Por unha nova cultura da comunicación do viño

A sección de gastronomía e viño de Barnes & Noble na 5ª Avenida de Nova York é como unha locomotora e cando menos tres vagóns dos sete que ten están dedicados en exclusiva ao mundo do viño. E non falamos só de guías, puntuacións e didácticas. Non: falamos de ensaio, libros de viaxes, tratados, álbumes, novelas, todos publicados en inglés ao redor do mundo do viño e outras espirituosas. Senteime tirado no chan da libraría, canso de todo un día, mentres miraba aquelas ringleiras e ringleiras de libros vinculados entre si pola palabra Wine. Cantas veces teño escoitado a arroutada ignorante de “os americanos non saben nada de viño, nós si”. Ai, o nós!. Levan razón: nós sabemos tanto de viño todos que xa nin o poñemos por escrito. Non puiden evitar a comparación co andel de viños de Follas Novas ou de calquera grande libraría galega, pero a comparación non é posíbel: en todas elas non hai andel específico de viños: a produción é tan pequena que está subsumido dentro da área xenérica de gastronomía, e a maior parte desta é un vasto campo de recetarios.
Ídesme disculpar, pero na comunicación do viño o mundo anglosaxón lévanos moitas cuartas de avantaxe. Se cadra nós bebamos máis litros de viño, pero eles teñen investido moitos galóns de tinta en aprenderen, sen prexuízo, sobre todo o que o rodea. Así llo comentei aos alumnos de Ponteviño 09, o programa de formación en viño que organiza a Federación de Hostelería de Pontevedra en colaboración coa Asociación Galega de Sumilleres: durante o Curso de Sumiller tiven a oportunidade de impartir un curso sobre Comunicación e Viño. Recorrer a exemplos anglosaxóns para fomentar a discusión e a reflexión sobre como falamos, transmitimos e recibimos información sobre os viños foi evidente, lóxico e creo que produtivo.

Oz Clarke e James May
Quero compartir un exemplo anecdótico para explicar ben o que quero dicir. ¿Coñecedes a marabillosa serie de viaxes Oz and James’ Wine Adventure, da BBC? O crítico de viños Oz Clarke e o seu amigo James May percorren as principais zonas vinícolas de Francia con afán didáctico: a serie quere ensinar nocións básicas sobre o viño e faino a partir da confrontación de opostos. A James gústalle beber viño pero non falar del, e ten unha perspectiva burlesca sobre todo o mundo que rodea ao viño. Clarke tentarao aprender, dividindo a viaxe en temáticas. Burdeos será as notas de cata. Provenza as maridaxes. O Ródano, as variedades. Na confrontación de personalidades entre o Gentleman (Oz) e o Túzaro (James) é onde estoupa todo o humor da serie e a súa capacidade de entreter a unha ampla audiencia. Hai momentos maxistrais: despois de ensinarlle o básico da cata, Oz Clarke leva a James ao Château Pichon-Longeville Baron, un dos grandes premieres de Burdeos. Nunha sala con luces baixas e perante os propietarios do Château, James cata primeiro o viño branco da adega, do que se agarda que ofreza notas de albaricoque ou pexego. “A min chéirame a haxix”, afina. Tralo silencioso estupor xeral, Oz Clarke quédase mirando para o propietario e dille todo serio: “¿Abren vostedes as fiestras cando toman este viño?”.
No episodio 3, no Ródano, Clarke, que é un famoso experto vinícola no Reino Unido, decide facer unha cata a cegas de monovarietais para tentar distinguir os tipos de uva. Fracasa estrepitosamente, ata o punto de que, nun momento, cunha venda tapándolle aos ollos, proba un viño e interroga desesperado ao señor da adega: “¿pero este é un branco, non?”. O programa tamén ten escenas emocionantes, como cando no Ródano visitan a unha familia que elabora os viños seguindo técnicas extremas de biodinámica. Tédelo que ver: episodio 3.
¿Veremos algunha vez aos nosos gurús vinícolas locais cagándoa do xeito que o fai o reputado Oz Clarke na súa serie? Eu decateime do que acontecía: ao velo desesperarse probando viños, para min Oz Clarke gañou credibilidade: de infalíbeis sabidos está o mundo da gastronomía cheo. Tampouco veremos aos nosos expertos facendo o número do paiaso catador nalgunha adega en plan Vega Sicilia ou Marqués de Riscal. En realidade, os documentais españois sobre viño son soporíferos: pagados por Comunidades Autónomas, Denominacións de Orixe e adegas, están dirixidos aos clientes institucionais e corporativos máis que aos espectadores (aínda que moitas veces non sabemos canto da produción financian) e, polo tanto, fracasan polo xeral de xeito estrepitoso á hora de construíren un mercado de seu.
Por iso, se queremos chegar a un público máis novo e diferente, é o momento de converter ao viño no que é: un suxeito de diversión e emoción, unha parte indispensábel das vidas dos que nos gusta. Moita sorte coas vosas catas, xente de Ponteviño!












Grazas por vir e por traernos esta interesantisima e divertida presentación.
Oz and James son xeniais! Outro comunicador dun estilo semellante é Olly Smith, habitual de Saturday Kitchen (tamén da BBC), que evoca sempre imaxes pouco convencionais e dá argumentos divertidos cando comenta un viño.
[...] el post de Capítulo o sobre comunicación y vino y me siento reforzado en esa línea de libros gastronómicos que llevo [...]
[...] el post de Capítulo o sobre comunicación y vino y me siento reforzado en esa línea de libros gastronómicos que llevo [...]
Xenial programa, do que so cheguei a un capitulo xenial sobre Chateauneuf-du-Pape onde James misturaba “o seu xeito” variedades de uvas tintas diferentes para chegar a un “coupage” que despois deron a probar na rua a xente, franceses de a pe, que de catro mostras distintas, entre eles un gran cru da zona dos mais caros elitistas, adoitaron como “moi boa” a mistura de James…
Non se trata tanto dun problema de identificación da xente nova co viño senon, na miña opinión, ser capaces de separar o millo da palla… Se algo non é viño (partindo da base de definir que si o é), non deberiamos pararnos nin nos nin os supostos expertos nin un minuto en falar del. Pero mentres as Do´s sigan tendo na man, apoiadas e baixo o “palio” dos grandes grupos de fabricas de viño, o control do mercado, olvidadebos de poder trocar o modo de comunicación da cultura do viño como a maioria nos gustaría… non interesa.
A ignorancia é un valor importantísimo na economía de mercado. Un cliente informado e preparado resulta moi difícil de enganar…
Por outra parte, e xa que falades de literatura e Oz Clarke, recomendar aqui o seu “Atlas del Vino” que me parece unha obra de consulta fantástica.
E non será posible que poñas a presentación para botarlle un vistazo??
Un saúdo.
Son case todo imaxes e URLs, pouco aporta en si mesma sen o orador que estaba detrás
. Senón xa a tería subido. Pero grazas por interesarte.
Bueno, grazas a ti, que sempre estás disposto a compartir boas ideas.
Era o que eu pensaba, concordo contigo entodo. Comenteino con amigo que van de “entendidos de cortello” e non daban creto xa que eles nunca viran un programa destes. Outra cousa intersante son as peas que se apañaba James na viaxe as adegas californianas