Restaurante Lusco Fusco en Muros: outro bo exemplo de cociña emerxente na Costa da Morte


O Faro de Lariño. Ao fondo (non se distinguen), os Baixos de Meixide. Fotos: Sole

Nada máis rematar de xantar no restaurante Lusco Fusco [T: 981827607 / localización], en Muros, fumos ata o Faro de Lariño, levados por unha curiosidade que nos intrigaba: ver os baixos de Meixide, a tres millas náuticas mar adentro desde o faro. Paseamos pola praia chea de inmaculados cantos rodados, golfiños mortos e unha torre ou pombar en ruínas. E alí, estaba, ao fondo. Poucas veces tivera esas gañas de ver o lugar exacto de onde procedía a comida que comín. Os baixos de Meixide. As ondas chocaban contra un conxunto de rochas negras aló o lonxe, como baleas varadas fronte á ría de Muros.

En realidade, a min o que me intrigaba é a excepcional calidade do polbo á grella que tomara no Lusco e Fusco, un local aberto hai un ano na entrada de Muros, na subida a Serres, que coñecín nunha mención que fixera nalgún lugar da rede José Luis Louzán. O polbo é un dos produtos nos que se percibe máis a procedencia, o seu sabor é todo un sotaque local: en si mesmo, cada exemplar é unha auténtica denominación de orixe. Eu son do polbo dos baixos de Sálvora, das pedras de Mugardos, e de Muros. Polbo da pedra, pequenos, con brazos de sabor concentrado. No Lusco Fusco o polbo dos baixos de Meixide prepárano de xeito excepcional: coa mesma auga do polbo e un bo aceite, crean unha sorte de falsa maionesa aproveitando a xelatina da cocción. Tédela que probar. Espectacular.

A excepcional despensa mariña local inspira a carta. Por exemplo, os chocos do Mar de Lira, alí en Carnota. Eu tomeinos nun abundante meloso baixo uns tacos de rape: un prato en conxunto algo excesivo no tamaño pero un auténtico luxo de sabores de primeira. En pratos do interior tampouco se defenden mal: á mesa tamén chegou un año en dúas coccións, preparado con calma en dous tempos diferentes, moi digno. Para rematar, unha torrixa de coco de vicio. Pratos moi ben resoltos, con proverbial abundancia para conxurar falsos tópicos populares sobre a cociña contemporánea, e nos que a evolución do restaurante (só leva aberto un ano) permitirá mellorar a presentación final e o conxunto. A adega, moi ben coidada, con interesantes referencias que reflicten o afán do propietario por explorar denominacións, variedades e elaboracións. Non me lembro que pedín, pero como non lles quedaba, ofrecéronme un Pé Redondo de Martín Códax, un interesante viño de finca da cooperativa.

O Lusco Fusco é outro síntoma, xunto co Fragón de Fisterra, de que a gastronomía na Costa da Morte está comezando a diversificarse e apostar por novos estándares de calidade, por actualizar o recetario local e por atreverse a explorar os produtos da excepcional despensa mariña. Alonso Martínez, o novo propietario, montou este local hai un ano e non para. Viaxa, coñece locais, asiste a cursos nas áreas nas que quere perfeccionar a carta, e cunhas enormes gañas de aprender: transmite ilusión, a mesma ilusión que no Fragón, de quen ten gañas de aprender e non lle importa confesalo. Vaille ben ao Lusco Fusco: unha mostra de que o traballo esforzado, un local de coidada decoración, boa cociña e un servizo discreto e eficiente permite colleitar esforzos. Viño, un entrante, dous segundos, postre compartido e cafés saíron por 33 euros / cabeza. Non hei tardar moito en volver.

8 Comments

  1. 15 / Maio/ 2009

    Que follón!! pulpo de roca, pulpo de arena…cual es el mejor??

    Los escadores Bueu dicen que sin duda el de arena…

    Supongo que será cuestión de gustos…o no…

    Milu.

  2. José Luis Louzán
    15 / Maio/ 2009

    Canto me alegro de que o pasases tan ben Manuel (non o dudaba, pero todo o mundo ten “momentos”). Ese Pulpo é unha das cousas mellores que probei na miña vida. Innovador pero sen esquecer as bases da calidade do propio producto…

    Por pura curiosidade ¿que viño era o que non tiñan ? (para tiralle das orellas jeje).

    Para min Alonso con Fran, Gonzalo e Sefa (O Fragon) e outros catro puntos moi concretos son probablemente os bastions dun xeito de facer as cousas dimateralmente oposto o habitual por estos lares de hosteleiro afeizoado que puso un bar-restaurante por non poñer un comercio de roupa ou un super….

  3. minhato
    15 / Maio/ 2009

    Que mal, que mal pero QUE MAL o pasou ese anaco de mar cando o Prestige. Naqueles dias, se veia tan negra a praia de Lariño, tanto chapapote chegou alí, que pensei que nunca volveria a ser mar. Pero parece que despois de todo sigue sendo o que era …

  4. 16 / Maio/ 2009

    José Luis, non consigo lembrarme de cal foi o viño que pedín en primeira instancia. Era un godello se cadra (tiña uns días de godellos).

  5. 16 / Maio/ 2009

    Minhato, na praia de Lariño atopeime algo curioso. Nun punto moi concreto (máis ou menos na metade da praia) concentrábanse as cousas que botaba o mar á terra: tramallos, boias, algunha lata e…dous golfiños mortos.

  6. 22 / Maio/ 2009

    Siento no poner mi comentario en “galego” pues soy pucelana y aunque lo entiendo a la perfección pues mi familia es de Coruña no consigo escribir una letra.He estado en Lusco Fusco y sólo puedo decir maravillas,de la comida, del local y del trato dispensado por Alonso y su equipo.Yo también espero volver.Tenéis que probar el milhojas de foie, im-presionante.Besiños desde Valladolid con morriña

  7. 29 / Outubro/ 2011

    F*ckinˇ¦ remarkable issues here. I am very satisfied to look your post. Thank you so much and i am having a look ahead to touch you. Will you please drop me a e-mail?

  8. 16 / Decembro/ 2011

    Señores, señoras, aviso de que o Lusco Fusco pechou. Unha mágoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará