Unha conversa sobre gráficos e multimedia no New York Times

Na viaxe que realizamos recentemente aos Estados Unidos, tivemos a oportunidade de visitar o New York Times e entrevistarnos con dúas persoas claves para comprender o actual liderazgo en innovación do nytimes.com, a edición electrónica do emblemático e influínte xornal. Tratábase de Steve Duenes, editor de Gráficos e Andrew DeVigal, o editor de multimedia, mercé á intercesión de Xaquín González, Xocas, un infografista que está a traballar na área de gráficos do NYT. Desa experiencia, editamos 17 minutos de vídeo con fragmentos relevantes que te poden interesar.

Nas interesantísimas e longas entrevistas con Duenes e DeVigal, puidemos reflexionar con eles sobre este proceso de cambio dun xornal tan complexo coma o New York Times. Nos últimos tres anos, a redacción comezou a vivir un interesante proceso de transformación: elimináronse xerarquías intermedias e todas as áreas comezaron a traballar dunha forma máis aberta e descentralizada, por unha banda, e pola outra entrou na redacción numerosa xente nova de perfís non xornalísticos, senón máis ben técnicos: programadores, especialistas en deseño web, etc. Ese proceso tivo dúas consecuencias para o xornal: a primeira foi un incremento de produción en todas as áreas máis artesanas (e multimedia, gráficos e a web o son) ata niveis moi elevados. “Somos capaces de publicar multimedia”, dinos DeVigal, “de xeito habitual, diaria ou semanalmente”. Pero tamén tivo contrapartidas, como nos sinalou Steve Duenes: toda a xente con eses novos perfís carece de formación xornalística e iso limita bastante a execución dalgunhas historias. Unha pura historia das consecuencias da evolución dos medios, cos seus achados e contradicións.

Duenes e DeVigal afrontan cunha receita clásica e moita apertura de miras o futuro do xornalismo. “It’s all about content”, asegura DeVigal cando se lle pregunta que é o que distinguirá aos medios nun contexto de sobreabundancia informativa. Os multimedias do New York Times fanse con xornalistas radiofónicos, reclutados na radio pública, que a base de Audacity, editan, reeditan e traballan o audio para conseguir un discurso directo, sinxelo e claro nas fontes. Pura paciencia. Pero os cambios, benvidos sexan: “Os programadores están a cambiar a nosa visión da narración de historias”. Para o futuro inmediato, DeVigal ve dúas direccións: a sala de estar e o teléfono móbil. “Xa estamos deseñando historias para ser vistas nunha televisión interactiva, nunha sala de estar”, asegura DeVigal, “pero tamén queremos velas aquí [sinala o seu iPhone], malia que aínda non teñamos un xeito de facer economicamente sustentábel as experiencias móbiles. Sei que hai diñeiro, pero aínda non sabemos onde”.

One Comment

  1. 6 / Maio/ 2009

    Me parece que puxeras ti unha viñeta na que os xornalistas dixitais e os da prensa clásica se observaban como extraterrestes e dinosaurios respectivamente. Tamén había un debate na prensa norteamericana se o infografista debería ser mais deseñador gráfico que xornalista ou a inversa ou nunha mestura.
    Por outra banda é un luxazo ter a alguén como Xocas traballando no, posiblemente, mellor diario dixital do mundo, ademais de ser un tío estupendo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *