
O mércores participei nunha intensa cata da nova anada da Denominación de Orixe Valdeorras; creo que estaban case todas as adegas interesantes da zona. A cata múltiple é moi interesante, aínda que cansa: permite apreciar as grandes liñas, as tendencias, os cambios de mentalidade. E tamén as particularidades da anada: no 2008 moitos adegueiros comentáronme que fixeron, debido ás desfavorábeis condicións metereolóxicas, unha vendima bastante tardía, nalgúns casos mesmo no 28 de outubro.
A anada 2008 de Valdeorras caracterízase por este factor: viños cun toque de acidez moi característico e unha maior presenza de matices de froita algo verde, notas varietais que se cadra, na maior parte dos casos, aínda precisan redondearse en botella. Estes viños estarán mellor en dous ou tres meses. Nesta oferta do 2008, observamos tamén como os adegueiros da denominación tentan abrirse camiño, diferenciarse e facerse competitivos no duro mercado dos viños para un mercado máis selecto, apostando por fórmulas que funcionan noutras D.O. Nos godellos, están a fermentación sobre lías e a crianza en barrica do branco; polo de agora, é esta variedade a que mellor se revela para a crianza de branco no país. É moi interesante, por exemplo, o xeito no que se traballa coa barrica: algúns adegueiros optan por axudar coa barrica a darlle ao branco notas de fume e froitos secos, algúns con maior fortuna e outros con menos. Por exemplo, o traballo da Adega Valdesil co Valdesil 07 e o Pezas da Portela 06 (a mellor nota da D.O. no Wine Codex) é un exemplo de integración, pero tamén o traballo delicado que fai coa madeira Rafael Palacios con As Sortes 07, un dos viños xa case míticos da D.O., e no que sobrancea a integración da madeira nun godello moi mineral, e a súa versión máis asequible, o Louro do Bolo 08. Moi interesante tamén resulta o seductor e envolvente traballo en madeira de Viña Somoza.
Sabores da memoria evolucionada
Pero hai máis. Mentres moitas adegas privadas exploran o que dan de si as lías e o carballo francés, chamoume a atención o traballo das cooperativas da zona. Dunha liña previa de produción masiva, as cooperativas están buscando o seu propio camiño nos novos mercados do viño, ofrecendo godellos aínda experimentais (as súas producións están concentradas no mencía), cun número pequeno de botellas, pero no que saen cousas moi redondas. O mellor, sen dúbida ningunha, é o Viña Abad 08, da Cooperativa Jesús Nazareno, que é pura expresión de varietal godello, cun sabor máis tradicional pero dunha estrutura moi completa e redonda. Está moi ben que se preserve tamén o gusto máis vello do viño da zona.
E os tintos
Os tintos que máis me chaman a atención de Valdeorras son estes mencías feitos máis nas costeiras, en bancais bastante inaccesíbeis. Ese mineral pasa á uva e engade unhas dimensións elegantísimas a algúns mencías. É o que pasa co Lagar do Cigur Barrica 07 e o Alan de Val Pedrazais Barrica 07, o Ventura 08, que son auténticas expresións deste mencía saboroso, opulento, mineral atemperado co repouso en madeira, pero sen que resulte un traballo de ebanistería. Fíchenos porque pagan a pena. E se poden, fáganse por certo cunha botella dunha auténtica xoia enolóxica da Adega Alan: A Costiña 08. É un brancellao 100%, que ten as notas olfativas máis espectaculares e diferentes dun varietal galego, e unha estrutura bastante decente. Toda unha curiosidade que lles recomendo catar se teñen posibilidade para coñecer esta variedade autóctona tan descoñecida.
Todos os viños catados da nova anada de Valdeorras en The Wine Codex

Be First to Comment