 2009

    Impresionante! Sempre pensei que non existiran xudeus fora das vilas pola prohibición de ter terras!!!

  3. 7 / Xuño/ 2009

    Non tiñan por que ser propietarios de terras, Xavier. No Ribeiro está documentado que había uns cantos que eran administradores do patrimonio dos señores…

  4. 8 / Xuño/ 2009

    Ah! Efectivamente!. Pois si, ho!

  5. miguel-aat
    9 / Decembro/ 2012

    Hola, aunque con tres años de retraso me incorporo a esta conversación porque conocí esa casa hace diez años y pude fotografiar esos rostros. Años antes ya habían sido estudiados por Jaime Ferreiro Alemparte que aportaba la teoría de que la casa perteneció a la Orden del Temple, cuyo símbolo sería la rosa de cinco pétalos inserta en la estrella de seis puntas. El artículo apareció en las Actas sobre el Cister en Galicia y Portugal, de cuatro tomos pero no recuerdo en cual de ellos.

  6. toño
    28 / Febreiro/ 2013

    El aragonés Juan Fernandez de Heredia fue maestre de la orden militar de San Juan en la primera mitad del s.XIV. La iglesia de S.Juan de Ribadavia pertenecia a dicha orden. Esta capilla de Cabanellas no hay certeza de si pertenecia a dicha orden o era propiedad privada de Fdez de Heredia.

  7. Luis
    28 / Febreiro/ 2013

    Bueno, a risco de levar a contraria… non teño eu moi clara esa conexión xudea. A estrela de David era un elemento protector moi empregado na Idade Media, non só en ambentes hebraicos. É ben coñecido o caso do rosetón da Catedral de Burgos.
    http://evartecoca.blogspot.com.es/2012/12/catedral-de-burgos.html
    Nesta ligazón temos fotos de dous dinteis de casas medievais galegas, nas que a estrela comparte espazo con cruces: en Centroña e (xusto ao final da páxina) Ortigueira.
    http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=2380
    Conste que eu o da conexión templaria do símbolo, nin idea; nin quito ni poño…

    Outra cousa que me fai duvidar é o da Mezuzah. A mezuzah propiamente dita son os dous textos enrollados e metidos dentro dunha caixiña. A mezuzah debe ir colocada nos marcos.
    Sen embargo, na casa da que se fala neste post, a cousa éche ben distinta: o buraco non está labrado no marco, senón que é un óco; sinxelamente, retiraron unha pedra. E nin sequera está no marco propiamente dito. Tomando como referencia a foto na que a suposta mezuzah aparece resaltada en azul… o normal sería que a cavidade ritual estivese labrada xusto na pedra que está á dereita do óco, e ollando cara ao marco situado enfrente, ou cara fóra. Teño visto varias en terras extremeñas.
    Algúns exemplos:
    -Rubielos (Teruel)
    http://maestroderubielos.blogspot.com.es/2012/04/restos-de-una-mezuza-judia-en-rubielos.html
    -Barcelona
    http://www.catedra-alberto-benveniste.org/_fich/15/Viagem_Barcelona_e_Franca_2010_714.JPG
    -Castelo-Branco (Portugal)
    http://www.catedra-alberto-benveniste.org/_fich/15/Castelo_Branco-Judiaria-Rua_dEga-_Pormenor_de_Portado_com_Mezuzah.jpg

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará