Mad Men: unha serie de xénero

Eu cheguei a Mad Men, esta serie sobre publicistas neoiorquinos e as súas familias a principios dos 60, convencido de que as tramas da serie irían sobre anuncios, clientes, excesos da noite neiorquina, esas cousas. Algo que fixera chiscadelas co mundo actual a través dos anuncios. Pero a miña sorpresa, tras levar vistos tres episodios, é bastante grande. En realidade e, sobre todo, Mad Men é unha serie de xénero. É dicir, unha serie sobre a vida da muller hai non demasiados anos, a súa posición real, psicolóxica, reducida a quinqué ou a robot doméstico, pero tamén como ese mundo de pin-ups comeza a escachar. E si, tamén está a visión do mundo, actitudes, conflitos e contradicións do macho dominante, que bebe e fuma no traballo, e marcha de putas cos amigos. Faite sentir incómodo. Como concesión, en cada episodio non faltan as chiscadelas en relación a marcas ou estilos publicitarios que naceron naquel momento nese corazón do mercado e que hoxe son omnipresentes. Pero hai máis: a serie ten episodios de finais cortantes, como a min me gustan. Son coma os relatos escritos por James Joyce: sabes que pechan, pero non o parece polas palabras. É estraña, intrigante. E moi entretida.

2 Comments

  1. Juan Castro
    14 / Maio/ 2009

    Engancheime hai uns meses, coa rara sensación de que non pasa nada en cada capítulo, pero en canto rematas xa queres comezar o seguinte. Non ten grandes arcos argumentais nin grandes intrigas pero transpira un realismo doente.

  2. Fin
    15 / Maio/ 2009

    Estou enganchado. Ten moitas lecturas: dende a competitividade profesional (que se pode trasladar mesmo á redacción dun xornal calquera) ata unha imaxe digna de longametraxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *